X.L. MÉNDEZ FERRÍN
Choramos hoxe a morte de Evelina Hervella, que a min me sitúa a vista no pasado. Ollo para tras e, evocando Evelina, evoco o mar. Non se me representa ela aquí e acolá, en Compostela, Lugo, Vigo, no tempo en que se facían as reunións e contactos patrianos fora do sistema dominante. Eu véxoa na praia, un verán tras doutro, póndose torrada ao sol frecuentemente na compaña de Mora, nadando até as pedras de lonxe. Venme á memoria o día no que ás dúas, a Moraima e a ela, se lle cravaron as espiñas dos ourizos nos pés e discutiuse moito verbo de calcificación e equinodermos. A praia que me vén é a Foz, na banda esquerda do Lagares, parroquia de Coruxo, Vigo. Nunca piso as areas da Foz sen me lembrar dos días gozosos nos que eu era moi novo e eles, os galeguistas, homes e mulleres na plenitude da vida e estaban organizados ao seu modo. Os galeguistas están sempre para min aló, na Foz de Coruxo, idealistas e entusiastas. E alí está Evelina Hervella co seu home Francisco Fernández del Riego.
Eran días, nos cincuenta, nos que se constituía unha colonia de verán nas partes costeiras da fraguesía de Coruxo, de caracter antifranquista e de condición sumamente ilustrada. Ao principio todos en casiñas que alugaban aos mariñeiros, alí os estaban coas súas familias Xosé María e Darío Alvarez Blázquez, Xosé Sesto, Remixio González Gándara, Celso Emilio Ferreiro, Plácido Castro; algúns logo en propiedade. Parte importante daquela sociedade familiar e rebulideira nos planos cultural e político eran Evelina e Paco del Riego. Uns bañábanse e outros nin calcaban a praia; os máis asistían aos bailes de disfraces de Patouro. Por se alguén non o sabía, direi que nesas casas de Coruxo (zona da Carrasqueira) tamén se conspiraba e importantísimas reunións do círculo que fundara Galaxia, das que chamamos clandestinas, celebráranse no canto daquela area. Como non falamos de banalidades, digamos que sobre 1950 foron presos e procesados algúns dos siareiros da colonia galeguista de Coruxo, acusados de pertenza á OIL ("Organización de Intelectuais Libres"). Evelina Hervella estaba alí, sempre coadxuvante, cando ocorrían as boas e as mas cousas.
Caprichos da reminiscencia: tamén se me revela hoxe Evelina na Universidade e antes de eu nacer, Faculdade de Farmacia. Coma nunha película, vexo Evelina no "Thé Baile" da FUE do Hotel Compostela ou ben nalgún café do tipo do Español co seu noivo Paco del Riego, dirixente nacionalista do sector dos novos. Se cadra, a daren eles unhas voltas pola Ferradura. Del Riego a repasar con Evelina a Botánica para o exame na Faculdade que daquela albergaba Fonseca é, asimesmo, unha imaxe recorrente que me asalta e na que ela leva unha bata ás pintiñas das que estaban de moda na República e el a garabata de lazo: nesta foto (agora fixa) semellan unha ilustración figurativa de Poemas do si e non.
Sorría moi belamente Evelina e era animosa, intelixente e leal. Estes días Evelina e o mundo que se foi con ela ocupan moito espazo, e moi dorido, das miñas divagacións. Evelina xa non está e nós continuaremos acompañando a Del Riego o tempo que nos reste polos vieiros da Saudade e do nacionalismo: sempre en Coruxo. Evelina, brava.