A Arousa que era de Maceda

Os condes da localidade ourensá tiveron pertenzas en Cambados, Vilagarcía ou Catoira

 08:00  
O pazo de Sobrán, en Vilagarcía, foi residencia habitual dos condes de Maceda.
O pazo de Sobrán, en Vilagarcía, foi residencia habitual dos condes de Maceda. Iñaki Abella

Un profesor do colexio de Baño (Valga), Santiago Prol, vén de publicar o libro "Nobres vencellados ao castelo de Maceda", no que fai un exhaustivo repaso histórico destas personaxes. Para o lector das comarcas de Arousa, Pontevedra ou o Ullán este libro tamén pode ter interese, posto que os condes macedáns foron propietarios de numerosos bens situados en Cambados, Vilagarcía ou Catoira. Trátase dunha completa obra na que se inclúen fermosas imaxes do castelo de Maceda, do actual Parador de Turismo de Pontevedra ou do pazo de Sobrán.

ANXO MARTÍNEZ - AROUSA Durante o Antigo Réxime os nobres tiñan solares e pazos en lugares moi afastados das súas casas natais. Os condes de Maceda, unha pequena localidade do centro da provincia de Ourense, non eran unha excepción e tiveron numerosas propiedades nas comarcas do Salnés, Ullán e Pontevedra.

O profesor Santiago Prol, que é natural de Maceda, pero que leva 18 anos traballando no colexio de Baño, en Valga, vén de publicar un libro titulado “Nobres vencellados ao castelo de Maceda”, no que se repasa esa vinculación dos señores macedáns coas Rías Baixas.

Así, os condes foron propietarios do pazo de Sobrán, unha enorme casona situada ó pé da estrada de Cambados a Vilagarcía, en Vilaxoán. Este pazo figura a mediados do século XVII como propiedade do primeiro conde de Maceda, Alonso de Lanzós e Nóvoa, que en 1654 manda tamén edificar a capela de Santa Mariña, entre Renza e O Piñeiro, en Vilagarcía.

Esta capela rematouse 29 anos despois, sendo xa conde de Maceda Bernardino de Lanzós e Andrade, que tamén recibía en herdanza de seu pai os pazos de Sobrán e o de Trabanca Badiña, no Concello de Vilagarcía. Onda a capela de Santa Mariña celebrábase antigamente unha sonada romería todos os 18 de xullo, e foi derruida por completo en 1995. A mesma sorte correu o pazo de Trabanca Badiña, onde hoxe hai unha urbanización.

Enlaces matrimoniais

As familias nobres empregaban dous mecanismos fundamentais para incrementar o seu patrimonio. Un deles consistía en deixarlle practicamente toda a herdanza ó varón primoxénito, de modo que os bens non se repartían entre varios irmáns. O outro consistía en incrementar as pertenzas e o poder político mediante os enlaces matrimoniais.

Os condes de Maceda tamén ensancharon as súas posesións gracias ós casamentos. Así, o autodenominado como terceiro conde, Joseph Benito Lanzós, Nóvoa e Andrade, Castro, Enríquez, Córdoba e Ayala, Montenegro, Soutomaior e Haro –ademáis de propiedades, recibían como legado os apelidos– xa figura tamén como señor das Torres do Oeste e a do Barral, en Catoira, e da illa de Ons.

Joseph Lanzós tamén ten vinculación coa comarca de Pontevedra, pois mandou construir un pazo reconvertido hoxe no Parador do Turismo da cidade do Lérez, onde tamén hai unha rúa que leva o nome de Maceda, e que era a antiga dos Fornos. Joseph Lanzós está agora soterrado no santuario da Virxe da Barca, en Muxía.

En 1800 prodúcese un enlace que tería unha enorme importancia para a relación da casa forte de Maceda coa comarca do Salnés. Ramona Escolástica casa ese ano co ferrolán Xoán Xosé Caamaño Pardo.

A liñaxe deste home arranca en Noia, e tras varias xeracións serán os donos dos pazos de Fefiñáns, en Cambados, e de Vista Alegre, en Vilagarcía, ademáis de ostentar o marquesado desta última cidade. Cóntase que durante a Guerra da Independencia, que estalou só oito anos despois, Caamaño Pardo xogou un importante papel nesa contenda e que recibía constantes visitas de militares en Fefiñáns.

Con este casamento de 1800, os condes de Maceda tamén adquirían unha casona en Rubiáns e mesmo a illa de Sálvora.

Unha posible ruta turística

Na presentación do libro, Santiago Prol propúxolle ás autoridades a posibilidade de confeccionar unha ruta turístico-cultural, que permitise percorrer todas as localidades de Galicia nas que o condes de Maceda tiveron algunha pertenza. O profesor de Valga conta que sería un itinerario que se podería realizar durante dous días, e no que terían un enorme protagonismo as Rías Baixas, pois a casa dos señores de Maceda nace en realidade en Mos, preto de Vigo, e tivo moitas propiedades no Salnés e en Pontevedra.

Santiago Prol, unha dilatada carreira literaria

Santiago Prol naceu en Maceda en 1960. O seu libro “Nobres vencellados ao castelo de Maceda” acaba de sair ó mercado e está publicado pola editorial ourensá Difusora de Letras, Artes e Ideas.

Prol ten xa unha dilatada carreira literaria, pois ademáis de publicar en 1999 o poemario “Alga e fungo”, asina outros catros libros, entre os que se encontran “Xosé Lois Parente, poeta e galeguista na Segunda República” (2006) ou “Benigno Álvarez, un comunista na Galiza dos anos 30” (2008).

Tamén participou no libro colectivo “As caras do Entroido ourensán” (2008) e de feito é unha persoa que traballou moito pola recuperación do Felo, que é a máscara tradicional das terras de Maceda. Outra das facetas de Santiago Prol é a de comisario de exposicións, como a que organizou sobre o navegante e descubridor macedán Joao da Nova, e colabora con revistas como “Encrucillada” ou “Auria”.

Outros veciños ilustres de Maceda

No seu libro, Santiago Prol relata as peripecias doutros veciños ilustres da localidade ourensá, que está ós pés da serra de San Mamede.

Así, por exemplo, cóntase que Afonso X o Sabio pasou alomenos un ano da súa infancia nesta poboación, e que foi nela onde aprendeu o galego que posteriormente faría universal coas súas “Cantigas de Santa María”.

O profesor e escritor tamén se detén na figura de Joao da Nova, un mariño que rematou traballando para a Coroa portuguesa, e que descubriu por exemplo as illas Ascensión e Santa Elena, no Atlántico africano, a de Trindade, ou unha illa situada na canle de Mozambique que na actualidade se chama Juan da Nova Island, e que pertence a Francia.

Os nobres de Maceda acadaron unha enorme riqueza económica e tiñan moito poder político. De feito, Joseph Benito de Lanzós foi Grande de España, e Antonio Pedro Nolasco chegou a ser Gobernador de Madrid e Vicerrei de Navarra.

O castelo de Maceda é na actualidade un dos grandes reclamos turísticos deste concello, situado a 25 quilómetros de Ourense capital. Edificouse no século XI, e a súa misión consistía en protexer o Bispado dos ataques procedentes do sur.

  HEMEROTECA
Caja Negra        O Bichero         Floreano
¿Qué piensa hacer hoy? ¿Tiene algún plan para el fin de semana? Consulte todos los eventos culturales en nuestra agenda... más »
Le ofrecemos un espacio propio para hablar de lo que más le guste. Cree un blog en el espacio que Faro de Vigo pone a su disposición... más »
Contemple la Ría de Vigo en directo desde la cámara situada en la sede de Faro de Vigo, situada en Chapela... más »
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Oscars | Premios Goya