Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

tRIBUNA LIBRE

Na memoria de Geno Piñeiro

Éde xustiza lembrar a Geno Piñeiro. Geno é desas persoas que poñen en dúbida aquela afirmación de que "ninguén é imprescindible".

Só pasaron uns meses que nos deixou e segue, e vai seguir, presente en moito tempo na nosa memoria e no noso corazón, porque é moito tempo o seu legado neste concello e sobre todo nesta parroquia de Meira pola que tanto traballo fixo.

Geno era a definición exacta do que chamamos un "home bo e xeneroso". Pero foi moito máis. A súa adicación e bo facer na organización de eventos folclóricos e culturais, na recuperación do entroido ou a iniciativa do Museo das Carreiras, son exemplos do seu compromiso coa súa comunidade.

Aínda máis, o seu traballo no impulso e organización do Festival Internacional Folclore do Mar puxo a Meira e Moaña no mapa internacional de eventos do folclore popular.

Geno merece ser posto en valor, ser recoñecido a nivel institucional e a nivel veciñal, a súa adicación altruista e desinteresada no impulso da cultura e da historia da nosa vila merece a nosa gratitude.

Geno amaba o que facía, amaba a súa familia, amaba a vida. Por iso aínda, se é posible, doe máis que se fose tan novo e con tanto aínda por darnos. Por iso custa asumir que xa non esté entre nós.

Poderíamos seguir dicindo tópicos e frases feitas de homenaxe e sempre serían acertadas.

O que procede é facerlle a Geno unha emocionada lembranza, unha homenaxe polo seu legado, polo que nos regalou, polas súas obras, polo seu entusiasmo e polo seu exemplo.

E a mellor homenaxe é continuar a súa laboura, a nosa obriga moral é manter e potenciar o que el creou e o que el impulsou.

Que soen as gaitas e tambores, que bailen as madamas e galáns para que o noso amigo geno alá onde estea, se sinta orgulloso da pegada que deixou na nosa comunidade e nos nosos corazóns.

Geno está con nós.

(Lembranza da Asociación Cultural Meiramar-Axóuxeres ao seu presidente na celebración o domingo do Entroido de Madamas e Galáns. Geno Piñeiro faleceu en agosto de 2017)

Compartir el artículo

stats