Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Outro xeito de facer na Universidade de Vigo

Despois de 20 anos de gobernos continuistas na Universidade de Vigo, estas eleccións representan, desde o meu punto de vista, unha oportunidade para levar a un cambio de paradigma na gobernanza da nosa institución. Requírese un novo modelo, novas formas de actuar, e novos valores, có único fin de que a Universidade estea ao servizo da sociedade en todos os seus diferentes ámbitos (individual, empresarial e institucional).

Somos unha universidade con pouco máis de 25 anos, pero o noso cadro de persoal está envellecido tras anos de falla na renovación e incorporación de talento xove, de tal maneira que a idade media do noso profesorado é superior aos 50 anos. Isto afecta á totalidade da Universidade, e fai que teñamos que pasar unha travesía do deserto agás que poñamos xa as medidas correctoras axeitadas, e contando coa axuda da administración autonómica. Ata de agora priorizouse o ladrillo, pero o capital máis importante nunha universidade son as persoas que a compoñen: persoal docente e investigador, persoal de administración e servizos e estudantes.

A perda de competitividade veuse reflectida nos pasados cinco anos nunha baixada xeneralizada en toda as clasificacións internacionais. Pasamos de seren unha universidade notable no contexto internacional a non aparecer sequera entre as máis importantes do mundo. No ámbito nacional, descendemos do posto 12 ao 19, situándonos por debaixo da Universidad de A Coruña. A única clasificación na que aínda aparecemos é na que se restrinxe a universidades novas.

Co paso do tempo, moitos dos procesos de selección de persoal pasaron a facerse con criterios ad hoc, cambiantes no tempo e caprichosos, o que de xeito bastante xeneralizado remata en procesos xudiciais. A verdadeira forma de sumar ideas é revitalizando o diálogo nos órganos de goberno, e recuperando a cultura da negociación e o consenso.

A Universidade de Vigo foi a primeira e a máis vehemente na aplicación de máximos do chamado decreto Wert, o que ocasionou situacións que prexudican á institución no seu conxunto, xa que impide que moitos profesores poidan cumprir adecuadamente coas súas obrigas nos eidos da investigación e a xestión, supón unha degradación da calidade da docencia, co que penaliza ao alumnado, e incrementa os desequilibrios entre os diferentes ámbitos.

A nosa universidade ten o dubidoso honor de seren a institución pública que obriga a máis xustificacións repetidas en calquera proceso. Estamos cheos de procedementos que involucran esforzos baldíos, que non redundan na mellora da universidade. Isto pode comprobarse en calquera aspecto da vida universitaria, incluíndo o programa Docentia de avaliación do profesorado, nos sistemas de garantía de calidade das titulacións, nos sistemas de contratación de persoal e nas compras ordinarias. A universidade necesita perentoriamente unha redefinición, simplificación e modernización dos seus procedementos.

Por outra banda, en calquera institución, é consubstancial ao exercicio continuado do goberno durante tantos anos o crecemento de estruturas e redes de poder e interese ao seu redor, cousa que tamén podemos, ata certo punto, albiscar se observamos unha fotografía actual de nosa universidade. A consecuencia directa disto, e que a medida que transcorre o tempo, a acción de goberno cada vez está menos orientada a atender os intereses da comunidade e mais os duns poucos.

Todos estes condicionantes fan que moitos compañeiros teñan perdida a ilusión e a esperanza no devir da institución, pero pensamos que hai vimbios para retomar un camiño que faga a nosa universidade un referente internacional. Pero faise necesario un cambio de rumbo.

A pregunta que teñen que respostar os integrantes da nosa institución é: cal é o modelo a seguir? O continuista?, marcado por grupos que nas dúas últimas décadas ocuparon cargos de representación e goberno; ou polo contrario un novo modelo, con persoas entusiastas, comprometidas e con outro xeito de facer as cousas.

H2040, a candidatura encabezada polo profesor Pachi Reigosa, representa a oportunidade clara de devolver a universidade á posición que se merece e recuperar a confianza das persoas que nela traballamos.

*Profesor de Economía

Compartir el artículo

stats