Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

Verne, Ramón, Miguel

Quen estas liñas escribe foi xentilmente convidado -conxuntamente con outros bos amigos e camaradas no oficio de tentar xuntar palabras e artellarmos, con elas, historias que engaiolen, sequera polo tempo que esas mesmas verbas deveñan durar-, o pasado domingo, día 18 do mes que habitamos, a participar na lectura pública do capítulo "A baía de Vigo" da celebérrima novela de Jules Verne "Vinte mil leguas baixo os mares" ("Vingt mille lieues sous les mers", para os amantes da VSO), nun acto -que contou coa presenza do alcalde da nosa cidade, Abel Caballero- que se foi celebrar diante do momumento dedicado ao grande autor francés nas Avenidas de Vigo. Manolo Bragado, Bieito Ledo, Francisco Castro, Eduardo Rolland, Antonio García Teijeiro, Inma López Silva, Ramón Nicolás, María Xosé Porteiro, María Xosé Queizán, Antón Pulido, Xosé Lois Ripalda..., velaí os nome dalgúns/dalgunhas compañeiros/as que nos demos cita para celebrarmos, daquela, o 150 aniversario da chegada do "Nautilius", comandado sempre polo extroardinadario capitán Nemo, ás nosas augas. Ir Indo, Galaxia, Lobito bueno e Xerais: beizón para os organizadores de tan agradable, como necesaria, oportunidade.

Non me caben dúbidas de que han de ser moitos de entre Vdes. -sempre moi amables lectores destas crónicas semanais- aqueles e aquelas que se declaren devotos vernianos desde os anos da infancia e/ou adolescencia. Se me conceden licenza, confesareilles do meu lado, que a miña paixón polas marabillosas aventuras protagonizadas por Ned Land, Phileas Fogg, Dick Sand... conta con dous grandes "culpables", chamados, respectivamente, Ramón Pena Vasco e Emilio Cartelle. De orixes moi humildes, a realidade é que o primieiro deles non medrou, precisamente, nun mundo no que abundasen os libros e mais as lecturas, senón nesoutras friaxes dun muíño de agua, ao amparo incerto da luz de carburo. Orfo de pai desde os cinco anos, a Guerra Civil e mais a xeira do maquis de por medio, Ramón tivo que compatibilizar desde moi novo unha formación esencialmente autodidacta co traballo arreo en condicións máis que precarias. Porén, militando sempre nos ideais do progreso e da solidariedade das xentes de ben, foi el quen me trasladou, antes que ningunha outra persoa, o devezo polas narracións que cativan e enfeitizan; pero asemade tamén lle debo a confianza, o creto firme no poder da mente humana e mais no rigor da ciencia, para alén de prexuízos, supersticións e meigallos. Abraham Lincoln, Simón Bolívar, Giuseppe Garibaldi, Vladímir Lenin..., pero así mesmo Galileo Galilei, Thomas Edison, Guglielmo Marconi, Emilio Salgari, Zane Grey e, desde logo, Jules Verne: tales veñen ser algúns dos nomes que asociaba arreo ao imperio das luces, ao fulgor dos horizontes da liberdade e que aínda perviven, e como non?, na miña mellor memoria. Como talvez xa adiviñaron Vdes., Ramón era meu pai.

Emilio Cartelle foi o meu mestre nas aulas da Escola Nacional Ormar, ben próxima ás ondas da praia de Riazor. Sempre lle deberei a D. Emilio o inmenso favor, a honra de me facer o responsable das chaves da nosa moi pequena biblioteca: porque foi neses, breves por máis que intensos andeis onde reiterei, insistín, renovei... en Verne e onde fun dar aínda con Mark Twain, Stevenson e Dumas... Ali mesmo mesmo fun saber tamén, e por vez primeira, dos versos de Rosalía.

Malia tratarse do segundo autor máis traducido en todo o mundo; moi a pesar de ser considerado, conxuntamente con H.G. Wells, o "pai da ciencia-ficción"; aínda que sexamos millares -millóns?- os que (case) aprendemos a ler coas súas obras, desesperen Vdes. de dar con Verne destacado -mesmo nin sequera chega a aparecer nalgún caso- en certas, aparentemente moi sesudas, historias da literatura universal. Felizmente, lonxe de clasismos estériles, máis aló de preconceptos supersticiosos, a obra do grande autor vido ao mundo en terras de Nantes é obxecto nos nosos días dunha poderosa reivindicación. Certo é que non faltan aínda aqueles que lle tenten opoñer unha -en calquera caso, apenas inicial- querencia conservadora; así e todo máis verdade resulta a súa impetuosa denuncia do imperialismo -lean/repasen A abraiante aventura da mision Barsaz- ou o fervor libertario que enche as páxinas de Os náufragos do Jonhatan. Lincoln, Washington, John Brown, o afouto heroe polaco Tadeusz Kozciusko e mais o "libertador de Irlanda", Daniel O'Connell: as augafortes da cámara do capitán Nemo veñen amosar os seus respectivos retratos.

De rapaz, as miñas novelas preferidas de Verne viñan ser "Un capitán de quince anos" e "A illa misteriosa" (por máis que, nos fotogramas cinematográficos, Kirk Douglas/Ned Land fose sempre o meu claro favorito). Para meu pai, aquela que máis lle prestaba viña ser, sen dúbida, "Miguel Strogoff". En fin, teño un fillo que se chama precisamente así: Miguel.

Foi realmente fermoso lermos os fragmentos do capítulo VII -"A baía de Vigo"- da segunda parte de "Vinte mil leguas baixo dos mares".Teño a certeza de que, alí por onde ande agora mesmo a navegar, desde a proa do "Nautilius", Ramón e Emilio contemplan o ronsel das estrelas.

Compartir el artículo

stats