Hai xa medio século do pasamento de Ramón Cabanillas, polo que o Concello de Cambados decidíu que este era o ano no que se debía celebrar unha merecida homenaxe a un dos cambadeses máis ilustres e respectados. Durante estes doce meses diseñouse un amplo calendario de actividades elaborado pola comisión organizadora, que conta co asesoramento do académico Francisco Fernández Rei e o biógrafo Luis Rey Núñez.

Todos os eventos que se diseñaron para este ano nacen na vila do albariño, pero teñen a vocación de extenderse a toda a comunidade autónoma, porque desde o Concello entenden que a dimensión humana e literaria de Cabanillas trascende os lindes comarcais.

Iniciadas en xaneiro coa representación da “Ofrenda das fadas no Portal de Belén” e continuadas este mesmo mes coa inauguración da exposición “Entre miradas”, o calendario de actividades contempla unha manchea de actos. De feito neste mes, cúmprense 90 anos da estrea de “A Man da Santiña”, o primeiro intento dun teatro galego no que ía participar unha compañía estable un dos maiores éxitos que obtivo o sector, polo que se vai organizar o día 22 unha innovadora montaxe audiovisual desta obra no Auditorio de A Xuventude.

Ao día seguinte, con motivo do Día Internacional do Libro, vaise adicar a maratón de lectura á obra de Ramón Cabanillas, decorándose o auditorio como se fose o paseo da Calzada.

O Día das Letras Galegas, o 17 de maio, ten lugar a inauguración do Roteiro Poético de Cabanillas, un acto que se concibe como unha exposición que conta coas rúas e lugares emblemáticos de Cambados como protagonistas e na que hai proxeccións de vídeo, bandas sonoras con poesía de Cabanillas e iluminacións artísticas.

Coincidindo coa data de nacemento do escritor cambadés, o Concello vai rendir un homenaxe a Francisco Fernández del Riego e a Xesús Alonso Montero por seren os responsables das edicións das Obras Completas de Cabanillas a mediados do século pasado.

O Festival poético e musical “Cabanillas Emigrante” está previsto para setembro. A data é o día 12 porque foi esa xornada de 1910 cando o poeta partíu para Cuba. Vai haber lectura de poemas desta temática tanto do propio autor cambadés como doutros escritores contemporáneos.

Para o 8 de novembro organízase unha homenaxe dos colectivos culturais cambadeses a Ramón Cabanillas, que consiste na actuación conxunta en concerto das corais de Cambados, a banda de música de Castrelo, os diversos grupos de música tradicional e outros colectivos culturais, interpretando temas musicados sobre poemas de Cabanillas. O acto configúrase como a gran homenaxe popular cambadesa ao seu poeta. Ao día seguinte celébrase o cincuentenario do pasamento, abríndose os actos desa xornada coa apertura das actividades simultáneas do congreso Ramón Cabanillas e do congreso da Poesía Galega.

As actividades deste ano adicado ao escritor máis importante de Cambados rematan tan só uns días despois, o 12 de novembro, cando a Real Academia Galega celebre unha sesión solemne en Cambados. Non vai ser a primeira vez, xa que se celebrou o mesmo acto en 1960, coincidindo coa inauguración do monumento ao poeta e en 1976, cando se lle adicou o Día das Letras Galegas.