farodevigo.es » Opinión
 Noticia anterior   Noticia siguiente 
CAMPO DE GRANADA
 

Xa falamos

 
Enviar
Imprimir
Aumentar el texto
Reducir el texto

"O maior problema do galego e vencer os prexuízos instalados ao seu redor". | MANUEL BRAGADO

MANUEL BRAGADO Camilo Nogueira conta no seu libro de conversas que, a finais dos anos sesenta, cando era presidente da Asociación Cultural de Vigo, mandou imprimir dous mil autoadhesivos co lema "Falemos galego"; iniciativa idéntica á que en Ourense ideara anos antes o médico Carlos Guitián coa intención de que estes humildes cartaces fosen pegados nos vidros traseiros dos automóbiles para promover o uso da lingua nosa. O éxito popular daqueles adhesivos, impresos na Serigrafía Galega da rúa Romil, propiedade de Álvaro Álvarez Blázquez, foi tan importante que animou aos seus promotores a editar outros novos que, desta volta, dicían "Xa falamos" e "Galego na escola" e que eran distribuídos polas edicións Castrelos de Xosé María Álvarez Blázquez. Aqueles adhesivos de mensaxe orgullosa e optimista constituíron un fito emblemático no proceso de promoción do uso cotián do galego nos ámbitos urbanos, nun tempo no que o galego non contaba con recoñecemento institucional nin era ensinado de forma ningunha no sistema educativo non universitario.
Aquela campaña, promovida por ensinantes galeguistas e por militantes nacionalistas clandestinos, foi calando como a poalla nunha xeración de mozos e mozas urbanos politizados que, a pesar de ser educados dende o berce en castelán, decidimos nos anos setenta adoptar o galego como o noso primeiro vehículo de comunicación. Esta xeración dos chamados "neofalantes", fillos dalgunha maneira daqueles autoadhesivos, a pesar das nosas vacilacións iniciais no emprego correcto dun idioma no que non foramos alfabetizados, contribuímos daquela, co noso orgulloso uso consciente, a desfacer algúns dos prexuízos existentes sobre unha lingua empregada por boa parte da poboación, en función dos contextos comunicativos, de forma diglósica. O lema "Xa falamos" converteuse, así, para os neofalantes na afirmación pública do compromiso individual cunha lingua que sabiamos nosa e que constituía e, afortunadamente continúa sendo, a expresión máis acaída da identidade de todos os galegos, tanto dos que a utilizamos como daqueloutros que decidiron non facelo.
Transcorridos trinta anos daquel esperanzador proceso de incorporación activa dun sector da mocidade urbana ao uso do galego, a saúde do idioma de noso mellorou de forma moi considerable: conta cun estatuto de lingua oficial (recoñecido polo Estatuto de Autonomía e a Lei de Normalización Lingüística), ensínase en todas as escolas, ampliouse a influencia da nosa cultura literaria na sociedade, emprégase durante as vinte e catro horas do día na televisión e radio públicas... E a pesar de todo iso, todos os estudos sociolingüísticos coinciden en que durante a última década se está producindo un intenso proceso de substitución lingüística do castelán polo galego, sendo cada vez menor o número de adolescentes que adoptan o galego como a súa lingua habitual de comunicación informal. Como explicar que, contando cun recoñecemento institucional e educativo, o uso do galego, porén, semelle ir recuando entre a mocidade? Como recuperar entre eles aquel pulo galeguizador que emerxeu entre os mozos e mozas dos anos setenta e oitenta de forma tan entusiasta?
Hoxe, o futuro do galego non é unha cuestión de número de falantes nin da súa competencia, xa que a maioría da poboación galega, especialmente as dúas ou tres xeracións máis novas (as mellor formadas da nosa historia en todos os ámbitos), teñen capacidade para comprendelo, lelo, escribilo e falalo con eficacia máis que aprezable. O maior problema do galego reside en vencer os prexuízos que se instalaron ao seu redor (considerada como "unha lingua aldeana inservible no mundo moderno" ou "unha inequívoca marca política nacionalista"...) que impiden que esta maioría de competentes "falantes pasivos" xoves se transformen no futuro en orgullosos "falantes activos" adultos. Considerado así o problema entre a mocidade, o futuro do galego vaise dilucidar, por unha parte, no terreo de fixar os seus usos preferentes (o que dependerá, en boa medida, da política lingüística que desenvolvan as administracións), e por outra, na necesidade de espilo de connotacións políticas e dotalo de referentes de utilidade comunicativa para o conxunto da cidadanía.
Facer fronte a este dobre reto require unha paciente estratexia en positivo que vencelle o seu emprego cos eidos máis emocionais e afectivos, asumindo que o seu futuro non está só nas mans dos políticos e dos ensinantes, senón tamén en cada un dos futuros cidadáns deste país de lingua milenaria. O manifesto "Falemos galegos", promovido desde Ourense por Marcos Valcárcel e Alfonso Vázquez-Monxardín, vai nesa intelixente liña de recuperar amantes para esa lingua que dunha ou doutra maneira todos xa falamos.
bretemas@gmail.com

COMPARTIR
 
  HEMEROTECA
  Encuestas de actualidad
¿Considera que debe ampliarse la dotación judicial en Vigo para evitar los atascos de sentencias?
  Sí
  No
Votar »
 
RESULTADOS ACTUALES
90%
No 10%
   
¿Debe compensar el Concello al pequeño comercio afectado por las obras de humanización?
  Sí
  No
Votar »
 
RESULTADOS ACTUALES
50%
No 50%
 
Ver más encuestas »
  CONÓZCANOS:  CONTACTO |  FARO DE VIGO |  LOCALIZACIÓN Y DELEGACIONES |  CLUB FARO DE VIGO     PUBLICIDAD:  TARIFAS |  CONTRATAR  
farodevigo.es es un producto de Editorial Prensa Ibérica
Queda terminantemente prohibida la reproducción total o parcial de los contenidos ofrecidos a través de este medio, salvo autorización expresa de farodevigo.es. Así mismo, queda prohibida toda reproducción a los efectos del artículo 32.1, párrafo segundo, Ley 23/2006 de la Propiedad intelectual.
 


  Aviso legal
  
  
Otros medios del grupo Editorial Prensa Ibérica
Diari de Girona  | Diario de Ibiza  | Diario de Mallorca  | Empordà  | Información  | La Opinión A Coruña  |  La Opinión de Granada  |  La Opinión de Málaga  | La Opinión de Murcia  | La Opinión de Tenerife  | La Opinión de Zamora  | La Provincia  |  La Nueva España  | Levante-EMV  | Mallorca Zeitung  | Regió 7  | Superdeporte  | The Adelaide Review  | 97.7 La Radio  | Blog Mis-Recetas  | Euroresidentes  | Lotería de Navidad 2009