Violencia e convivencia escolar

 

MANUEL DIOS DIZ*

Seguimos aínda conmocionados pola matanza que o mozo de 18 anos, Pekka Auvinen, provocou en Finlandia co resultado, terrible, de nove persoas mortas no instituto de Tuusula, cerca de Helsinki. O autor anunciou previamente, en YouTube, con frialdade e premeditación, as súas macabras intencións.
Para maior alarma social este tráxico suceso coincide coa proliferación de gravacións de móbiles nalgúns centros educativos, reais ou de ficción, con imaxes violentas, de diferente tipo, que son divulgadas entre rapaces e rapazas, nos medios de comunicación e tamén en Internet.
Estes acontecementos teñen provocado regueiros de tinta, titulares de trazo groso e aperturas de telexornais nalgunhas televisións, reabrindo, desta maneira, varios debates, algúns deles, xa reiterados. Tantos que resulta ás veces imposible abordalos coa suficiente serenidade e rigor. Coinciden ademais moitos lugares comúns, temas e opinións. Aparecen estudios, expertos, sisudas análises, informes, propostas, ás veces contraditorias, que coa mesma fugacidade coa que xorden, esquécense, ata a seguinte ocasión.
Non faltan voces que se escandalizan sobre o que din que está pasando nos institutos e coa nosa xuventude, case que sempre, desde o descoñecemento da realidade ou desde certos prexuízos morais moi arraigados entre os adultos e que tenden a criminalizar ou a descualificar comportamentos que atribúen, con lixeireza, a toda a mocidade. Xa Sócrates afirmaba no seu tempo que "os mozos de hoxe son uns tiranos. Contradín ós seus pais, devoran a comida e lle faltan ó respecto ós mestres...".
O debate sobre a violencia tamén é recorrente. Si hai máis ou menos que antes, si hai a mesma, si está máis difundida, si é innata ou aprendida, si é culpa da televisión, dos pais, da escola, dos videoxogos, do cine, da sociedade, da perda de valores, da superprotección ou da educación permisiva, armarios cheos e corazóns baldeiros...
Tamén aproveitamos para preguntarnos sobre os propios móbiles e a súa utilización nos centros de ensino, ou sobre os límites do dereito á información e a probable colisión con outros dereitos como poden ser os da necesaria protección dos menores, honra, intimidade persoal, imaxe, etc. e sobre se a mellor forma de abordar esta problemática é premiar ós agresores, reais ou ficticios, proporcionándolles cartos, titulares ou minutos de gloria, incentivando, desta maneira, as peores condutas...
Con frecuencia escoitamos a quen aproveita para proclamar o fracaso da educación e do sistema escolar, para cargar contra dalgunhas leis educativas, contra do profesorado, sobre a excesiva permisividade ou a perda de autoridade, e mesmo para deslexitimar novas materias como a de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos, como diría o Gran Wyoming, "La que está liando Zapatero"...
A comunidade educativa, lonxe de unificar criterios, de cooperar entre os distintos sectores (profesorado, pais e nais, alumnado), con excesiva frecuencia, tende a responsabilizar ós demais do que acontece, ignorando o vello proverbio africano de que "para educar a un neno fai falla a tribo enteira"... E as autoridades, ás veces, calan de máis, e esperan a que escampe...
Moito ten cambiado a escola, como a sociedade, nos últimos anos, tanto que algúns nin a recoñecerían si regresaran a ela. Tan rápido e con tal intensidade que as Facultades de Educación non son quen de adaptarse a esta nova realidade e seguen a preparar ós futuros mestres para unha escola, para un instituto, que xa non existen.
Cando as persoas da miña idade, arredor dos 50, estudaban, iamos ó Instituto o mellor de cada casa, de cada barrio, de cada vila... mentres que a grande maioría, a inmensa maioría, remataba a súa escolaridade na primaria, no mellor dos casos. Hoxe, polo contrario (e por sorte), están na Secundaria todos e cada un dos alumnos e alumnas, sen excepción, os que queren estudar, os que lles gusta, os que están por obrigación, os que obxectan, os que teñen un ambiente familiar favorable, os que veñen coa mochila cargada de carencias e de déficits (emocionais, afectivos, socioeconómicos...), os que arrastran graves problemas de conduta, enfermidades psicolóxicas, mesmo psiquiátricas... e esta nova realidade, en si mesma, significa un cambio radical, absoluto, escolar e social, que está aquí para quedarse, co que temos que convivir, e entendelo como un desafío, como un reto, non como unha desgraza.
Contamos hoxe cos mellores recursos, humanos e materiais, coa mellor xuventude, a máis preparada, e os conflitos, maioritariamente, os resolvemos razoablemente ben nos centros escolares. Témonos dotado, neste mesmo ano, do Plan Integral de Mellora da Convivencia Escolar e do Observatorio Galego da Convivencia Escolar, que debemos desenvolver e aplicar, sobre todo, elaborar e aprobar os respectivos Plans de Convivencia de Centro, para intervir, preventivamente, educativamente, na mellora do clima escolar e na resolución pacífica dos conflitos. A iso dedicámonos algunhas entidades, cooperativamente, en equipo, desde a sociedade civil, informando, sensibilizando, formando, compartindo experiencias e boas prácticas entre a comunidade educativa, caladamente, sen grandes titulares, pero con ilusión, con entusiasmo e, sobre todo, con paciencia, moita paciencia...

* Mestre, licenciado en Xeografía e Historia, preside o Seminario Galego de Educación para a Paz (Fundación Cultura de Paz).

  HEMEROTECA

LAS VIÑETAS DE FARO


Caja Negra        O Bichero         Floreano
  LA SELECCIÓN DE LOS LECTORES
 LO ÚLTIMO
 LO MÁS LEÍDO
 LO MÁS VOTADO
CONÓZCANOS: CONTACTO | FARO DE VIGO | LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES | CLUB FARO DE VIGO | ACERCA DE ED. GALEGO PUBLICIDAD: TARIFAS | CONTRATAR
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca | El Diari  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad | Elecciones Generales 2011