Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ilustres

Arturo Vázquez Núñez, un gran escritor e investigador casi desconocido

Do ilustre escritor e sabio arqueólogo escribiuse pouco. Seguramente a biografía máis utilizada é a de Benito Fernández Alonso, de apenas tres páxinas, pero a primeira en poder considerarse como tal é a que se publicou en El Miño, diario liberal fundado por Vicente Pérez en 1898, aos dous días do seu enterro e a tres do seu falecemento e que está asinada por Juan Neira Cancela. Ocupaba esta toda a primeira plana da metade da cuarta páxina e incluía un gran debuxo a pluma de "Taxes" a catro columnas e que é copia do retrato actualmente existente no Museo Provincial de Ourense. A descrición que Neira fai de Arturo Vázquez leva impresas as características inconfundibles do coñecido escritor, a súa afección á grandilocuencia, a utilización de palabras rimbombantes, a vena romántica, a vocación poética da prosa..., pero fai un rigoroso percorrido da súa andadura vital e acertados xuízos do seu carácter e a súa obra que coñecía perfectamente.

Ao ano seguinte, ao conmemorar o seu aniversario, El Eco de Orense, xornal tan vinculado a el a través da súa amizade con Lamas Carvajal, publica un artigo de B. Fernández Alonso, que coincide textualmente co capítulo que lle dedica no seu libro , e outro de Manuel Martínez Sueiro que continuaría no número seguinte.

A biografía de Fernández Alonso é a máis coñecida, bastante minuciosa e feita co agarimo que sería imposible disimular logo de máis de 30 anos de amizade e de colaboración continua os dez últimos nos traballos do Museo e no faladoiro que presidía Pereiro Rey e, sobre todo, Marcelo Macías. A el acudiron quen posteriormente han ter que falar do noso escritor.

A de Martínez Sueiro, ilustre historiador e membro así mesmo da Comisión de Monumentos, é moi interesante pola información e datos que aporta e pola crítica razoada que fai da súa obra, sobre todo a histórica.

A revista quincenal ilustrada Galicia, que dirixía en Madrid Manuel Vidal, dedícalle o número 17, correspondente ao 1 de outubro de 1908, coa reprodución do seu retrato na portada e un artigo de Melitón Arias co que se inicia unha serie de biografías dos "ilustres paisanos nuestros que ilustraron la historia de Galicia". Quizá o máis interesante do mesmo é a chamada que ao final fai á cidade de Ourense para que lle renda unha homenaxe de admiración e gratitude, para que lle dedique unha lápida ou o nome dunha rúa, ou, polo menos, unha velada necrolóxica, porque "está en deuda consigo misma... y con ello realizaría un hermoso acto de cultura y de justicia".

Tamén se ocuparon del, pero brevemente e sen aportar nada novo, Couceiro Freijomil, Risco, Varela Jácome e outros. Máis interesante, pola ampla información que La Región de Orense e El Faro de Vigo -entre outros xornais galegos- recolleron do acto, foi a conferencia que o ourensán José Ramón Fernández Oxea deu no Centro Galego de Madrid o 15 de novembro de 1952 conmemorando o centenario do nacemento de Arturo Vázquez. Este mesmo organismo convocou un Certame Literario para celebrar os centenarios de Galo Salinas, Barcia Cabaleiro, Jesús Muruais e Arturo Vázquez, alcanzando o premio deste a cantidade de 5.600 pesetas, concedidas pola Diputación(3.000), Concello(1.500), Destilerías do Noroeste (1.000) e Bodegas Losada(100).

Algunha vez, ata foi obxecto de coplas burlescas e desenfadas de colegas que mostraban algún dos seus perfís da súa personalidade ou da súa obra. Podemos poñer como exemplo a que lle dedicou Ángel Vidal y Pérez ( El Barón de Montealegre) na súa "instantánea" XXIV das referidas aos escritores ourensáns: "Arturo Vázquez Núñez/ Escritor de travesura/ E elegancia sen igual./ ¡Que lata fenomenal/ Deunos coa Arquitectura/ na Época Medioeval!"

Arturo Vázquez Núñez naceu en Ourense o 15 novembro 1852 na casa paterna situada na rúa de San Fernando , 14, e foi bautizado ao día seguinte na próxima igrexa parroquial de Santa Eufemia do Centro. A súa partida de bautismo di así: "En el 16 Noviembre de mil ochocientos y cincuenta y dos el presbítero D. Narciso Vila, cura ecónomo de esta parroquia, bauticé solemnemente un niño que nació a las once y media del día de ayer, al que puse por nombre Arturo Manuel José María, hijo legítimo de D. Camilo Vázquez Feijoo y doña María Estrella Núñez, de Santa María de Astariz, mis feligreses; nieto por línea paterna de D. Juan, de Santiago de Catasos, y Dª María del Socorro Feijoo, en la provincia de Pontevedra, y por la materna de don Manuel Núñez Teijeiro, de la ciudad de Lugo y Dª Josefa María, de Astariz. Fueron sus padrinos sus abuelos maternos, a quienes advertí el parentesco espiritual y sus obligaciones. Y para que conste, lo firma Narciso Vila".

O pai do noso biografiado foi, pois, Camilo Vázquez Feijoo, que se casou, o 13 de agosto de 1851, con María Estrela das Dores Núñez e Araujo na igrexa parroquial de Santa María a Real do Norte, de Ourense. Nacera ela o 14 abril 1833 en Santa María de Astariz, na provincia ourensá. Morreu o 17 setembro 1856, en Santiago, cando só tiña 23 anos. Deste matrimonio quedaron dous fillos: Arturo e Julia.

Antes de que transcorreran dous anos, o 25 febreiro 1858, contraeu segundas nupcias na parroquia de Santo Domingo con dona María de los Dolores Vázquez Moreiro. Era filla de don Vicente Manuel Vázquez e dona Vicenta Moreiro Fernández, e irmá do enxeñeiro agrónomo, deputado a Cortes na Primeira República e figura destacada da política do seu tempo, José Vázquez Moreiro, pai do que fose moitos anos funcionario de Facenda don Guillermo Vázquez Delage. Deste segundo matrimonio tivo outros dous fillos. O señor Vázquez Feijoo, que foi arrendatario das rendas do Estado durante algún tempo nos partidos de Bande, Celanova, Carballiño e Ribadavia, nomeou únicos e universais herdeiros aos seus fillos Arturo e Julia e titor dos mesmos ao seu irmán Casiano, veciño de Lalín.

Arturo Vázquez-Feijoo Núñez, que así se chama e firma nos documentos escolares, fixo os seus estudos no Instituto Provincial de Ourense. Os exames de ingreso realizounos o 25 de outubro de 1862, vivía na casa familiar da rúa de San Fernando, 14, e era o seu fiador Guillermo Moreiro, con residencia no número 1 da rúa das Tendas. Foi un estudante normal que recibiu ademais aquel ensino doméstico, tan tradicional e tan duradeiro, de mans de José Rodríguez Blanco-Noguerol e de Saco y Arce nas materias de latín e grego. Tamén tivo como profesor ao celebrado poeta García Mosquera. O 15 xuño 1868 fixo os exercicios para acceder ao grado de "Bachiller en Artes"; no primeiro, cuxo tribunal estaba composto por Lorenzo Pereira, José María Rodríguez e Juan A. Saco como secretario, obtivo a cualificación de Notablemente Aproveitado, e no segundo de Aprobado por unanimidade, asinando este acta Isidoro Sánchez Salgués, Juan Sieiro e Manuel Cortés e González. O título foi expedido polo Reitor da Universidade de Santiago o 23 xullo 1868.

Despois marcha a Santiago e matricúlase en Medicina pero, ¿que fixo realmente Arturo Vázquez na cidade compostelá? Esta é unha etapa bastante descoñecida, de anos axitados e ilusionadas aspiracións políticas e sociais, e o que sabemos é moi pouco. Segundo o seu expediente persoal, o 20 maio 1870 solicitou examinarse en xuño só de Anatomía 1 e Disección 1, pero non o fai, sen dúbida, porque o 31 de maio do ano seguinte volve pedir exame de ambas materias. As dúas solicitudes están datadas en Santiago, pero a segunda especifica que está empadroado en Lalín (en casa do seu tío). O 7 outubro 1870 matricúlase, para o curso 1870-71, das seguintes disciplinas: Anatomía 1 (co número 85) e 2 (número 106), Disección 1 (número 39) e 2 (número 104), Fisioloxía (número 117), Terapéutica (número 77), Patoloxía Xeral (número 59) e Patoloxía Cirúrxica (número 71), pero tampouco se examina delas, pois nunha nova solicitude datada en Madrid, onde reside, o 26 de setembro de 1873, cita todas estas materias e, alegando que necesita "acreditar que no ha sufrido examen de ninguna a excepción del 1.º curso de Anatomía", require o oportuno certificado que lle foi expedido en Santiago o 2 outubro de 1873.

Compartir el artículo

stats