A Asociación Salvemos Vilaboa lamenta a falla de tacto da Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, así cómo o burdo intento de manipulación da opinión pública coa nota de prensa emitida o venres 9 de febrero, en resposta as peticións da plataforma de paralizar os derrubamentos ata que o PXOM esté aprobado.

Afirmar que están obrigados a continuar coa execución dos derrubamentos, cando é o goberno da Xunta de Galicia o que ten na súa man axilizar a aprobación do PXOM para evitar situacións inxustas é pura hipocresía política.

O goberno galego quere descargarse da súa responsabilidade sobre o PXOM de Vilaboa, cando saben perfectamente que están retrasando por motivos puramente de conveniencia política a súa aprobación, que si arranxaría problemas en determinados lugares do concello.

Si a Xunta non pode paralizar os derrubos en Vilaboa namentras se tramita o Plan porque "non é legal", foi enton ilegal a negociación que se levou a cabo entre os veciños afectados, o concello de Marín, Costas do goberno central e a Xunta de Galicia para arranxar os problemas dos nucleos costeiros de Marín?. Negociación que rematou coa aprobación do PXOM e o recoñecemento e non derrubamento de moitas vivendas que tamén alí estaban ameazadas pola piqueta.

A Consellería de Medio Ambiente trata nesa nota de prensa de minimizar o problema de Vilaboa, aludindo a apenas 30 casos, esquecendo que no litoral deste concello hai máis de 300 vivendas e un número importante en chan rústico con casos dramáticos con xuízos e petición de cadea para familias por facer a súa casa, e que o feito de que non todas teñan na actualidade expediente sancionador, non quere decir nada, posto que a pesares dos anos que levan construidas a APLU segue a iniciar procedementos sancionadores e de derrubo.

Ademais, considera acaso o goberno galego que é xusto para un concello cómo o de Vilaboa, dónde afortunadamente non se produxo o boom urbanístico e se preserva a paisaxe rural típica galega, que por unha política absolutamente discrecional no levantamento de procedementos sancionadores derruben vivendas ao lado doutras que nas mesmas circunstancias por non teren expediente salvaránse da piqueta?

O goberno galego debería lembrar que cando se aprobou a Lei de Costas no ano 1988 os pequenos concellos cómo o de Vilaboa que non comunicaron ao goberno do estado as súas zonas habilitadas para a construcción, continuaron aplicando e outorgando licencias en base a normas urbanísticas aprobadas con anterioridade a esta lexislación.

Os veciños de Vilaboa non temos na zona costeira vivendas de luxo, senon primeiras vivendas de uso familiar, en moitos casos construídas baixo amparo de licencias urbanísticas municipais.

Por último, lembrar que si o goberno da Xunta quere, hai base legal, ademáis da negociación política que debería iniciarse de inmediato co concello e Costas do estado, para evitar os derrubamentos, posto que xa existe doutrina reiterada acerca dos prazos de execución de sentenzas, que na meirande parte dos casos das vivendas de Vilaboa están amplamente superados.

Por unha banda sobre a execución de sentenzas dictadas por órganos da xurisdicción contencioso-administrativa, que está suxeita a prazo de caducidade de 5 anos; e pola outra, a derradeira modificación da Lei de Costas do ano 2013, establece que a obriga de restituír as cousas ao seu estado natural (derrubamento) prescribe aos 15 anos.

Así, que en lugar de agocharse detrás de excusas, o goberno da Xunta debería tentar buscar unha solución negociada co goberno central e o concello de Vilaboa ao igual que se fixo noutros concellos. Os veciños non pararemos ata conseguir que nos respeten.