Non fai falta ser un experto en urbanismo para comprender que a cerna da deboura sobre a ubicación da cidade deportiva do Celta reside na posibilidade de construción dun gran centro comercial e de lecer anexo ás instalacións deportivas. Esa é a intención expresada por Carlos Mouriño na súa máis recente intervención na que lamenta que "o que se lle negou ao Celta se lle está dando a outra xente que non é de Vigo, como está pasando cos proxectos comerciais que hai previstos na cidade", referíndose, sen dúbida, aos centros comerciais Vialia, Recaré, Valadares ou mesmo o máis que controvertido de Porto Cabral, anunciados nalgún caso pola propia alcaldía. Unha polémica protagonizada polo primeiro accionista do Celta, que moi pouco ten que ver con cuestións deportivas, nin sequera co carácter do Celta como insignia viguesa polo mundo, mais que reabre un interesante debate político e cidadán sobre as dimensións, ubicacións, características e criterios de autorización urbanística do novo equipamento comercial previsto na área metropolitana e o seu impacto sobre o pequeno comercio e a propia mobilidade interior no Gran Vigo.

Unha polémica aínda máis complexa de abordar cando Vigo, tras a caída do Plan Xeral de 2008, carece de planeamento actualizado (o vixente é de 1996), o que obriga a acudir a lexislación específica, como a Lei 3/2016 aprobada pola Xunta de Galicia para desbloquear obras de excepcional interese público, como foi a ampliación das instalacións do grupo PSA Citroën. Contexto no que se entenden os máis que razoables argumentos técnicos da concelleira de Urbanismo advertindo que o Celta podería atopar terreos no concello de Vigo para instalar a súa cidade deportiva, pero non para a súa pretensión de promover unha das maiores áreas comerciais do sur de Galicia, como a que anuncia construír en Mos, entre o Mercantil e o Rebullón, de 120.000 metros. O que é román paladino quere dicir que aos propietarios do Celta o que realmente lles interesa é contar con terreos e autorización urbanística para promover un gran centro comercial na área metropolitana. Como sucedera, tamén, coa reforma de Balaídos, nos espazos comerciais está o miolo do litixio entre os intereses (privados) do club e os (públicos) do concello.

Mais abonda con repasar o publicado no FARO DE VIGO nas últimas semanas para comprender que nos próximos catro ou cinco anos vaise producir unha auténtica revolución no equipamento comercial en Vigo. No verán de 2022 e cun investimento de 83 millóns de euros Vialia abrirá na estación intermodal de Urzaiz un centro comercial de 90.476 metros cadrados deseñado polo arquitecto Thom Mayne, xirando arredor de Alcampo e Primark como marcas principais. Con anterioridade, probablemente na segunda metade de 2020, o Grupo Eroski poderá inaugurar en Bembrive o centro comercial de Recaré, no que ten previsto construír 70.980 metros cadrados e investir 45 millóns de euros. Xaora, quizais un ano antes, a Zona Franca poida abrir a ampliación prevista do Parque tecnolóxico de Valadares, uns 250.000 metros, a carón do Hospital Álvaro Cunqueiro, onde se poderían instalar firmas como Ikea. Sen esquecer a posibilidade de recuperación do megacomplexo de Porto Cabral, que afectaría a 300 mil metros cadrados do monte veciñal de Liñeiriños, se fose incluído no novo PXOM, que en ningún caso e sendo optimistas sería aprobado antes de finalizar o ano 2022.

Coas excepcións do exitoso centro Gran Vía e da sempre concorrida área do Meixueiro, que funcionan con carácter metropolitano, estes novos proxectos comerciais periurbanos semellan alleos ás dificultades que atravesan os centros comerciais urbanos construídos no período de entre séculos, como os da Praza Elíptica, Travesas ou mesmo da Laxe, cuxa oferta actual, aínda no entorno da crise de 2008, moi pouco ten que ver coa que ofrecían os días esperanzosos da súa inauguración. Como tampouco parece considerar esta nova onda viguesa de grandes superficies comerciais, que pretende construír mais de medio millón de metros cadrados, a crise que este tipo de espazos comeza a vivir nos Estados Unidos, onde nos próximos cinco anos se estima pechen un 25 %, motivada polo incremento das vendas por internet ou pola saturación desta oferta comercial e de lecer, como xa sucedeu na Coruña onde a apertura do Centro Comercial Marineda supuxo o peche posterior do bautizado como Centro Dolce Vita. Sen esquecer tampouco, coa excepción do pulo comercial das cadeas de vestiario instaladas en Príncipe e Urzaiz, a situación precaria do "comercio tradicional", hoxe case desaparecido das rúas do centro. Considerar todas estas circunstancias e tendencias axuda a entender unha polémica onde é tan doado deixarse levar polas aparencias e confundir allos con bugallos.

stylename="070_TXT_inf_01"> bretemas@gmail.com