Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Católicos

Seguín na CNN o funeral relixioso no que se lle diu o derradeiro adeus a Barbara Bush, muller do primeiro presidente dos EE UU de tal estirpe. Celebrouse nun templo da Igrexa Episcopaliana. Esta é a forma de se achamar a si mesma a Igrexa Anglicana na América wasp. Coñecíase que a cerimonia decorría nos EE UU en que os sistentes que facían tributes (pequeñas oracións fúnebres) propendían ao humor macabro e os risos ecoaban nas abóbadas neogóticas.

O párroco, no seu sermón funeral, estivo tan esaxerado na informalidade que me pareceu na súa representación histriónica un humorista do Club de la Comedia, programa de inspiración norteamericana. O máis bonito da cerimonia resultou ser o canto do Amazing Grace, himno con ar escocés que multiplica o seu celtismo cando o interpretan as bandas reximentais de gaitas e atambores. Eu quedei até o final por ouvir o Credo. Entre dous bispos, que non se cubrían coa vella mitra Baixa dos prelados anglicanos, o crego recitou o símbolo que contén as bases da fe católica. Eu quería ver se os anglicanos dos EE UU aínda siguen chamándose católicos de portas adentro. Efectivamente, o creguiño gordecho e cómico recitou o Credo completo e dixo claramente que cría na Holy Catholic Church ou sexa a que nós diciamos Santa Iglesia Católica. Son as comunidades cristiás, independentes que se reclaman da súa orixe anterior ao Cisma de Oriente e síguense considerando "igrexa católica" sen acatar a autoridade papal. Por iso, eu nunca din sabido se T.S. Eliot se converteu un día ao catolicismo romano o se o que fixo foi pasarse do luteranismo ao catolicismo anglicano ou sexa inglés. Como Enrique VIII de Inglaterra se rebelou contra o Papa pero seguiu coa liturxia, o clero secular e os elementos fundamentais do dogma e seguiu chamándolle católica á súa igrexa, nunca sabemos onde é que foi a parar o autor dos Four Quartets. A min chámame moito a atención unha comunidade coñecida como dos Anciens Catholiques, cuxa catedral visitei un día en Xenebra, que se arredraron de Roma acusando o pontífice (seica León XIII) de "modernista". Tamén me acordan os católicos chineses que apoiaron a Revolución e terminaron constituíndo unha igrexa nacional. A familia Bush, na nave central do falso templo gótico, moveu o caixón que contiña o corpo de Bárbara arrempuxándoo sobre rodiñas con moi escasa solemnidade. Eu quedei pensando nas profundas divisións que sofreu o cristianismo co paso dos séculos. E considerei o labirinto xenealóxico que compoñen as doutrinas e os nomes das múltiples igrexas cristiás que hai no mundo. O caso é que aínda hoxe seguen a florir novas denominacións e grupos de crentes sempre dispostos a predicar a Verdade e administrar a salvación eterna de todos nós, pecadores. "Se é o mundo que eu fixen / Que o Demo me leve" - dixo Deus en palabras de moi Cristián Curros Enríquez. Dos católicos de Lefebvre e de El Palmar de Troya, nin falar.

Compartir el artículo

stats