Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da Vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Truco na Habana

A Jacobe ou Santiago Apóstolo cortáronlle a cabeza en Xerusalén, certo. Fonte ningunha apoia que Santiago predicase o cristianismo nin en Hispania nin na provincia Gallaecia. Tamén é fábula que a Santiago, estando en Zaragoza, lle viñese polo ar Santa María para o afalar desde o alto dun esteo. Nin Afonso X ousou contar a estoria nas súas Cántigas.

En Xerusalén hai unha rúa de Santiago (Saint-James Street, en internacional) e nela destaca unha igrexa armenia que se levantou no sitio onde o apóstolo Santiago perdeu a testa. Hai armenio que asegure que Santiago está alí mesmo enterrado, o cal resulta plausíbel.

No Grande Relato, o cadáver do Apóstolo Santiago foi traguido de Xerusalén a Padrón nunha barca de pedra. Logo veu o da raíña Lupa cos seus touros e o conto de como o corpo chegou a Compostela. Moito máis tarde un eremita viu luces alí. O bispo de Iria e o rei miraron nas silvas e acharon un corpo, que decidiron en por eles que fose o do apóstolo Santiago. Este, converteuse naquel cabaleiro que, espada en man, apareceu na batalla de Clavijo e derrotou miraculosamente os mouros, tal como campa enriba do Pazo de Raxoi (tamén) aínda hoxe.

Os historiadores insisten en que a batalla de Clavijo nunca tivo lugar. Pero hoxe, oficialmente, Santiago é patrón de España e da arma española de cabalaría, blindada e motorizada. A Virxe do Pilar é patroa de España e dalgún instituto armado que este cronista non sabe ben. Sobre todo, a Virxe do Pilar é patroa "de la raza" e "de la Hispanidad".

Por se fose pouco, monseñor L. Duchesne, insigne historiador da igrexa católica, no ano 1900 alentou a posibilidade de que o morto que é venerado en Compostela non sexa Santiago senón Prisciliano, un brillante herexe galaico que morreu tamén decapitado.

En canto a Américo Castro, el tiña a teima de que Santiago e o seu irmán Xohán son cobertura dos deuses paganos Cástor e Pólux; os Dióscuros. No pasado entroido, en Compostela, parece ser que o pregoeiro, Carlos Santiago (tamén), meteu no seu discurso algo deste mar de trapisondas mintireiras e o sucesor de Xelmírez (Diego tamén), e mailos sucesores dos mercaderes do tempo de Xerusalén puxeron cinsa sobre a cabeza, racharon ás vestes e clamaron ao blasfemo. Piden os príncipes dos sacerdotes que o brazo secular tome acordos para castigar o pregoeiro. Tal e como fixeran con Curros por este atentar contra a "libertade de cultos"; o cal manda truco na Habana.

Compartir el artículo

stats