O 22 de abril de 1919 estreábase na Coruña unha obra de teatro de Ramón Cabanillas, “A man de Santiña”. Xusto noventa anos despois, o Concello de Cambados pretende conmemorar a efeméride cunha posta en escena desta mesma obra.

O espectáculo terá lugar no auditorio da Xuventude e a pretensión dos organizadores é realizar unha especie de viaxe no tempo, polo que se lle pide a todo o público que vaia asistir que na medida do posible acudan disfrazados con roupas daquela época. O técnico de Cultura e biógrafo de Cabanillas Luis Rei conta que “A man de Santiña” foi saudada en 1919 como unha obra fundacional no teatro galego. Os críticos salientaban da mesma que era a primeira peza non diglósica, na que todos os personaxes falaban en galego -mesmo os de clase alta-; e que introduce técnicas que nese momento xa se estaban empregando na dramaturxia europea.

Aquela representación de 1919 estivera a cargo da sección de declamación do Conservatorio Nazonal de Arte Galego -unha das poucas compañías semiprofesionais da época-, e contou para a ocasión cun equipo de luxo, posto que o escenógrafo foi Camilo Díaz Baliño -o pai ide Isaac Díaz Pardo, considerado o mellor no seu traballo daquel tempo- e o mesmo Díaz Baliño colaborou con Castelao na confección do cartel.

A obra gustou, e proba diso é que por primeira vez na historia do teatro galego tivo seis funcións seguidas nun mesmo escenario, e posteriormente contou cunha pequena xira por Galicia. O Concello de Cambados quere resaltar a importancia cultural desta data e noventa anos despois do estreo, vaise representar de novo “A man de Santiña”. O traballo está coordinado por Luis Rei, pero conta co traballo de máis dunha ducia de persoas, entre os que figuran a directora da escola de teatro, Noelia Toledano; a directora do Conservatorio, Lorena Varela; actores de Teatro Caracol, como Manuel Pillado; profesores de ensino, como Manuel Núñez e Rosa Fiel; alumnos da escola de teatro, como Eva Lede, que fai o papel principal; e un bisneto de Cabanillas, Enrique Álvarez, que asina as fotografías en branco e negro que compoñen a proxección que se pasa mentres os lectores recitan a obra.

O espectáculo estará presentado polo actor Evaristo Calvo, e as persoas interesadas en acudir ó mesmo teñen que pasar pola casa da cultura da Mercede a recoller as invitacións, que son necesarias para acceder ese día á Xuventude, aínda que a entrada é de balde. O obxectivo é recrear ó máximo aquela data de 1919; haberá un monólogo cómico e lerase unha carta de Cabanillas. Este acto forma parte da programación de Concello en homenaxe ó poeta, que está coordinando a edil de Cultura Anabel Carro. Doutra banda, hoxe sae a Carreira dos Institutos, polo que varias rúas de Cambados estarán cortadas ó tráfico. Nos dorsais dos atletas figura unha caricatura de Cabanillas.