Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

na latitude do deza

O "legado Hilgen" debe volver a Lalín

O concello de Lalín pódese considerar como a segunda patria do xeólogo holandés Hilgen, quen se acercou a esta terra, a finais da década dos anos 50, cando, naquel entón, aínda era "xeoloxicamente virxe".

Os nosos veciños recibiron sorprendidos a "aquel señor que viaxaba en moto", recorría case todos os camiños, petaba cun martelo nas pedras e gardaba anacos das mesmas, metíase no río Deza para recoller pepiñas de ouro, acercábase ás numerosas minas que había por todas partes (Fontao, Vilatuxe...), preguntaba de onde viñeran determinadas pedras de valados, enterraba no solo longas varillas de aceiro, etc. Hilgen facía todo iso, pero, tamén, era agradable coas persoas e, por iso, foi moi ben acollido en todas partes.

Temos moitas referencias de todo isto, pero sobre todas elas sempre destaca a gran amizade do xeólogo e a súa dona coa familia Navaza de Lalín. Esta familia mantivo unha amizade proverbial con Hilgen, unha amizade que non só se estableceu durante o tempo que o xeólogo andivo por estas terras, senón que se mantivo polo resto da súa vida, por iso, estiveron sempre en contacto e chegaron a intercambiar mutuamente numerosas visitas. Aquí, ninguén sabía máis de Hilgen que o entrañable Perfecto Navaza, o seu gran amigo, que foi o depositario dos seus restos mortais. Hilgen faleceu no mes de xaneiro do ano 2004 e as súas cinzas foron botadas ao vento, por Perfecto Navaza, no alto de San Benito o sábado 16 de outubro dese ano, para cumprir os desexos do xeólogo.

O día que se botaron as cinzas de Hilgen na Serra do Candán, observei como a súa viúva, con cara melancólica, contemplaba asombrada a magnitude, grandeza e vitalidade daquel imponente lugar, o Alto de San Benito, formado por xistos en disposición inclinada, pero aquela expresión de admiración non era máis que o principio de todo o que aconteceu despois. No ano 2008 case se volvía a repetir a historia: a familia Navaza e moitas outras persoas subiron ao mesmo lugar e botaron alí as cinzas da estimada Greet (muller de Hilgen), pero Greet non viña sola, con ela viaxaba o valiosisimo "legado Hilgen", que por expreso desexo do xeólogo -plasmado en acta notarial, segundo Perfecto Navaza- debería depositarse en Lalín.

O pobo de Lalín recupera, despois dunha cesión coherente ao Museo da Minería de Fontao, o "legado de Hilgen" e non só nos debemos sentir satisfeitos por todo o sucedido, senón darlles as grazas a todos cantos colaboraron na realización de todos estes feitos, en especial á familia Navaza.

Moi probablemente o Pazo de Liñares pode ser o mellor lugar para acoller a obra de Hilgen, pois ademais este mira para a Serra do Candán, alí onde vaga o espíritu inmortal da memoria de Hilgen e a súa dona... E, quen sabe, se cadra vai a ollar os seus cadernos cando ninguén o vexa...

Compartir el artículo

stats