Despois dos antroidos ou dos carnavais (tres días escasos de "carnestolendas" na obediencia católica e cero no mundo luterano) sobrevén implacabelmente a Semana Santa. As prácticas galegas neste tempo son moi recentes e difiren completamente das portuguesas, aínda das portuguesas máis próximas. O cal non é raro xa que as procesións e culturas da Semana Santa son froito do triunfo da Contrarreforma, tempo en que Portugal se independizaba (1640) e se abría unha fenda que coincide co río Miño e a raia seca.

As procisións portuguesas, mesmo no Norte, son ricas en homes e mulleres disfrazados de María, Xesús e personaxes que se conmemoran estes días. As das cidades e vilas galegas sacan tallas imitantes da imaxinería española (incluso Fernández). Con todo (os arraianos son así) podemos desfrutar dunha Semana Santa portuguesa plenamente en Oímbra, con veciños que son Cristo levando a cruz e profusión de soldados romanos.

A Semana Santa galega nunca foi celebración rural. Na aldea nosa só se desfrutaba co oficio de tebras, porque os rapaces facían trasnadas coas vellas e as mozas ao se apagar a luz. Tamén a Semana Santa era tempo de bebedeira e arlotadas de rillotes, graxos e marxinais nas cidades. O bispo de Ourense tivo que prohibir o desencravo na Praza Maior a principios do século XX porque os encargados da manexar o crucifixo articulado estaban bébedos e lle movían as partes do corpo que non eran.

Para Torrente Ballester, os carapuchos ou capirote entraron en Ferrol da man da mariña de guerra española. Na miña nenez só os había alí. No resto de Galicia as procesións das cidades eran a cara descuberta. A Vigo trouxo os carapuchos un famoso crego franquista rabeoso coñecido popularmente como "O Reisiño". Logo veu Pontevedra, onde aínda sacan un "Jesús Caído" que leva o xugo e as frechas na padiola. A sevillanización das semanas santas galegas foi total, e lograron polos carapuchos, converterse nunha especie da continuación do Entroido. Xa o escribira o P. Francisco de Isla: "En la mayor parte del mundo cristiano (fala de España) la Semana Santa es el más fino, pero el más impío carnaval que se celebra" (1755, carta a María Francisca, a súa irmá galega). Franco animou moito á andaluzada e ao culto público contrarreformista. Cada ano se fala menos en Galicia da procesión dos Caladiños.