Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Do dereito de asilo

Julian Assange, asilado na embaixada de Ecuador en Londres, dirixiuse aos seus seguidores en Internet. Recordou a Luis Companys, presidente da Generalitat de Catalunya, que fora detido polos alemáns en Francia e entregado ao goberno de Franco. Este mandouno fusilar nun foso de Montjüic en 1940. Assange puña en relación aqueles acontecementos cos que están agora xustamente en curso e nos que se trata dunha posibel cesión de Carles Puigdemont a España. O de Companys e o de Puigdemont son casos diferentes, por suposto, mais aprézase unha inquedante proximidade entre eles. Merkel é, e Hitler foi, autoridade máxima dun estado dito Alemaña. E, unha ten e outro tivo nas mans o destino dun presidente de Cataluña. A Hitler non lle importaba o que o seu socio Franco fixese con Companys, e entregoullo sabendo que ía ser inmolado. Pro Merkel teme o desorde que provocaría en Alemaña, na UE e no mundo a devolución de Puigdemont ao estado español para ser indefectibelmente condenado e convertido nun preso político de longa duración. As poucas liñas da mensaxe de Assange na que este refuxiado puña en paralelo as vicisitudes sofridas por Companys e Puigdemont circularon retransmitidas por centos de milleiros de persoas arredor do mundo e á velocidade dos meteoros. Contribuiu Assange, en poucas verbas a facer levedar unha opinión internacional que respalda a maioría dos cataláns na súa arela republicana e independentista. De xeito que a sorte que correrá Puigdemont en Alemaña, e tamén os presos que non poden ser chamados políticos de Cataluña en España, ocupa unha extensa leira no dietario informativo internacional. A min acórdame moito (xa que andamos en paralelismos) a situación do cardeal húngaro Mindszenty que, achándose refuxiado durante moito tempo na embaixada dos EE UU en Budapest lanzaba proclamas desde alí contra o comunismo. Por non falarmos do menos cardenal Quevedo de Ourense, que se refuxiou en Turei ou Tourém (Portugal) para combater por escrito o liberalismo momentáneamente hexemónico en España. En todo caso, o Imperio moveu un dedo para favorecer Mariano Rajoy (propiamente, Raxoi) neste conflicto. Lenin Moreno recibiu orde dos seus superiores e desconectou Julian Assange da rede, reducíndoo ao silencio. Unha lección que nos dicta a contradicción catalana é esta: se Lenin Moreno obedeceu e lle cortou a Assange a conexión a rede, fica demostrado perante o mundo, que a liña progresista e socialmente avanzada de Rafael Correa en Ecuador está sendo naquela república substituida mediante un regreso das elites nacionais de dereita de unha nova submisión ao Imperio. Polo momento, Carles Puigdemont saiu da cadea en Alemaña.

Compartir el artículo

stats