Isi Vaamonde volve á terra. O cantautor cambadés levaba moito tempo sen tocar na súa vila, e esta noite o público será a oportunidade de escoitar o seu último traballo, “Unspotsmanlike World”, que consta de cinco cancións, e que foi saudado polos críticos como a creación máis madura do músico.

O concerto de Isi Vaamonde é no Rif-Rock, un local situado na rúa Infantas que é un dos poucos pubs de Cambados que apostan nos últimos tempos pola música en directo. A actuación comeza ás 23.30 horas, e suporá unha oportunidade para aproximarse ó persoal estilo de Vaamonde, que leva establecido en Madrid dende 2000.

O crítico musical Julián Callejo afirma de Isi Vaamonde que “del circulan catro EPs seus, autoeditados e feitos de maneira case artesana. Nembargantes, UW pode considerarse o seu primeiro disco en moitas cousas, pese á súa veteranía. É o que vai supoñer un punto de inflexión definitivo para a súa carreira”. “Os cinco temas que contén -engade Callejo- van dende un folk cosmopolita a un rock de autor, dende o optimismo con bágoa á escuridade dun bar e whisky”.

Vaamonde iniciouse na música con quince anos, tocando a batería. Logo de participar en numerosos proxectos de bandas, tanto de directo como de estudio -como Airas, Tom ou Gustavo Almeida- decidiu coller a guitarra e cantar as súas propias cancións. Entre tanto comezou estudios de Dereito en Santiago de Compostela, aínda que a experiencia non o convenceu e volver a Cambados. Ata que no ano 2000 marcha a Madrid coa intención de facerse un oco no escenario musical da capital de España.

Editou ata o momento “Winter Rose”, en 2001; “After the sound of the whistle” (2003); “New Sunshine Street” (2004) e “Fire in the hole”, en 2006. Ademáis, é un habitual das salas de concertos, e xa actuou en máis de cincuenta ocasións. Ademáis, a súa música sonou nos Concertos de Radio 3, o que é un aval de bo facer técnico e de calidade no son.

No concerto desta noite no Rif-Rock, Vaamonde estará acompañado por Volker Ledwig á batería; por Edu Pulpillo no baixo; e nos teclados está Gonzalo Peñalosa. Isi Vaamonde ten un nutrido grupo de seguidores -moitos dos cales se dan cita no foro que existe na páxina web do músico- e canta en inglés, ademáis de ser guitarrista. Outro crítico, David Chislett, afirma del que “a voz de Isi arrástrate verso a verso, verba a verba”.