Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Luteranos e galegos

A máis antiga e arraízada comunidade ou denominación luterana das existentes en Galicia é a que recibe o nome de Asemblea de Irmáns, aínda que se manifeste publicamente como Igrexa Evanxélica o mesmo que as outras coas que comparte doutrina. Foi fundada por un grupo de máxima observancia que naceu entre os seguidores irlandeses do anglicanismo no ano 1827. Na súa primeira expansión, coñeceuse, coido que por ser fundada, nas portas de Cornwall, como Plymouth Bethren, Irmandade de Plymouth, coa sinxeleza e humildade que caracteriza estes cristiáns. No século XIX cruzaron o que Paz Andrade chamaba Mar Céltico, e comezaron a predicar en Galicia, onde tiveron boa acollida. Converteuse moita xente a esta fe e abriron igrexas en todo o noso país, incluídas as montañas do Leste.

Alí os Irmáns fixéronse arraianos e pasaron a fronteira do Salas formando comunidade en Turei, aldea portuguesa que en galego dicimos Turei. Nas rías, nas montañas, nas ciudades, hai igrexas abertas, e activas nos nosos días, da orixinal Plymouth Bethren, que recibe en Galicia, e coido que noutros lugares, o nome de Asemblea de Irmáns. Eles, a si mesmos, chámanse simplemente "irmáns". Durante o franquismo foron "tolerados" pero vixiados estreitamente e suxeitos a vexacións. Eu lembro a igrexa protestante de Ourense, no extrarradio. Vin cos meus propios ollos as cristaleiras rotas a cantazos no baixo da igrexa da Estrada de Circunvalación, entre o Couto e Cabeza de Vaca. Os xesuítas da cidade dedicáronlle unha misión coa furia nacionalcatólica dominante nos anos cuarenta. Un tal P. Serrano predicaba con virulencia o odio aos republicanos, aos masóns, aos comunistas, aos xudeos e aos protestantes. Foi por iso que un grupo de Luíses que eu ben coñecía, maiores ca min, atacaron a cantazos a igrexa dos Irmáns de Ourense. Difundiuse a falacia de que os probes da cidade se facían protestantes para beneficiarse de alimentos e donativos que os Irmáns recibían da moi odiada Inglaterra. Noutras localidades de Galicia que eu coñezo ocorreron cousas parecidas.

No exército franquista a doutrina oficial establecía que un dos elementos compoñentes da nación era a relixión CAR (Católica Apostólica Romana) e que ninguén que non a profesase podía ser verdadeiro español. Así as cousas, miramos que na España actual segue sen haber laicismo nin verdadeira libertade de cultos e que a igrexa CAT segue cargada de privilexios de todo tipo en canto que as relixións minoritarias se reducen ao autofinanzamento e á confianza en Deus. Finalmente, a "Comisión Filatélica del Estado" acaba de autorizar un selo conmemorativo da traducción castelá da Biblia feita polo protestante renacentista Casiodoro Reina, despois de telo vetado, debido ao reflexo nacionalcatólico frecuente no PP.

A iniciativa dun selo conmemorativo da Reforma Luterana partiu dos Irmáns de Ourense, de Vigo, de Marín e de toda Galicia. Parabéns a eles.

Compartir el artículo

stats