|
|
|
HEMEROTECA » |
|
A. G. - CAMBADOS / VILAGARCÍA Non existe aínda comunicación oficial, pero a Consellería de Educación parece ter tomada a decisión de acabar co Plan Experimental de Galego que se aplicaba no colexio de Educación Infantil de A Pastora, en Cambados, así como noutros 22 centros públicos de toda Galicia. Implantado hai tres anos, en época do bipartido, o Plan Experimental de Galego era un programa destinado a nenos de contornos castelán falantes que lles garantía adquirir coñecementos plenos tanto na súa lingua materna como en galego.
Este programa é de carácter totalmente voluntario –os pais tiñan que firmar unha autorización expresa–, unha opción que se lle dá aos pais dos alumnos desde o colexio. Desde o primeiro momento a aceptación do programa foi total, pasando dun só curso con 25 alumnos de tres anos no súa primeira edición –cunha importante lista de agarda– a ter tres módulos con 68 rapaces de entre tres e cinco anos.
Ademais, a posta en marcha do programa tamén causou un forte interese dentro de toda a comunidade educativa polos éxitos que foron acadando, por iso a noticia de que Educación quere cancelar o programa está a causar un importante malestar tanto entre o profesorado como entre os pais de alumnos. Responsables do centro reúnense hoxe no colexio ás 17 horas cos pais para explicarlles a situación e decidir que medidas se toman.
Unha das responsables do centro explicaba onte que “todos os pais estaban moi contentos coa experiencia porque este proxecto de innovación educativa garantía que os nenos ían a ser totalmente bilingües, é dicir, ían poder expresarse sen ningún tipo de limitación nas dúas linguas”.
A intención do centro educativo era volver a solicitar os permisos necesarios para impartir o proxecto pero “enterámonos pola prensa de que o van a suprimir, pero a nós non nos remiten unha comunicación oficial”.
Resultados
Os resultados chegaron a ser tan bos que a dirección do centro tiña previsto solicitar ao colexio de primaria de referencia, o Antonio Magariños, que continuase coa súa aplicación para evitar que os pequenos puidesen perder competencia lingüística en galego, “aínda que agora xa non creo que se chegue a aplicar”.
O que teñen claro no centro é que non se trata dun problema económico por mor da crise, xa que tal e como estaba diseñado o proxecto podía seguir subsistindo se recortasen o material educativo que utilizan os nenos, polo que todo apunta a que se trata dunha decisión política.
O centro de Cambados era o único que contaba con este plan experimental do galego, que permite introducir a lingua en contextos castelán falantes, como son as cidades, pero non se descartaba que algún outro colexio puidese sumarse a el no próximo curso.
Os promotores desta iniciativa din que en todos os centros nos que se puxo en marcha este proxecto detectouse que os nenos castelanfalantes non perdían ningunha competencia lingüística nesa lingua, senón todo o contrario, “lograban dominar sen problemas as dúas linguas”, resaltan.
No que respecta aos nenos galegofalantes que accedían a este programa, lograban manter a súa lingua materna pese á presión do castelán.
Desde os Equipos de Normalización Lingüística tamén se amosan preocupados por esta decisión, xa que coidan que a perspectiva futura da lingua galega non é moi alentadora.
Casaescola califica a consulta de “irregular”
O colectivo Casaescola, que implica a pais de alumnos de diferentes centros de Vilagarcía de Arousa, celebrou onte unha asemblea no auditorio municipal na que trataron de informar das “irregularidades” que agocha a enquisa lingüística que está a realizar Educación.
Esta consulta, entenden desde o colectivo, posúe unha gran cantidade de “eivas” e carece por completo de rigor “ao propoñer opcións de resposta enganosas e ambiguas para os pais que descoñecen a distribución de materias que cursan os seus fillos”. Un exemplo disto, explicaron onte, é que “cando un pai queira manifestar que desexa que o seu fillo reciba o 50% das materias en galego, ten que escoller unha opción que na enquisa aparece como todas en galego, enunciado que pode ser interpretado de xeito ben distinto por aquelas persoas que descoñecen a distribución actual das materias impartidas nos centros”.
A actuación de Educación incurre, para o colectivo, noutras irregularidades, como son a falta de información sobre a mesma, “prohibindo calquera tipo de debate nos centros”, ou non garantir o carácter segredo da mesma.
Ante a prohibición impulsada por Educación, o colectivo decidíu celebrar este acto informativo no auditorio de Vilagarcía, participando no mesmo membros de distintos Equipos de Normalización Lingüística dos centros de ensino do municipio.
O colectivo respalda a sindicatos e docentes cando reclaman á Consellería unha proposta de implicación á hora de garantir na educación a competencia lingüística nos dous idiomas oficiais en Galicia, “ademais da incorporación máis decidida de linguas como o inglés ou o portugués”.
|
|
| CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO | PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR |
|
|
||||||||