A. G. - AROUSA
O traballo desenvolvido pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial acadou a semana pasada o seu máis alto recoñecemento ao formalizar o seu ingreso como membro de pleno dereito da European Maritime Heritage, o colectivo máis importante de recuperación do patrimonio marítimo de toda Europa, e que engloba a diferentes colectivos.
Entrar neste club non é algo testemuñal, a European Meritime Heritage ten fío directo co Parlamento Europeo e é o interlocutor para tratar sobre aspectos do patrimonio marítimo, influíndo sobre a lexislación comunitaria en cuestións de seguridade ou IVE. Colabora tamén coa Unesco e é membro do Comité Internacional de Museos.
Entre os seus obxectivos máis importantes destacan a cooperación entre as diferentes culturas marítimas europeas, a posta en marcha de accións encamiñadas a aumentar a conciencia pública polo patrimonio marítimo e os barcos históricos.
O propio presidente da Federación, Víctor Fernández, apuntaba onte que pasar a formar parte deste importante colectivo é un recoñecemento ao traballo que se vén desenvolvendo en Galicia nos últimos anos. "Os membros de European Maritime Heritage valoraron o traballo non só de recuperación senón tamén o da socialización que se está facendo do patrimonio marítimo", indica.
De feito, actividades como as regatas de dornas da ría de Arousa ou a de Faluchos de Bouzas foron unha das chaves que máis influíu nos membros da prestixiosa asociación para incluir á Federación Galega.
Representa ao Estado
A FGCMF é o primeiro colectivo de defensa do patrimonio marítimo do Estado español ao que se lle convida a ser membro de pleno dereito, polo que se vai a convertir no interlocutor entre a European Maritime Heritage e o resto de colectivos.
A formalización deste ingreso tivo lugar na cidade belga de Baasrode, exercendo como representante da Federación o director do Museo do Mar de Vigo, Pablo Carrera, no que delegou a última asemblea.
Xunto coa participación na cidade francesa de Brest como convidado de honra, este ingreso supón o salto e consolidación internacional do patrimonio marítimo galego, que conta cun grande recoñecemento fóra das fronteiras da comunidade autónoma.