Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Vivir entre monstros

Cousas nas que é difícil acreditar

Se é que Vdes., sempre moi amables lectores destas crónicas semanais, me conceden a oportuna licenza, quixera comezar as presentes liñas relatándolles unha pequena brincadeira. En realidade, trátase apenas da actualización, posta ao día, dun conto, relato breve... -"acudit", que lle din en catalán- da autoría do xenial, e infelizmente desaparecido, Eugenio. A cousa sería, daquela, como xa segue: logo de ter percorrido de parte a parte tres ou catro ducias de galaxias, un cosmonauta acode ao Vaticano e solicita unha audiencia privada co Sumo Pontífice; tras as protocolarias xestións do caso, finalmente é recibido a soas nas dependencias papais. "Que é o que desexas comunicarme, meu fillo? Estamos aquí para escoitarte; adiante, por favor". "Pois verá, Santidade. Son cosmonauta con anos de servizo e levo visto cousas nas que os humanos non chegarían sequera a acreditar. Mirei atacar naves ardendo para alén de Orión. Contemplei raios-C brillar na escuridade cabo da porta de Tannhäuser... Pero por máis que enxerguei, divisei e fun albiscar... Vaia; que Deus non existe; Vdes. andan a enganar os seus fregueses, domingo si e día santo tamén! En consecuencia, se non me pagan de contado o que lles pido, vou facer unhas declaracións en "La Repubblica", que se vai desfacer toda esta montaxe". "Pero... iso non, meu fillo! A ver; de que cantidade estamos a falar?"

Tres semanas máis tarde, o moi cobizoso cosmonauta procura unha nova entrevista: desta volta, nin máis nin menos que co imperecedoiro presidente da República Popular Chinesa, Xi Jinping. "Pois verá, Vde. camarada presidente: son cosmonauta con anos de servizo e levo visto momentos galácticos que se perderán no tempo, como bágoas na chuvia.En fin; que Vdes. andan a embelecar como chineses -é dicir, como o que son- aos seus compatriotas: Deus existe e tanto que existe! Eu vino, polo menos, nunhas sete ou oito ocasións. Daquela, ou me pagan o que lles pido ou..." "Non!, iso non, camarada! De cal cifra se trata?"

Decidido a tirar sempre o máximo proveito da súa experiencia e capacidade de extorsión, o noso protagonista é quen aínda de artellar un terceiro encontro: deste xeito, consegue que o todopoderoso primeiro mandatario dos todopoderosos USA, Mr. Donald Trump, o reciba, vis a vis, en pleno Despacho Oval. "A ver, presidente: son cosmonauta con anos de servizo e puiden observar as naves ardendo para alén de Orión... En fin; que Deus non existe. Polo tanto, ou me pagan o que lles pido, e xa, ou vou facer unhas declaracións na CNN que a Casa Branca vai caer de cu." "Mire Vde. -retrúcalle Trump-. A nós tanto nos ten que Deus exista ou deixe de existir. Sorry, pero, meu amigo, está a perder o seu tempo". "Ah si? Pois mire o que lle digo, pedazo de atún: é unha tía! Repito: é unha tía e, ademais, feminista acérrima!"

Desde logo, a pouco que Vdes. procuren un pouco, atoparán versións nas cales a "feminista acérrima" se transforma en "mexicano/a", "coreano/a", "musulmán/a" e/ou outros terrores a espreitar, noite vai/noite vén, os pesadelos eléctricos de Mr. Trump. Certamente, o ghicho poderá ameazar Corea do Norte e o seu "amado líder" cun bombardeo apocalíptico; mais a verdade é que non é quen de conciliar o sono. Sen dúbida, trátase dun moi xusto castigo.

Este cronista ten un coñecido que, malia resultar de ideas conservadoras, está ben lonxe de sentir calquera simpatía polo rei do pim-pam-pum yankee. Non obstante, dito colega de meu vive así mesmo agoniado por mil e un medos, unha boa parte dos cales chegan onde el en forma de ameazante whatsapp. Home que peitea canas -mesmo unhas cantas máis que un servidor-, veu engadir a esoutros temores que, quen máis quen menos, todos albergamos respecto das nosas respectivas saúdes, unha ben cumprida hipocondría en relación a taxaminasas, colesterol, triglicéridos e descompensacións nos índices de glucosa; cada mañá de luns, novos avances -é un dicir, o de "avances"- no mundo da dietética veñen amargarlle as sobras do cocido dominical e mais o(s) whisky de sobremesa.

Arrepíos, xa que logo, que mesmo resultan directa cagarría cando se pon ao voante da súa recén estreada berlina e conduce cun ollo na estrada e outro ollo no GPS, na busca de sinais, noticias de inmisericordes radares multantes (e mutantes!). Calafríos e estremecementos varios no transcurso dunha viaxe, por motivos profesionais, a Barcelona e ser recibido no hotel cun sorrinte "Bona tarde. ¿Té vosté una reserva?" Canguelo no retorno, despois, ás terras da monarquía española e a que no aeroporto algún uniformado vaia comprobar a procedencia do voo: "¿Y a santo de qué se fue Ud. a entrevistar con esos separatistas? ¡Váyase preparando para un 155 en toda regla!" Pánico nuclear durante unha visita á capital das Españas, na cal se foi perder no medio e medio do barrio de Chueca: "E se, de repente, me volvo gai?" Horror atroz tras ser atendido amablemente por unha camareira latina e devir consciente de ter respondido con algo así como: "Moitas grazas, guapa!" "Meu Deus!, como cheguen a sabelo as miña netas, as que votan por Podemos...!"

En fin; desfeitas a desfilaren en procesión. Fantasmas, espectros, meigallos.., formas monstruosas da nenez que nunca se foron e que sempre retornan; aínda ben que Guillermo del Toro nos vén explicar que, en realidade, os nosos monstros son, todos eles, uns coitados infelices, incomprendidos e perseguidos pola CIA!

Compartir el artículo

stats