Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Vigo e cultura

A cidade vibrou con Verne e co Manuscrito Vindel

Festexouse na cidade de Vigo a chegada (no puro centro dunha das ficcións máis celebradas no mundo) do Capitán Nemo e do Nautilus á ría e á enseada de San Simón, escenario inmorredoiro da cántiga de Meendiño. Foron moitos os actos e deberiamos valorar a alta calidade das iniciativas conmemorativas que un profesorado capaz puxo en acción no que foi o noso Instituto, o Santa Irene, e tamén noutros centros públicos da cidade. Un día contemplamos, desde un Outeiro próximo a Nantes, a desaugue do Loira no Océano e o movemento dos navíos grandes e pequenos. Estabamos no Museo de Jules Verne, e soñamos que un día Vigo acordaría do seu sono e poñeríalle á nova ponte de Rande o nome do Capitán Nemo. Isto para que os viaxeiros do mundo enteiro que nos visitan tivesen presente que o Nautilus extraía o ouro dos galeóns de Rande co fin de subvencionar os movementos de liberación nacional e social do mundo. O ouro de Rande é agora o que nos rouba Audasa en concepto de peaxe, do tipo do que no pasado os feirantes tiñan que cotizar a Pepa a Loba ou a Mamede Casanova, insignes ladróns de camiños da Nosa Terra. Pero a corrente de diñeiro coas que nós e os que nos visitan alimentamos as cabinas da Autopista do Atlántico non vai a subvencionar os movementos e causas sociais lexítimas do mundo senón a engrosar fondos e finanzas de persoas e compañías que non coñecemos e que moran moi lonxe de nós. De cousas coma esta tratamos usando do concepto, moi ben fundamentado, por Beiras, de "colonización de Galicia". Desta feita, Vigo estivo á altura da circunstancia e esta columna facilita a todos os verneanos da cidade que contribuiron aos actos cos seus coñecementos e influencia cívica. Porparte, tamén Vigo vibrou coa chegada á cidade do Manuscrito Vindel que recolle, en grafía galega, as cántigas dun poeta medieval do que non se sabe nada. Del só coñecemos sete poemas e menos de sete músicas. Nesas cántigas hai raparigas delgadas que ben bailan que se xuntan con mozos para ir á praia a bañarse en canto que o erotismo ondexa en cada verso. Nada que ver coa Idade Media cristiá senón con aquela outra laica e gozadora que aparece nas nosas letras medievais ao igual ca nas occitanas e francesas daquel tempo. Non só había catedrais nos tempos de Martín Codax, e o Manuscrito que foi estes días admirado onda o mar de Vigo así o demostra. O pobo de Vigo, no caso Verne e no caso Codax, estivo á altura das circunstancias.

Compartir el artículo

stats