Un dos obxectivos primordiais dos investigadores que centramos a nosa atención nos monumentos megalíticos, en especial os dólmenes, foi comprender as razóns que levaron aos seus construtores a localizalos precisamente onde están, nos lugares onde agora os atopamos. Ben sabemos que non existe un único motivo, se ben cremos que algúns factores tiveron máis peso que outros no momento de seleccionar o punto concreto do territorio para erixir un deste sartegos prehistóricos. E como non, falareilles das experiencias nun territorio ourensán no que tiven a sorte de poder desenvolver traballos de investigación en profundidade, que remataron nunha Tese de Doutoramento defendida no ano 1994.

Estoume a referir, como terán adiviñado, á Baixa Limia, territorio polo que sinto un especial afecto. Non en van foi o meu buque escola, o campo de traballo que me permitiu por en práctica os coñecementos adquiridos na miña etapa universitaria antes de dar o paso cara a profesionalización que hoxe estou a poñer en práctica na actividade cotiá, como Arqueólogo Municipal do Concello de Ourense. Por iso non é doado esquecer os dous concellos dende os que estiven traballando nas terras limiás: Lobios e Muíños. Aos dous, a miña máis fonda gratitude.

Entre as investigacións que levamos a cabo, salientamos agora as centradas nos monumentos megalíticos: pedras fitas, circos líticos e sartegos (menhires, crómlechs e dólmenes). Os últimos, que son os abrumadoramente máis numerosos, achéganse aos douscentos en toda a comarca. Esta mostra estatística de monumentos funerarios permitiunos estudalos en función de distintas variables. Deste modo relacionamos a súa distribución co tipo de rochas sobre o que se erixiron, sobre o tipo de solos (se eran aptos ou non para o cultivo, para a gandeira, etc.), sobre a proximidade a ríos e acuíferos, cos diversos elementos da paisaxe e cos vellos camiños.

Pois ben, se entre todos estes aspectos tiveramos que resumir os criterios de localización esenciais, centrariámolos en dous: a vocación ou capacidade económica das terras que ocupan e a sinalización de rutas ou lugares de tránsito, o que sería indicativo da súa ubicación xunto a rutas tamén prehistóricas.

Os megálitos distribúense con desigual densidade por toda a comarca da Baixa Limia. Pero existen dúas concentracións especialmente chamativas pola alta densidade monumentos que, como saben, a cultura popular denomina mámoas, motas, antas, arcas, etc. Esas concentracións están na Serra de Leboreiro e as súas estribacións, e no Val de Salas e a súa contorna. Cal é a causa? Sabemos que as xentes megalíticas eran neolíticas. Foron, polo tanto dos primeiros agricultores e gandeiros do territorio, dende os derradeiros séculos Vº milenio AC, hai máis de 6.000 anos. A forma de practicar a agricultura era de xeito extensivo, posto que non coñecían o arado. Por iso ocuparon as terras alta do Val de Salas, zonas boas para agricultura pero con terras produtivas moi lixeiras, sobre os que sería doada a práctica agrícola con sachos e bastóns de cavar, que si tiñan ao seu dispor. Esta característica os alongaba das tamén fértiles pero fondas e pesadas terras do val do Limia, que precisarían de arado para poñelas a producir.

Con respecto ás terras da Serra de Leboreiro, situadas aproximadamente entre os 1.000 e os case 1.400 de altitude, sabemos que non teñen boas condicións para o cultivo, posto que están sometidos a frecuentes encharcamentos. Se embargo esta mesma condición fainos ideais para a existencias de pastos naturais, vocación que podería explicar a súa facilidade para poñer en práctica a gandeira, outro gran recurso do Neolítico.

Ben, ata o momento só abordamos unha das causas para explicar esas concentracións, a económica, pero non a que ten que ver con posibles camiños prehistóricos. E esta é unha teima que ven de vello. Xa a finais do século XIX, Ramón Barros Sivelo falaba da relación existente entre as mámoas e as vías romanas, como tamén fixo unhas décadas despois Manuel Díaz Sanjurjo con respecto á Vía XVIII no seu paso pola provincia de Ourense. Outro clásico neste tipo de traballos é Federico Maciñeira. Nos seus estudos da primeira metade do século XX, propuxo a relación entre o emprazamento dos numerosos megálitos e o camiño real que comunicaba a depresión das Pontes de García Rodríguez co cabo Ortegal, como tamén despois fixera Florentino Cuevillas noutras zonas de Galicia. Este tipo de traballos será unha constante e acadará moita intensidade na investigación en Galicia a partir da década de 1980.

Cando a finais desta mesma década iniciamos os nosos traballos na Baixa Limia, a propia distribución dos monumentos sobre os distintos elementos que forman a paisaxe (fondos de val, cumios, divisorias de augas, ladeiras, etc.), así como a documentación que desmostra a existencia de camiños históricos, en especial os da medievalista Elisa Ferreira Priegue, levounos a propoñer a existencia de varias rutas balizadas por megálitos que tiveron moitas posibilidades de ser usadas cando menos, dende finais do Vº milenio AC, dende que se constrúen os primeiros dólmenes. Evidentemente o espazo desta colaboración xornalística obriga a sermos breves polo que, a modo de mostra, só lles detallaremos o coñecido como "Camiño das Feiras de Porqueirós e Couso de Salas", nas terras do Concello de Muíños.

Sen embargo, non queremos deixar de citarlles outros camiños que seguramente tamén se usaron nesta mesma comarca dende épocas remotas: o "Camiño da Divisoria Norte", entre Leboreiro e o Monte Grande de Bande, o "Camiño Leboreiro-As Conchas", o "Camiño Leboreiro-Galez", o "Camiño do borde oriental da penichán de Leboreiro", o posible "Camiño entre Couso de Salas e Ponte Liñares" e o "Camiño do río Salas".

Unha vez citados, centrémonos no "Camiño das Feiras de Porqueirós e Couso de Salas". É unha ruta que aínda permanece na memoria dos habitantes da Baixa Limia. Foi unha arteria básica para o bo funcionamento de dous importantes centros económicos do pasado, as feiras de Porqueirós e Couso de Salas, ambas no municipio de Muíños. Detectámolo dende o lugar de Ganceiros (Lobios), núcleo de poboación próximo da confluencia do río Salas co Limia. A partires desta zona de ladeira sube ata a divisoria de augas entre os mesmos ríos para dirixirse pola liña de cumios cara ao nacente. Moi pronto atravesa unha portela, a "Corga de Arcas", onde se emprazan as tres mámoas do mesmo nome. Despois, a vasta penichán de "Monte de Pazó", para continuar entre os seus catro monumentos, o "Outeiro das Cachofás", coa mámoa M1 do mesmo nome erixida na súa cota máis alta, en posición dominante, e a continuación as mámoas M2 e M3. Prosegue bordeando o Pico de Leis, cuxas ladeiras orientais acollen a mámoa de "Monte de Reparade", e descende polo Chan do Couto ata a de "O Nicho", localizada nunha encrucillada de camiños. A través da Costoira e da Canella dos Esteos prosegue entre as dúas mámoas de "A Lampaza", a de "A Anta" e a do "Cruce de Xermeade", onde o camiño segue pola vertente occidental do val do río de Porqueirós. Cruzado este pequeno curso fluvial, continuaría pola "Mámoa de Porqueirós" e, despois do núcleo do mesmo nome e un lugar cun microtopónimo denominado "A Mámoa", pola "Mámoa de Agrochao", situada na subida hacia o Monte do Facho.

Atravesa pola liña de cumes onde se localiza a paraxe co microtopónimo de "Pedra da Moa", quizá en referencia a outro monumento megalítico non localizado ou desaparecido. De feito, nestas mesmas terras da Baixa Limia temos máis exemplos da utilización do termo moa para os megálitos. A uns tres quilómetros cara ó leste, atópase o inacabado Santuario dos Milagros, punto de celebración doutra das feiras -a de Couso de Salas- e lugar onde se inicia outra necrópole tumular, a de "A Moura". O seu monumento M1 sitúase no punto culminante deste paso natural. Sabemos tamén que a M8, hoxe destruída, localizábase a uns 200 metros cara o norte da anterior. As seis mámoas restantes do mesmo grupo alíñanse en dirección surleste seguindo o curso do río de Ponte Maior cara ás mámoas de "As Lamas" e "A Chamuscada" e cara a Limia Alta, onde novos monumentos acompañan -balizan- esta ruta.

O "Camiño das Feiras", en uso ata non hai moito tempo, aparece flanqueado alomenos por vintenove megálitos entre a desembocadura do Salas, na Baixa Limia, e o inicio da Limia Alta. Antes do lugar de Ganceiros non contamos con datos sobre o camiño, se ben atravesa o lugar o trazado da calzada romana denominada Vía XVIII nun punto próximo o que abandona o curso do río Caldo para transcorrer paralela ao cauce do Limia. Simplemente indicar que, aínda que alongada destas paraxes, na terras de Riocaldo (Lobios) catalogamos a mámoa de "Anta do Couto". Situábase á beira da mesma Vía XVIII, sobre un lugar de paso, a Portela de María, por onde discorre unha senda alternativa entre os vales dos ríos Caldo e Lobios. O emprazamento desta última mámoa, un "miradoiro" sobre o val do Caldo, domina visualmente a Portela d'Home, acceso clave entre as cuncas do Cávado e do Limia, que dista do lugar máis de nove quilómetros en liña recta. Estas relacións cunha vía romana, así como con outros camiños medievais e tradicionais, está a indicar que as rutas das épocas romana e medieval, así como de séculos posteriores, foron trazadas sobre ou xunto a outras precedentes, xa utilizadas na Prehistoria.

Este exemplo da relación existente entre megálitos e rutas prehistóricas que acabamos de ver, é un bo modelo para entender tanto as relacións que existen entre diversos restos arqueolóxicos, mesmo de épocas diversas, como a humanización secular, milenaria, dunha paisaxe que estamos aínda a construír dende o noso presente, pero que sen dúbida condicionará o futuro. Moitos megálitos situáronse en zonas estratéxicas para o tránsito, seguramente utilizadas en momentos previos. A vías romanas circulan por puntos comúns ás anteriores. Tamén os camiños medievais e os tradicionais. Tede por seguro que as modificacións que agora fagamos na nosa contorna, condicionarán as decisións que deban tomar os nosos descendentes por moitos séculos.

(*) Arqueólogo municipal de Ourense