Pois velaí que non foi tal; non, meu señor/miña señora. Segundo informan os axentes deste seu, sempre moi venerable, rotativo infiltrados no medio e medio do MI6, nunca resultou ser certa a noticia -máis ben o boato, que lle din os nossos irmãos da outra beira do Miño/Minho- segundo a cal Dna. Irene Montero Gil e mais D. Pablo Iglesias Turrión figuraban entre os invitados (mesmo, na epifanía do díxomedíxome, chegouse a contar que ostentando a representación da Casa Real española, para espanto/infarto de D. Albert Rivera e mariachis) ao solemne enlace nupcial que, o pasado 19 dos presentes, celebraron, na capela de San Xurxo do castelo de Windsor, a Súa Alteza o príncipe Harry (Quique, para os amigos golfos non guiris) e Dna. Meghan Markle, a partir de agora Margarita de Sussex para os lectores do "¡Hola!" e papeis couché afíns.

"A min non me miren! Eu non teño nada que ver con iso!; pregúntenlle a Paco Marhuenda... ou, mellor, a Carolina Bescansa!" -retrucou de contado D. Eduardo Inda Arriaga cando alguén lle foi co conto-"A ver" - foi precisar aínda-"Repito que eu non teño nada que ver con todo iso, pero...

Acto seguido, o ilustre e moi lizgairo xornalista de investigación suxeriu que, malia a imposibilidade de atoparmos a Irene e mais a Pablo na lista/imaxes da voda, cabe a posibilidade, así e todo, de si dar con algunha presenza podemita entre as vedrañas pedras de Windsor Castle. Onde? "Pois está moi claro: repasen, repasen tutti quianti a homilía do bispo #MeToo, Michael Curry, e xa me dirán logo! En fin,Vdes. mesmos: que se a escravitude por aquí, que se Twitter por alá, que se o poder reconstrutivo do amor... Martin Luther King? Non sei, non sei: a cousa cheiraba a Lenin e a Hugo Chávez; fedía a Pablo Echenique e mais a Monedero!" En todo caso, e a pesar de se ter filtrado unha querencia musical da parella Montero-Iglesias polas baladas máis románticas de sir Elton John, os Sussex non van pasar a lúa de mel en terras de Galapagar. E é que poida que o Imperio Británico non sexa xa o que en tempos foi, pero aínda é o caso de que lle restan, mundo adiante, uns cantos arquipiélagos -as Bermudas, Turcas e Caicos, Montserrat...- onde a feliz parella de recén casados disfrute do sol, a praia, os licores e mais os praceres conxugais como lle cómpre.

"Hai que ver, eses!" -esbardallaba en tempos a miña tía-avoa Asunción, sempre tan devota seguidora de D. Manuel Fraga Iribarne que foi-"Falo do Víctor Manuel e mais da Ana Belén: tan comunistas, tan comunistas... e non se dan separado! A qué esperan? Eu xa non entendo nada!" E é que, en efecto e mentres Carmen Martínez-Bordiú e outras celebrities ad hoc ian/van de oca en oca, para alén de non habitaren debaixo dunha ponte ou, que sei eu, nalgún chamizo, entrada dunha mina abandonada..., o casal San José/Cuesta, sen bendicións celestiais mediante, estaba a durar (e dura) moito máis que as pilas que anunciaba un célebre coello televisivo. Está claro que aos españois non se nos pode deixar sós!

País, xa que logo -este que habitamos e mais arquipiélagos, artigo 155, prazas de soberanía e Perejil adxuntos-, proclive aos discursos morais; xentes sempre dispostas a arremeter, e non perdoarlles xamais, contra os corruptos; cidadáns inmesiricordes na loita face a mentira e mais o caciquismo; demócratas nórdicos con pedigree; pobo que distingue escrupulosamente o público do privado..., semella lóxico que, quen máis, quen menos, todoquisqui ande a rachar as vestiduras, tirarse dos pelos... diante do espectacular -¡escándalo, es un escándalo!- cívico-arquitectónico que vai, Se de veras entendesen, daquela, as sutilidades do populismo, os Montero-Iglesias, en vez de enredarse e enredar os seus, deberían máis ben acudir de contado, de contadísimo, a "Sálvame deluxe", botarse a chorar con Jorge Javier Vázquez e mesmo someterse ao ditame infalible do polígrafo. Pode que, a pesar de tal, non conseguisen chegar aínda á Moncola; en todo caso, si que sacarían unhas cantas pelas para a hipoteca e/ou botar a placa.

"Estes son os meus principios" -aseveraba Julius Henry (Groucho) Marx- "Agora ben; se non lle gustan...teño outros." Dito/escrito está igualmente que "cadaquén é dono dos seus silencios pero escravo das súas palabras". Xa que logo, onde dixen "Vallecas" ,digo "Galapagar"; ademais, quen non ten un fallo coa cousa esa da toponimia dos Madriles?

"E Vdes., señor Pena? Vde. qué?" -preguntarán, acaso, algúns dos, sempre moi amables, lectores destas crónicas semanais-. Pois..., que queren que lles diga/escriba? A verdade é que teño que recoñecer que sempre soñei con ser o dono dun chaletdacha provisto dunha pequena praza vermella para o soviet do barrio e mais 300/400 metros cadrados de xardín para que os indignados do 15-M veñan facer unha acampada en compañía dos meus fillos rebeldes. Pero claro está; antes de investir nela unha pasta gansa, tereino que consultar -eu tamén me enredo!- coas miñas bases. Moito me temo que me digan que nanay del Paraguay.