Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ao pe do farelo

Mulleres, homes e viceversa

Pois si, amigos, hai que ver como está o patio do tío Eustaquio. Dende logo, todo menos divertido. Neste país noso hai, como dicía o famoso Guerra, non precisamente o que fora vicepresidente do goberno socialista nos tempos do felipismo: Hay gente pa to!

Vai e resulta que non temos bastantes problemas e lixo por todos lados e asuntos máis que importantes e urxentes nos que traballar xuntos e montamos unha estúpida e vana liorta polo da igualdade, na que estes colegas de Podemos Unidos, ou Unidos Podemos, ou como sexa que sexa, sonche espertos, mestres no esperpento e na bobería, porque de bobos é gastar tan sequera unha micra de enerxía na defensa das nenadas nas que se desgastan e afunden coma unha pedra no río.

E digo eu que algunhas persoas non teñen máis, e como dicía o meu pai: De onde non hai non podes sacar nada. Ou tal vez se trata dunha táctica premeditada e disuasoria, así, mentres todos miramos cara alá, deixamos de ver a merda que salpica por acá. Pois será, non o sei, eu sonche tan so un pasmón, un invisible máis das rúas, os que so contamos á hora de votar e pagar impostos, cos que mantemos e alimentamos toda esta comuna de parásitos inútiles, e moi ben mantidos, supostamente cargos electos e representantes do pobo no parladoiro, ao que acoden coma palmeiros para xalear aos seus líderes e cobrar a fin de mes, quentando co seu orondo cu o sillón, pero sen aportar nada, porque o máis seguro é que non teñen nada que aportar e de cando en vez a montan indo de libertarios progres.

Cando as cifras de mulleres asasinadas ano a ano continúa medrando, cando a lista de denuncias por violencia de xénero non fai se non medrar, cando a agresividade e violencia da sociedade resulta cotiá e non chama a nosa atención nos xornais, coma as diferencias e brechas sociais, o absoluto desprezo da lei, da xustiza social, da igualdade de oportunidades, sinxelamente de que somos iguais pero diferentes, homes e mulleres, e menos mal, porque se non fora así pobre de nós, embarcámonos nunha estúpida liorta por se a linguaxe é ou non sexista ou machista, e se hai que dicir "portavoz/a", paréceme a min, con perdón, que é como querer pescar troitas na bañeira da túa casa, da vergoña propia a allea. Pero eles tan campantes, ao seu, e saír nos papeis coa frase máis enxeñosa, e a entrevista máis axeitada na que dicir as boberías máis intensas, resulta ocorrente. Que tristeza de país, que sen razón, na que a brecha entre ricos e pobres, entre homes e mulleres é cada vez maior, que terriblemente inútiles políticos, cando tanta xente malvive nas rúas, pasa fame e frío, morren esquecidos en soidade, son asasinados por homes celosos, violentos, dominadores, que pensan e defenden actitudes como: Mateina porque era miña. Ao final, resulta que a culpa de todo tena a linguaxe, que é sexista, non os membros e "membras" do parladoiro. País!

Compartir el artículo

stats