A igrexa parroquial de Santiago de Taboada (Silleda) é un fermoso exemplar do románico situado ao carón da concorrida estrada N-525 de Santiago a Ourense, á que os veciños, para asistir ao culto, e os peregrinos, para selar as súas credenciais, ou mesmo os turistas que a visitan polo seu indubidable valor monumental, teñen que xogarse a vida atravesando un perigoso tramo curvo sen paso peonil nin limitación algunha de velocidade. Tamén afecta aos automobilistas que entran e saen do aparcamento da igrexa, pois corren serio risco ao saír ou incorporarse a escasa velocidade a esta transitada vía. Un problema que vén de vello, sen que as queixas duns e doutros conseguiran deica o de agora que se faga algo antes de que aconteza unha desgraza.

No tramo curvo da estrada nacional que os veciños precisan atravesar para ir á igrexa o límite de velocidade é de 100 quilómetros por hora, o máximo que permite este tipo de vías. Pola contra, no treito anterior, nunha longa recta que atravesa a parroquia, o límite é de 80 quilómetros/hora e con certa frecuencia o radar de Tráfico fai boa "caixa" pola confianza dos condutores na ausencia de perigo ao ollar a distancia coas casas e a ausencia de peóns. Así as cousas, parece razoable que axiña se buscara algunha solución ao problema para evitar as situacións de perigo que se producen con certa frecuencia e que pasaría, cando menos, por manter a prohibición do límite de 80 quilómetros/hora uns cincocentos metros máis, deica as proximidades da saída do Parque Empresarial de Silleda Área 33 e a colocación dalgún sinal que avisara aos automobilistas do perigo.

Segundo nos refiren os veciños de Taboada, o Concello de Silleda xa se ten dirixido en máis dunha ocasión ao Ministerio de Fomento -de quen depende a estrada nacional- na procura dunha solución a este problema, sen que obtivera resultado. Por outra banda, por parte da SA de Xestión do Xacobeo da Xunta de Galicia parece que non hai coñecemento do asunto, malia a que xa leva anos existindo.

Nos camiños xacobeos

A parte da estrada nacional referida, preto da igrexa vai o roteiro de peregrinación a Compostela que resulta da unión do Camiño de Inverno e da Vía da Prata, polo que o templo de Taboada é un dos dous que ten convenio entre a Xunta e a Igrexa para abrir durante seis meses ao ano cun guía a disposición dos visitantes, que tamén se encarga de selar as credenciais dos peregrinos.

Aquí chega o camiño de peregrinacións logo de atravesar a histórica Ponte Taboada, polos vellos camiños da parroquia. Do interese artístico, histórico e monumental desta igrexa románica que forma un fermoso conxunto cun ben labrado cruceiro, dan conta numerosas publiacións, e aquí só imos destacar o tímpano coa representación da loita de Sansón co león e un fermoso retablo que preside unha imaxe do Santiago Matamouros, patrón da parroquia.

Promocionar o Camiño de Santiago pasa pola mellora, recuperación e mantemento das rutas, labor no que as distintas administracións, organismos, asociacións e mesmo particulares teñen estar coordinados e implicados. E nós cumprimos coa nosa obriga poñendo de manifesto o problema e requirindo a súa solución.