Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ilustres

Correspondencia entre Vázquez Núñez e Murguía sobre a Real Academia

A correspondencia entre Vázquez Núñez e Murguía é moi interesante. O 10 de agosto de 1905 escríbelle Murguía citándoo para o 4 de setembro na Coruña con obxecto de proceder á creación e constitución da Academia que había de formar o dicionario e a gramática da lingua galega. Arturo Vázquez e os demais invitados á reunión - José Pérez Ballesteros, Andrés Martínez Salazar, Indalecio Vázquez Lenzano, Jesús Rodríguez López, Benito Fernández Alonso, Casto Sampedro, Anxo Amor Ruibal, Juan Barcia Cabaleiro e Víctor Said Armesto- tiñan tamén que sinalar a localidade en que había que establecer a Academia, número de académicos numerarios, académicos correspondentes, orzamento de instalación, etc. Murguia fora designado para todos estes traballos iniciais pola "Asociación iniciadora y protectora de la Academia Gallega" constituída na Habana e sostida por Curros e Fontenla Leal. Rogaba Murguía a Arturo que asistise ou que delegase en alguén. A esta primeira carta non contestou, e o 20 de agosto insistiu Murguía en termos parecidos á anterior. Arturo Vázquez escribiulle o día 24 e, con data de 28 de agosto, Murguía respondeu lamentándose de que o escritor ourensán non puidese concorrer á reunión convocada e agradecendo que lle dera a súa representación.

Na reunión do 4 de setembro de 1905 quedou constituída a Academia, sendo nomeada Presidente Honorario Emilia Pardo Bazán. Acordouse por maioría de votos que fose A Coruña o domicilio social e elixiuse presidente a Manuel Murguía e Académico Honorario a Ramón Pérez Costales. Fixouse en 40 o número dos académicos numerarios, sendo un dos designados Arturo Vázquez, que xa viña proposto desde A Habana; aprobáronse os Estatutos, nos que se preceptuaba que anualmente reunirse a Academia nunha cidade galega fora de A Coruña. Pedíalle Murguía tamén a Vázquez Núñez unha lista de persoas para nomealas membros correspondentes. Os primeiros académicos, e entre eles o noso escritor, foron presentados o 30 de setembro de 1906.

A principios de século traballou tamén como Administrador da empresa eléctrica de Ourense "Hijos de Marchesi Dalmau", renunciando en febreiro de 1904.

Logo de vir de Madrid, Arturo Vázquez non volvería residir nunca máis fóra de Ourense, nin sequera cando se lle ofreceu o importante e lucrativo cargo de representante da Tabacalera en San Sebastián. Polo visto atopábase moi a gusto co seu Museo, o seu Boletín e o seu faladoiro da Comisión de Monumentos.

Arturo Vázquez Núñez morreu solteiro, con só 55 anos (o ano anterior falecera o seu amigo V. Lamas tamén con só 56 anos) o 2 de marzo de 1907 na casa da rúa de San Fernando 14 onde vivía coa súa irmá Julia e onde tiña o seu cuarto de estudo. A morte impediu que fose galardoado coa encomenda de número da orde civil de Alfonso XII tal e como propoñía a Real Academia da Historia no informe redactado polo Marqués de Laurencín, e datado o 25 de xaneiro de 1907, a petición da Subsecretaría do Ministerio de Instrución Pública e Belas Artes.

A noticia da súa morte produciu xeral consternación e causou un profundo pesar en toda a cidade porque se lle quería, respectaba e admiraba. O Concello, a cuxa corporación pertencera, cubriu os seus balcóns con enloitadas colgaduras e acordou asistir en pleno e entre mazas aos funerais do enterro. Tamén lucían crespóns negros o Liceo Recreo Ourensán e o Centro Provincial de Instrución, de cuxo claustro formara parte e no que estaba instalado o Museo Arqueolóxico Provincial. O Círculo Liberal Democrático pechou as súas portas en sinal de duelo. Recibíronse moitos telegramas de pésame de sociedades e escritores galegos, sendo o da Academia Galega asinado por Murguía e Carré un dos primeiros.

Os funerais celebráronse o domingo tres de marzo ás 10,30 na igrexa parroquial de Santa Eufemia do Centro. O Concello, que formaba o loito oficial, ía presidido polo Gobernador Civil, e chegou precedido por alguaciles e maceiros e, acompañado por varios números da garda municipal e a banda de música sen instrumentos. O loito designado pola familia integrábano o coengo Álvarez Novoa, o deputado a Cortes Vicente Pérez, o catedrático do Instituto Gaite y Lloves e o médico Rodríguez Igrexas.

No medio dun gran xentío constituído por heteroxéneos individuos que enchían as rúas de Santa Eufemia, Juan de Austria e a praza do Recreo, ao terminar o oficio púxose en marcha a comitiva fúnebre de forma e xeito en que entón era costume: primeiro ían os guións e estandartes, despois marchaban en dúas filas os anciáns asilados con velas acesas, seguía o clero parroquial con cruz alzada e inmediatamente o féretro, cuxas cintas eran levadas polo primeiro tenente de alcalde Celso Ferro, o membro da Comisión de Monumentos Eduardo Moreno López, o catedrático do Instituto Pompeyo Beltrán e o avogado e deputado provincial Juan Taboada. Despois ían as persoas que compoñían o loito familiar e oficial, os representantes das entidades e centros oficiais , e o resto da xente.

No nicho núm. 28 do cemiterio vello de San Francisco , cando era a unha e media da tarde e as mimosas vestiran unha vez máis a nacente primavera, quedou sepulto para sempre Arturo Vázquez Núñez.

A Comisión de Monumentos celebrou unha sesión extraordinaria o 8 de abril de 1907 para dar conta oficial do falecemento do "docto y laborioso vocal", lamentarse da "pérdida lamentabilísima para esta Comisión en la que ha dejado un vacío difícil de llenar" o retrato do Sr. Vázquez Núñez na Sala de Xuntas para render un último tributo de agarimo ao inesquecible amigo e compañeiro.

Xornalista

Non viviu Arturo Vázquez da pluma, a diferenza de Lamas Carvajal, Curros Enríquez, García Ferreiro e outros escritores ourensáns daquela época, pero sentiu vocación polo xornalismo e a el dedicou unha parte das súas actividades e do seu tempo.

Fernández Alonso di que "Vázquez Núñez, como xornalista foi coñecido á temprana idade de 22 anos na redacción do Diablo Mundo, en cuxa revista colaboraban con el Pedro Antonio de Alarcón, Leonardo Mármore, Luís Taboada, Curros Enríquez, Luís Alfonso e outros; desde entón colaborou en varias revistas e xornais, entre os cales recordamos El Mundo Cómico (Madrid), El Heraldo Galego (Ourense), La Armonía (Santander), El Imparcial (Madrid), La Ilustración Gallega y Asturiana (Madrid), El Álbum Literario (Ourense), Galicia Moderna (Pontevedra), Faro de Vigo (Vigo), La Voz de Galicia (A Coruña), O tío Marcos d'a Portela (Ourense) y El Miño (Ourense).

Hai que aclarar que Arturo Vázquez non ingresou na redacción do Diablo Mundo, senón que foi o fundador de devandita revista. El Heraldo Galego de 24 de setembro de 1874 daba a noticia de que "muy en breve empezará a publicarse en Madrid una revista literaria, El Diablo Mundo, dirigida por Arturo Vázquez Núñez" , e que a revista non quedou en proxecto confírmanolo o propio Heraldo poucos días despois, o 1 de outubro, ao dar conta de recibir o primeiro número "que no ha defraudado las esperanzas" . Ningunha outra alusión vimos do Diablo Mundo, o que parece indicar que non debeu ter longa vida.

Da serie de colaboracións que Fernández Alonso asigna ao escritor ourensán creemos que as que merecen tal nome son unicamente as que tivo coas publicacións da cidade das Burgas; as outras foron certamente circunstanciais. Esquécese en cambio, e é importante, de que Arturo Vázquez figurou entre os redactores de El Eco de Orense. Nun artigo, que por erro de caixa saíu sen firma, dicía Neira Cancela, ao dar conta do nomeamento de Arturo Vázquez como cronista de Ourense, que "figura a nuestro lado hace bastantes años; nadie podría llevarle a los tribunales, ni querellarse de él por sus artículos en El Eco de Orense y, sin embargo, fácil y no aventurado hubiese sido achacarle la paternidad de los más bien escritos y de los más punzantes".

Tamén é crenza común que Arturo Vázquez colaborou con Lamas Carvajal na redacción do popularísimo O Tío Marcos d'a Portela e O Catecismo d'o Labrego, aínda que este aserto ninguén puido cuantificalo e valoralo e, en realidade, non sabemos onde empezaba un e onde terminaba o outro. Habería que facer un estudo de lingüística comparada e darlle a cada un o seu. Igual que na súa etapa do Eco, poderían moi ben repartirse os méritos e o traballo; ata sospeito que algunhas cousas están feitas a medias.

Ademais de en El Eco, onde figurou Arturo Vázquez á beira do autor de Espiñas, follas e frores foi no Heraldo Galego, polo menos ata o 5 de xuño de 1878, data na que, xuntamente con Curros Enríquez, do que di Otero Pedrayo que era un dos seus mellores amigos, deixou de pertencer á redacción daquela revista. Pero non pola súa saída do Heraldo arrefriáronse entón as súas relacións amigables con Lamas. A proba é que aquel mesmo ano escribiu ao poeta cego a "Carta Epílogo" que vai ao final de Venus y Momo, pero nela non lle chama xa compañeiro de redacción, senón "amigo y compañero de la infancia".

O 15 de decembro de 1878 insería El Heraldo Galego na súa Sección "Revista local" este solto: "Se ha pedido autorización para publicar un nuevo periódico en esta capital bajo el título de Galicia Humorística. Esta revista, que será dirigida por el festivo escritor Arturo Vázquez, empezará a ver la luz pública a principios del próximo enero, y viene a la arena periodística, a guisa de nuevo hidalgo manchego, a desfacer agravios y enderezar entuertos en este nuestro país gallego. Quiera Dios que el nuevo paladín lleve adelante su empresa sin verse nunca en manos de desalmados yangüeses como los que tan malparado dejaron a Don Quijote" . A anunciada revista non chegou nunca a publicarse, polo menos ningunha noticia quedou dela.

Si Arturo Vázquez non tivo inimigos declarados na política tampouco as disputas literarias puxéronlle en fronte ou no campo oposto de ninguén. Con todo en ambas parcelas hai que facer matizacións. Unha delas é a defensa que, xunto a Lamas, fixo de Jesús Muruais ante os ataques, como case sempre infundados, de Manuel Murguía. A outra afecta ao propio Valentín Lamas.

Na biografía que escribiu do cego vate ourensán, di Fernández Galego "una de las personas a quienes demostró Carvajal más entrañable afecto fue Arturo Vázquez Núñez, amigo suyo de la infancia y compañero del Instituto". Efectivamente así foi, e mostra diso foron non só as colaboracións nos xornais que Lamas dirixiu senón a "Carta-epílogo" deste ao libro de Venus e Momo, a poesía "En la aldea" de Cantos de un loco dedicada "a mi amigo de la infancia, el ingenioso escritor Arturo Vázquez" ou a versión que Arturo fixo ao castelán de "O demo e-a nai", composición que formaba parte das Saudades Galegas de Lamas e que saíu en El Heraldo Gallego en xullo e agosto do 1880. Malia isto, nos últimos anos da súa vida, precisamente aqueles nos que Arturo reclúese no seu despacho da rúa San Fernando e no Museo absorbido polo estudo e a investigación, rompe as relacións con Carvajal e non volveu poñer os pés na redacción.

Compartir el artículo

stats