Hai ben tempo que Antón Vilar Ponte dixera que o problema da galeguización da nosa terra era un problema de diñeiro. Con diñeiro -dicía- faise bailar un cego; co diñeiro obrigaríaselle a sentirse galegos aínda aos máis desgaleguizados. Eu son dos que penso tamén que a economía vencellada aos sinais de identidade pode xerar maior riqueza. A autoestima dun pobo convértese nunha forza dinamizadora da súa actividade económica. Un empresario implicado cos valores identitarios do seu País e facendo uso deles pode ter maior éxito que aqueloutro que os ignora ou rexeita. Disto saben moito algúns creativos que traballan no eido da imaxe corporativa deseñando estratexias de comunicación para coñecidas empresas e corporacións privadas.

O galeguismo empresarial é unha forza motora que tamén xera economía. Esta corrente de opinión empeza a ser cada vez maior e con máis implantación no empresariado galego. Os que levamos tempo traballando na difusión desta filosofía podemos afirmar este aserto. É certo que os prexuizos lingüísticos aínda están moi enraizados no empresariado galego. Pero tamén é certo que se albiscan cambios nas actitudes cara a lingua no mundo empresarial galego. Este proceso de galeguización da economía galega ten na nosa historia precedentes pouco coñecidos, pero que deixaron unha forte pegada na economía galega: Enrique Peinador, Antonio Fernández, Álvaro Gil... foron en cadanseu tempo constructores eficaces dun discurso que unía o triunfo empresarial coa defensa do feito diferencial. Foron adiantados para o seu tempo. As sús ideas recobran hoxe actualidade na globalización dos mercados. Ser diferentes para ser singulares. Tal sería a súa divisa, e así poderiamos definir o seu prensamento.

Xesús Cabanal Fuentes pertenceu a este grupo de empresarios de inequívoco pensamento galeguista. Sobre a súa persoa e as súas actividades empresariais temos falado moitas veces. Quizais non tantas como é merecente.Pero del temos dito que foi un empresario de sona e de gran éxito. Fillo de labregos, da parroquia de Ameneiro, no Concello de O Pino, emigrou sendo moi novo, e no Uruguai creou a industria papeleira máis importante de latinoamérica (Ipusa) e presidíu o Banco de Galicia, a prestixiosa entidade financeira que canalizou os aforros dos emigrantes galegos do continente latinoamericano. Cando a cultura galega tivo que sobrevivir no exilio Xesús Canabal foi o seu valedor. Participou activamente en colectividades de clara significación nacionalista; formou parte de entidades que lle fixeron fronte ao réxime franquista; presidíu e impulsou o Primeiro Congreso da Emigración Galega celebrado na cidade de Bos Aires en 1956, que marca un fito histórico na nosa historia; financiou publicacións e emisións radiofónicas en lingua galega para manter enceso o facho do galeguismo, amén dun ronsel de actividades que se recollen no libro "Don Xesús Canabal Fuentes, Fillo Predilecto de O Pino", do que é autor Manuel Losa Rocha, outro emigrante galego no Uruguai e que será presentado este martes na Casa da Cultura de O Pino.

A don Xesús Canabal o seu galeguismo véulle polo sentemento da raza; polo seu código xenético, que de adulto racionalizou filosoficamente. Era galego e necesariamente tiña que exercer de tal. Non reprimíu coma outros ese pulo vital que vai dentro de nós. Por iso adoitaba dicir: se son galego, serei galeguista; son galeguista. Deste xeito definíase o que foi un empresario de autoridade recoñecida no mundo das finanzas no continente latinoamericano, a quen non hai moito tempo aínda o seu Concello nomeou fillo predilecto a título póstumo, e que moitos consideramos o modelo de empresario comprometido co seus Pais, a súa lingua, cultura e símbolos.