O galego, lingua viva, pode sorprendernos con inventos léxicos, nados anónimamente no ventre do pobo, que terminan por ser vastamente aceptados. Estas novidades, pasan ou non pasan ao "diccionario". Eu gozaría que todos os inventos léxicos pupulares fosen premiados no Portal das Palabras. Coma tal, CHIMPÍN. Esta verba saiu do nada e apousentouse en moitas partes de Galicia. Hai quen asegura que arraízou tamén no Minho portugués. O feito de que este pequeno tractor substituise ao carro de vacas do País en moitos servizos que este lle fornecía ao labrego, fíxoo importante na aldea.

E a aldea pagoulle cun nome cordial e xeralmente asumido: Chimpín. Mesmo o chimpín converteuse en emblema do festival de curtos de Cans.

Daríamos algo por mirar claramente definido no diccionario académico o substantivo REDONDA, cuxo uso xa inzou na medida na que se multiplicaron os reguladores circulares do tránsito rodoviario que idearon na Gran Bretaña co nome de round about. En España chamáronse oficialmente "rotondas", pero o noso pobo quixo decerlles REDONDAS. Tanto se extendeu REDONDA, que o Anxo Angueira e máis eu sorprendimos o seu uso no Bierzo non galego. Desgrazadamente, na actualidade o neoloxismo enxebre e endóxeno "redonda" non só compete coa "rotonda" inicial senón tamén cunha desgrazada "glorieta" que é a forma madrileña de lle chamar a algunhas prazas decimonónicas. É sonlles horas de saltar no Portal das Palabras en axuda e resgate de "redonda" contra a invasora "glorieta", que nos fai acordantes das Glorietas de Bilbao e de Quevedo.

Por fín, eu acordo o día no cal, no curso dos traballos de acordoamento de bestas previo ao curro do Galiñeiro, ouvín como uns mozos e mozas das montañas próximas a Vigo lles chamaban TORNAFOGOS a aquilo que en castelán dixo a vella forestal que se chamaba "cortafuegos" aínda que ás veces non parece que tales tonsuras corten demasiado os lumes. TORNAFOGOS é, con todo, una bela verba inventada pola xuventude ecuestre do Val Miñor e da Veiga viguesa de Zamáns que ben merecía ser inclusa nos diccionarios e considerada honrosamente no Portal das Palabras.

Afouteza, independecia e sapoconcho son as verbas que foron máis votadas polos galegos, por razóns diversas, como centrais na lingua e na contradicción histórica na cal nos achamos. "Chimpín" podía simbolizar a supervivencia da sociedade agraria, "redonda", a vixencia cultural galega nun dominio no que o inglés ten a supremacía, e "tornafogos", o final da política forestalista que nos leva ao caos en forma de incendio e desgraza.