A Xunta de Goberno local do Concello de Cambados vén de acordar que se inicien as xestións precisas para reeditar as principais obras de José Caamaño Bournacell, que foi o Cronista Oficial da localidade.

O Concello explica que esta medida servirá para renderlle “unha xusta homenaxe ó autor de Cambados y el valle del Salnés” e que ó mesmo tempo se pretende que os cambadeses das xeracións máis novas poidan coñecer a súa producción literaria. A edil de Cultura, Anabel Carro, propuxo esta reedición coa finalidade de que a biblioteca municipal enriqueza os seus fondos dispoñendo dunha colección deste escritor cambadés, que practicamente carece de obra reeditada.

José Caamaño Bournacell naceu en Cambados en 1909 -polo que neste ano se cumpren cen anos- e finou en Madrid en 1975. Ademáis de Cronista Oficial de Cambados colaborou coa prensa da época -varios dos seus artigos sairon en Faro de Vigo- e foi membro da Real Academia Galega e, dende 1973, da Real Academia da Historia.

Caamaño Bournacell é autor de varias obras e numerosos traballos de investigación. En 1948 os Xogos Florais da Coruña premiaron a súa monografía titulada “En periodismo gallego en relación con el periodismo español”. Cinco anos despois déronlle o premio Pérez Lugín co seu traballo “Ficción y realidad en la Casa de la Troya”.

Entre as súas publicación cómpre salientar títulos como “Cambados a la luz de la historia” (Santiago, 1933); “Notas para un estudio sobre la personalidad de Doña María de Ulloa, madre del Arzobispo D. Alfonso III de Fonseca” (A Coruña, 1950); “Señores de la casa de Bazán” (1953); “D. Fernando de Valladares, segundo vizconde de Fefiñanes”; “Sor Isabel de San Francisco”; “Cambados y el valle del Salnés” (1957); “El Grove, su historia” (Pontevedra, 1964); “Noya: guía turística”; “Estampas de Cambados” (1956); o “Valle Inclán y el concepto de teatro”, que apareceu no Boletín da Real Academia Galega en 1973.

A base dos historiadores

Caamaño Bournacell é unha das bases que empregan os historiadores interesados en achegarse ó pasado de Cambados, como tamén pode ser Joaquín Sánchez Peña, que deixou un libro manuscrito cuns apuntamentos dunha historia da vila.

Non obstante, tanto Bournacell como Peña son persoas que traballaron hai moitas décadas, nalgúns casos con ferramentas ou métodos historiográficos que quedaron obsoletos. Por iso, ademáis da reedición dos seus traballos sería preciso pensar nunha posible edición crítica, cun prólogo ou cunha notas a pé de páxina que avisen o lector de posibles imprecisións.