Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

OS CAMIÑOS DA VIDA

Xosé Luis Méndez Ferrín

Era unha pedra pedriña

No poema "A Virxe do Cristal", Curros Enríquez, poeta cristián pero ben contrario ao catolicismo, sucumbe, emocionado, ao encanto popular dunha tradición e, entre outras cousas, escribe: "Era unha pedriña pedra/ era unha pedra pedriña,/ como un ovo de galiña/ tallado en fino cristal?" Cito de memoria, igual que podían facelo milleiros de lectores galegos de Curros Enríquez, indignados hoxe, pola ineficiencia e despectivo secretismo que caracterizaron a actuación da Garda Civil e da xuíz instructora do caso que está cumprindo tres anos de escuridade.

No mes de marzo de 2015 uns ladróns e asasinos que permanecen impunes entraron na rectoral de Vilanova dos Infantes e torturaron ao abade da parroquia e reitor do santuario de Nosa Señora do Cristal, un vello da miña idade e mais un amigo respectadísimo por máis de cuarenta anos. Mallaron no meu amigo tánto, que lles morreu aos criminosos nas maos. Logo deixaron o corpo no palleiro en cuxa parede aínda loce un modillón do século X pertencente ao conventiño de Santa María que fundara Aldara, nai de San Rosendo. Mil anos de historia contemplaban o malfeito, se se me permite usar unha frase feita.

Logo, roubaron a Virxe minúscula e enigmática, cuxas dimensións son inferiores ás dun ovo de galiña pesia ao que tan ben dixera Curros. Roubaron unha peza de arte belísima, pero sen valor real de mercado. Valor, e incomensurábel, ten a Nosa Señora de Vilanova para todos os que vivimos onda ela desde a infancia. Para nosoutros este ovo de cristal é o emblema maior da identidade que nos une desde o século XVII no que se iniciou o seu culto. Éo para os crentes e para os escépticos que descremos da súa orixe portentosa. Querémoslle a esta Señora como lle querían os nosos pais e os pais dos nosos pais desde que ela caeu do ceo no medio dun forte golpe de escarabana.

Se calla, algún lector non recoñeza a verba "escarabana", porque se encontra entre os milleiros delas só usados localmente e non usitados na literatura. Significa o mesmo que "sarabia", e hai quen lle atribúe unha proxenie prelatina e prehistórica. Tamén se lle di "pedra", de aí o xogo maxistral de Curros. A xuíz de Celanova seica zarrapechou o caso. Nin o pobo nin a os próximos ao crego recibiron as explicacións que merecen. Toda Galicia debería estar indignada polo roubo da "pedriña pedra" e mais polo asasinato de Adolfo Enríquez, o leal gardián dela.

Compartir el artículo

stats