Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ilustres

As escavacións arqueolóxicas das Burgas e o 25º aniversario do Día Mundial da Auga

O 22 de marzo foi o Día Mundial da Auga. A creación da efemérides foi recomendada no ano 1992 pola Conferencia das Nacións Unidas sobre o Medio Ambiente e o Desenvolvemento celebrada en Río de Janeiro. Un ano despois, o 22 de marzo, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas atendeu á recomendación e designou o mesmo día como o primeiro Día Mundial da Auga.

A celebración anual serviría para que cada Estado divulgase a través de actividades e outras accións a importancia da auga doce como recurso indispensable para a supervivencia no noso planeta.

Entre os actos promovidos pola Deputación Provincial de Ourense para este ano, vixésimo quinto aniversario do Día Mundial da Auga, o pasado 19 de marzo presentouse o libro Aqva Divi Vrbs. Agua, Dioses y Ciudad. Excavaciones arqueológicas en As Burgas (2005-2010), obra aprobada no concurso de selección de obras para edición por esta institución no exercicio de 2016.

É a reedición dunha obra colectiva, coordinada polo arqueólogo Celso Rodríguez Cao e máis un servidor de vostedes. Inicialmente fora editada no ano 2012 polo Concello de Ourense, promotor das escavacións arqueolóxicas realizadas nos últimos anos. A idea básica da publicación foi arroupar os resultados das escavacións realizadas nas Burgas por este concello. Evidentemente tamén se valoraron os achados efectuados anos atrás por Alfredo Seara Carballo na explanada das Burgas e Luís Orero Grandal no patio do colexio das "Josefinas".

Na presente reedición incluimos dous traballos que non estaban iniciados no ano 2012: a consolidación e posta en valor dos restos romanos exhumados e a creación do Centro de Interpretación Arqueolóxico-Termal da Cidade de Ourense (o CIATCO).

É sabido polos ourensáns que a contorna onde manan estas augas quentes e mineromedicinais é un lugar esencial na súa topografía urbana. Tamén afectiva e , en certo modo, lendaria. Todos coñecen a lenda que sitúa o nacemento das augas aos pés do Santo Cristo da catedral. Iso dotaríaas de poder sanador. Para as elevadas temperaturas ás que manan, existe outra: "As augas quentes proceden dun volcán en repouso que está na base do Montealegre. Un día explotará, destruíndo a cidade de Ourense e ao Demo".

A Ciencia, sen embargo explica as calidades principais -calor e capacidade curativa- doutro modo. Os mananciais, con temperaturas superiores aos 65º C, nútrense con auga de chuvia que se infiltra polas fracturas do terreo, ata profundidades que teoricamente se estiman superiores aos dous quilómetros.

No fondo quecen por diversos motivos. O principal é o calor interno do planeta, o gradiente térmico, que incrementa uns 30º C o calor da terra por cada quilómetro que profundemos. Tamén contribúe a desintegración dos isótopos radioactivos do granito e o calor latente que xeneran as fracturas sísmicas máis recentes. Ademais, a auga mestúrase cos minerais das rochas, diluíndoos e adquirindo así a súa composición e propiedades mineromedicinais, formando unha especie de solución farmacéutica natural.

Non poucos ourensáns sitúan ao redor desta fontes o nacemento da cidade. Nesta idea, que debemos matizar polos resultados das escavacións que se levan feito nos últimos anos nela, seguramente tiveron que ver achados xa antigos, como a ara ou pequeno altar que Calpurnia Abana Aeboso dedicara no século II d.C. ás Ninfas destas fontes, achado que se remonta ao ano 1802 na horta da desaparecida "Casa da Tenencia". Tamén esta idea se alimentou das investigacións de autores como Florentino Cuevillas.

O libro que a Deputación Provincial veu de reeditar e presentar, Aqva Divi Vrbs, fala fundamentalmente dos traballos arqueolóxicos efectuados antes da recuperación deste importante espazo urbano, o que motivou as intervencións arqueolóxicas realizadas con promoción e iniciativa municipal. En 2005 fixéronse as primeiras sondaxes, dirixidas por Rafael Cristóbal Rodríguez nas "Traseiras das rúas Vilar e Cervantes" e por Celso Rodríguez Cao na chamada "Casa dos Fornos", onde hoxe emerxe parte do edificio romano con piscina. Os resultados destas exploracións previas deron paso ás escavacións en extensión das dúas zonas anteriores ademais do soar nº 6 da rúa do Baño, intervencións dirixidas na súa totalidade por Celso Rodríguez Cao.

O libro, obra colectiva, busca entender o papel que desempeñaron as fontes ao longo da historia da cidade, na súa fundación, consolidación e evolución posterior. Quere relacionar esta manifestación natural con traballos -olladas- que proveñen de aspectos tan variados como, entre outros, a xeoloxía, o urbanismo histórico e actual, ou a relixión, pasando por disciplinas como a infografía a restauración.

Para iso recóllense os principais resultados das escavacións, que forman o traballo central do libro co título "As Burgas de Ourense: contexto histórico-arqueológico". Foi redactado por Celso Rodríguez Cao, un dos coordinadores da obra" e director da escavación en área, xunto co tamén arqueólogo Luís Cordeiro Maañón. O traballo, sen ser a memoria final das escavacións (cunha información con aspectos máis técnicos e necesariamente descritivos) aborda un avance reflexivo cuns primeiros resultados para ofrecer aos lectores, aos cidadáns de Ourense e a todos, especialistas ou non, interesados na arqueoloxía desta cidade galega do interior.

Diciamos tamén que era necesario -indispensable- arroupar os datos das escavacións con máis olladas cara a este emblemático lugar. Proveñen de investigadores variados e complementarios, independentemente de que exerzan especialidades diferentes da arqueoloxía, coma a xeoloxía, o urbanismo, a arquitectura ou a informática.

Así achegamos ao lector traballos que consideramos indispensables para entender os contextos deste espazo singular, ou para que as propias Burgas axuden a comprender outros lugares e feitos de grande importancia para a historia de Ourense. Foi por iso, en beneficio do lector, polo que recorremos a diversos especialistas para que aportaran riqueza que contribuísen a crear ese punto de vista poliédrico indispensable para axudar a entender As Burgas nunha dimensión global, ese topos que protagoniza e ordena o relato aparentemente inconexo que forman as distintas colaboracións.

A xeoloxía é a protagonista da Caracterización hidrogeológica y geotérmica del área termal de As Burgas (Ourense), obra dos profesores e xeólogos Pedro Araujo Nespereira, José Ángel Cid Fernández e Isabel Delgado Outeiriño. Os autores achegan ao público o complexo esquema e funcionamento xeotermal das fontes e converten en información científica as propiedades calóricas e curativas dos mananciais que os antigos atribuían á acción dos deuses. A información isotérmica, incluído o plano, contribúen en gran medida a comprender a distribución das ruínas romanas.

O arqueólogo municipal Roberto Yebra Crespo, achéganos outro aspecto esencial para contextualizar As Burgas e a cidade. O seu traballo "El nacimiento de Ourense dentro del proceso de romanización del noroeste peninsular", buscar os factores que nunha escala máis ampla que o val de Ourense incidiron no nacemento da nosa cidade, entre eles o deseño da rede de calzadas romanas ou as estratexias de explotación dos recursos auríferos. Máis nun ámbito de investigación que ten como protagonistas a uns mananciais con propiedades curativas, non podía faltar un estudio sobre a relixiosidade romana e as súas relacións coas relixións indíxenas. Neste caso concreto, con Revve Anabaraego, o deus atopados nas Burgas. É a achega fundamental realizada pola catedrática da Universidade de Pais Vasco, Mª Cruz González Rodríguez, co título de Las dedicaciones a Revve Anabaraego en el marco de la religión romana provincial de época altoimperial.

A nosa propia colaboración, "As Burgas en la ciudad galaicorromana", trata os restos arqueolóxicos das Burgas en relación cos outros achados da etapa romana da cidade de Ourense, propoñendo a extensión que podería ter xa no século I d.C., a cronoloxía do seu nacemento ou a importancia desta probable civitas, todo iso a partires das intervencións arqueolóxicas realizadas nos últimos anos, como tamén a función que puideron desempeñar as Burgas na súa orixe, compartindo protagonismo con outros sectores máis ou menos afastados da cidade.

O traballo da historiadora e informática Alicia Colmenero Fernández, "Registro documental infográfico del material de Casa dos Fornos", inclúe varias reconstrucións virtuais do edificio-santuario con piscina de época romana. Mostra diversas técnicas de construción e hipotéticas vistas exteriores e o interior. Nun exhaustivo exercicio de Arqueoloxía Experimental conxuga os métodos, as técnicas e os materiais edilicios daquela época.

A colaboración titulada "Puesta en valor de los restos arqueológicos de As Burgas (Ourense)", obra do arqueólogo-restaurador Miguel Ángel López Marcos e os arqueólogos Luís Francisco López González e Yolanda Álvarez González, achéganos a outra tarea fundamental do traballo de campo arqueolóxico especializado: a consolidación e musealización ao ar libre dos restos arqueolóxicos para poñelos a disposición do público dunha forma que propicie a conservación das ruínas e, ao tempo, sexa máis intelixible para os visitantes.

Outros profesionais diferentes, os arquitectos Manuel Jorreto Díaz e Pablo Falcón Nóvoa, mostran as ideas e deseños fundamentais para a creación do CIATCO na súa achega titulada "Centro de Interpretación de As Burgas". O texto recolle os criterios de recupera-ción de varios locais en desuso para crear un centro didáctico que na actualidade é o complemento idóneo para entender tanto as ruínas arqueolóxicas como as fontes termais dentro da historia da nosa cidade.

Remata o libro a arquitecta Elvira Carregado Pazos. O seu traballo "La ciudad y As Burgas: las fuentes termales en la historia del urbanismo" achéganos aos significados desta contorna dende os distintos planeamentos urbanísticos que se foron sucedendo. Sen dúbida estes reflicten as formas en que os ourensáns tratamos ás Burgas nos últimas décadas.

A través destas liñas, queremos agradecer á deputación provincial de Ourense a publicación de Aqva Divi Vrbs. É un paso máis para gardar a memoria de Ourense. Despois das escavacións realizadas polo Concello de Ourense, soubemos que un deus máis antigo que as Ninfas, Revve Anabaraego, vivía nestas augas, actuando como benfeitor dos antigos ourensáns e dos peregrinos que se achegaban ata elas dende, polo menos, mediados do século I d.C. Auga, deuses e un lugar, unha cidade de curación, é a tríade constante que aínda hoxe opera no imaxinario colectivo. Os mananciais permanecen no transcurso dos milenios, e moitos ourensáns acoden aínda a eles na busca de saúde.

Seguramente algúns de vostedes, queridos lectores, utilicen estas augas para gozar delas ou para buscar algún remedio. Non o dubiden nin un momento: están a perpetuar uns usos que naceron hai case 2.000 anos e que propiciaron a orixe da cidade de Ourense.

Agardo que pasaran un proveitoso 25º aniversario do Día Mundial da Auga e que tamén fose así para os recursos.

(*) Arqueólogo municipal de Ourense.

Compartir el artículo

stats