Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Os Camiños da vida

Xosé Luis Méndez Ferrín

Països Cataláns

Non estou certo, pero parece que o último espectáculo de Els Joglars se titula Tabarnia e Guignoliza a independencia dun territorio rico de Cataluña. En realidade, se a astracanada chegase a realizarse, esa Tabarnia sería o segundo dos Països Cataláns independente. Andorra, monoligüe, leva sendo catalana independente desde antes de que Castela, ou Castilla, existise.

Anda a prensa reximental tratando de avivecer a ascua, un algo mortiza, do asunto catalán. E estes días escandalízase o españolismo porque en Mallorca o concello (ou se calla outra autoridade das Illas Baleares) lle reclama aos contratistas e contratados o uso do catalán como lingua xurídica. Vexo xente furiosa, incluso españolistas de eiquí de Vigo, por este feito.

Teño entendido que en Monçao, vila a carón de onde estou a escribir, todo instrumento notarial se redacta en portugués, naturalmente tamén os que implican a Cámara Municipal. Ocorre que a lingua propia das Illas Baleares é o catalán, do mesmo modo que a lingua propia de Valencia o é. Cataluña, desde a Marca Hispánica carolonxia, e desde o Condado de Barcelona, exerceu a hexemonía cultural política, e económica na Coroa de Aragón. Xaime I conquistou as Illas Baleares, expulsou ou asoballou os mouros que alí había e impuxo unha colonización de cataláns. Os cataláns do Empordá colonizaron as Illas, por iso alí se fala o chamado catalán Oriental.

O mesmo Xaime ou Jaume chegou a dominar o territorio de Valencia. Este rei da Coroa de Aragón impuxo naquelas ciudades e naquelas hortas ben regadas de Valencia a lingua catalana na súa forma occidental. Non o aragonés que ficou moribundo. Por iso, o falado hoxe en Valencia é catalán occidental.

O feito de as Baleares esixiren que a súa lingua catalana propia sexa de uso normal en documentos notariais nos que interveña o público non debe extrañar a ninguén. En todo caso vese que, no "macizo de la Raza" (Antonio Machado) carpetovetónica cunde un malestar xeneralizado porque, de vez en cando, sae á luz o tema dos Países Cataláns que os actuais historiadores feitos á machada consideran un invento soberanista.

Pero non: o Rosellón, que pertence a Francia, a Franxa de Aragón, as actuais catro provincias españolas de Cataluña, as Baleares, Valencia, o Carxe de Murcia, Alghero ou L'Alguer da Cerdeña, constitúen os Països Cataláns porque a súa lingua propia segue a ser o catalán. Agora os da Tabarnia queren incrementar o número dos Països Cataláns en clave bufa pero non os asiste o xenio bárbaro de Valle-Inclán. Probe do clown que fai o ridículo.

Compartir el artículo

stats