Nestes últimos meses, e con máis insistencia nestas últimas semanas, observamos que persoas que din defender a sanidade pública emiten xuízos catastrofistas sobre a situación da sanidade en Galicia. A raíz da modificación da Lei de Saúde que se está tramitando no Parlamento de Galicia, trasladan aos cidadáns a súa preocupación pola progresiva privatización da sanidade, o desmantelamento dos hospitais comarcais, o abandono en que está sumida a atención primaria ou a escasa participación cidadá na sanidade. Non se achegan datos concretos ou os que ofrecen son incompletos e parciais co ánimo de que a sociedade chegue a conclusións que, baixo o meu punto de vista, están moi lonxe da realidade.

En canto á privatización, esta non se sostén se temos en conta que no ano 2008, o orzamento dasanidade galega supoñía o 35,7% do orzamento da Xunta, mentres que neste 2018, supón un 40,7%, o cal se traduce en 252 millóns de euros de incremento. Por outra parte, aos centros privados concertados se dedicaban en 2008 uns 216 millones de euros e neste 2018 se dedican 205 millóns. E para advertir aínda máis sobre a falacia da privatización, podemos engadir o dato de que no hospital do Salnés, no pasado ano 2017, se realizaron máis de 80.000 asistencias e tan só 189 pacientes foron derivados a centros concertados.

Respecto ao desmantelamento dos hospitais comarcais, se nos centramos no Salnés, os cidadáns aprecian que dispoñen de infraestruturas novas (urxencias, bloque obstétrico e cirúrxico, recuperación poscirúrxica e hospital de día), de forma que resulta difícil convencelos do contrario do que aprecian cos seus propios ollos. A lei contempla un desenvolvemento do Hospital do Salnés que desterra a competencia co centro hospitalario de referencia para apostar pola colaboración co C.H. Universitario de Pontevedra, garantindo unha atención no Salnés sen interrupcións, segura e de calidade para o paciente, e que favoreza o desenvolvemento profesional.

No ámbito da atención primaria quero sinalar, en primeiro lugar, que no Sergas o número de médicos de familia é agora un 7% superior ao que tiñamos en 2008, pois pasamos de 2.434 médicos de familia naquel ano a 2.601 na actualidade. Neste período, en Galicia se realizaron convocatorias de oferta pública de emprego de 6.133 prazas de profesionais na rede pública do Sergas. Así mesmo, nos comprometemos na nosa Xerencia a cubrir todas as vacantes e a que a relación cos profesionais da lista de contratación sexa máis estable.

A participación da cidadanía é outro aspecto no que a información que se traslada é especialmente sesgada. A modificación da Lei incrementa os órganos de participación dos 12 actuais (un consello galego de saúde e 11 de área) a 23 (un galego, 7 de área, 14 de distrito e un consello asesor de pacientes).

Para rematar, os cidadáns son conscientes dos importantes cambios na prestación dos servizos que se deron no noso sistema público de saúde, bo exemplo deles son: a posta en marcha das vías rápidas que permiten que pacientes con sospeitas de cancro teñan un acceso inmediato ao sistema e, dende o pasado mes de xaneiro, a ampliación da garantía de acceso ao sistema para outros 108 procesos cirúrxicos e 26 consultas e probas da rede pública se compromete a resolver nuns tempos máximos.

A miña mensaxe final é que temos un moi bo sistema sanitario público en Galicia con profesionais moi cualificados, infraestruturas axeitadas e tecnoloxía de primeiro nivel que é obriga de todos coidar, manter e defender.

*Xerente de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés