Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Ramón Pena

DE BOLINA

Xosé Ramón Pena

De bicos e de bandeiras

Sen dúbida -que para algo deveu "viral" a cousa; a verdade é que un servidor non sabe onde imos acabar con tanto zoster, yersinia pestis, parainfluenza... cibernéticos como é que van, a este paso non vai haber seguridade e/ou cortalumes que protexan os nosos software, hardware... saudiña mental-; sen dúbida, digo/escribo, que recibiron Vdes. nos pasados días (esencialmente, vía WhatsApp amiga/inimiga/NS/NC) ese video da machada patriótica/horterada ou ganas de "dar a nota" -que cada forense entomólogo o clasifique onde máis lle pareza oportuno- perpetrada por un afouto perruqueiro e azafato nas instalacións dun centro comercial da capital de Dinamarca. "Buenos días, Puigdemont. ¿Te gusta? Cógela y dale un besito". Coido ben que xa coñecen os, sempre moi amables lectores destas crónicas semanais, cal veu ser a reacción do expresident/president telemático/president moules avec frites..., D. Carles Puigdemont y Casamajó: en fin, todo o que lle din, unha auténtica escena pulp.

"Como el vino de Jerez/y el vinillo de Rioja/ son los colores que tiene/la banderita española". Desde logo, penso que resulta imposible esquecer, cando soan os acordes do moi "saleroso" pasodobre, a Marujita Díaz desfilando en plenitude coas súas aguerridas compañeiras de función. Unha humorada lírico-cómica, esa de "Las corsarias", que data, nin máis nin menos, de 1919, aínda que non falten malvados, impíos e revoltés a sinaleren que nesa altura cronolóxica a Sra. Díaz xa andaba próxima aos corenta e catro/corenta e cinco outonos. "Banderita, tú eres roja/banderita, tú eras gualda./Llevas sangre, llevas oro/en el fondo de tu alma...". Con certeza que a nosa relación cos estandartes e demais parafernalia adxunta resulta un tanto conflitiva: xeira dispostos a morrer por eles en combate, xeira abouxando ou mesmo poñéndolles lume. Mais, en todo caso, unha actitude confusa, pero que tampouco resulta absolutamente orixinal ou desacorde con esoutras, así mesmo extravagantes ou desiguais, que practican os herexes calvinitas e luteranos, guiris de mal vivir e peor xantar. E vexan Vdes. de contado se tal non é.

Coxíns, sabas, cobertores, cortinas, alfombras...; camisetas e xerseis...; cuncas, vasos..., obxectos e roupas de toda clase e textura adoitan aparecer adornados coas formas e cores, respectivamente, das bandeiras británica, norteamericana ou mesmo desoutra do reino de Suecia. Moi capaces de manteren izada día e noite a representación téxtil da patria ao pé das súas vivendas, os habitantes de tales territorios non teñen, porén, o menor reparo en utilizaren o emblema representativo para enfeitar e ornamentar non importa qué cousa. Deste xeito, e poño por caso, pode Vde. entrar en contacto cun norteamericano/a, habitante do Reino Unido e paraísos fiscais afíns, sueco/a e, chegado o momento culminante, descubrir que el ou ela levan a súa roupa interior estampada cos xeitos da insignia das barras e estrelas, da "Union Jack" ou aínda coa cruz amarela sobre fondo azul. Ou o que vén ser o mesmo: xa resulten ser yankees, fillos da pérfida Albión e/ou curmáns, sobriños... parentela variada dos Abba, todos eles están moi lonxe de amosar a máis mínima consternación repecto a poñeren aquelas partes máis íntimas das súas anatomías en contacto directísimo coa sacrosanta representación da súa sacrosanta identidade. Xa que logo, ben se podería dicir -e saiban disimular Vdes. a ordinariez- que Mr&Mrs. Smith se pasan a bandeira da nación polos seus moi álxidos arcos triunfais cando lles peta ou, asemade e xa postos, que Dna. Agnetha e mais D. Björn foron deixar restos da actividade gastro-intestinal, irrefutables probas de metabolismo e fluídos ok por enriba do emblema nativo. "¿Me cago en...?", é iso? Pois talmente.

Sen chegarmos aínda a tanto -polo momento, abóndalles cos polos pijos e mais os pantalóns de deporte-, non faltan, con todo e por aquí, aqueles que, cazados in fraganti coas mans sobre a masa do erario público, non dubidan en se envolveren de inmediato na bandeira correspondente, en acelarada procura dun sólido e sagrado acubillo. Trátase, ademais, dunha fórmula moi aplaudida e exitosa; e é que, vale, unha cousa é que alguén poida esquilmar, depredar, despoxar..., mangar e roubar como un poseso e outra, moi diferente, poder acusalo dunha imperdoable falta de patriotismo. "Un auténtico ladrón e un evasor, di Vde? Pois, mire; non lle vou negar que tal non sexa, esa persoa. Agora ben: cando hai que defender a España..., aí está sempre: en primeira liña e cun par!". E é que este país de países, arquipiélagos, prazas de soberanía e Perejil adxuntos funciona como funciona.

"La puede usted besar en la mano/o puede darle un beso de hermano/y así la besará cuando quiera..." O Sr. Puigdemont debería coñecer ben -ou alguén do seu séquito llo podería recordar oportunamente- como continúa a letra da celebérrima copla. Por se acaso, e para aviso de navegantes, repetirémola aquí e agora: "La española (e "el español", non imos facer descriminacións) cuando besa/ es que besa de verdad/Y a ninguna le interesa besar por frivolidad..." Xa que logo, D. Carles, está ben claro, moita atención e al loro!: "...pero un beso de amor, ¡no se lo da a cualquiera!"

Compartir el artículo

stats