A concelleira delegada de Educación de Vilagarcía, Susana Camiño, presidiu onte na biblioteca municipal a primeira das actividades da campaña de fomento do galego "Cantar e contar", promovida pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Editorial Kalandraka, coa presencia de mestres bibliotecarios e educadores dos colexios da cidade.

No acto presentouse a exposición e se fixo unha visita guiada co obxecto de explicaar ós profesores, pais e bibliotecarios as posibilidades da mostra que serve de complemento ás sesións de contacontos e obradoiros de escritura que se desenvolverán nos centros educativos ata o día 26.

O papel dos docentes é fundamental para que os contidos e obxectivos das actividades trascendan o ámbito da campaña e se prolonguen durante todo o curso escolar. Por iso a charla estivo enfocada a facerlles propostas educativas que se poidan realizar nas aulas cos alumnos.

A exposición instalada na Biblioteca Municipal Rosalía de Castro, consta das ilustracións orixinais de contos tradicionais publicados por Kalandraka ao longo dos dez anos de traxectoria da editorial.

Como complemento hai un espazo adicado á exposición de instrumentos musicais e antigüidades. E para que o aproveitamento das experiencias adquiridas sexa maior, ofrécese un recuncho para a lectura individual destes e outros títulos, así como unha pequena biblioteca en galego á disposición dos nenos e das familias que se acheguen ata os centros.

A campaña "Cantar e contar" artéllase arredor dos conceptos da tradición o oralidade e transcorre durante 13 xornadas lectivas en todolos centros de educación infantil e primaria do municipio, así como nas escolas unitarias. En total serán case 800 alumnos de entre 4 e 11 anos os que participen nas actividades a desenvolver nos vindeiros días nos propios centros e que consisten en sesións de contacontos para os máis cativos e obradoiros de escritura creativa para os de niveis máis avanzados.

Títulos por idades

"A verdadeira historia de Carapuchiña", "Os sete cabritos", "A casiña de chocolate", "Os tres osos", "A ratiña presumida", "Chibosa chibóns", "O coeliño branco" e "Solaina" son algúns dos libros que centran os contidos das sesións de contos que se completan con música en directo de instrumentos tradicionais e coa introdución de cantigas, adiviñas e refráns. A esta actividade acudirán grupos de 50 escolares de 4 a 8 anos.

Por outra banda, obras como "Imaxina animais", "Confundindo historias", "Artefactes" e "Un globo vermello", servirán de apoio para os obradoiros nos que participarán grupos de 25 escolares de 9 a 11 anos. A partir destas historias faranse propostas de creación literaria en galego, coas que se potencia a imaxinación dos nenos asistentes. As actividades nos colexios comenzan hoxe na escola de infantil e primaria de Carril.