"Outro lapso máis, e van? Desde logo, está ben claro que este home vive nalgún planeta perdido, agachado no medio e medio da guerra das galaxias!" -velaí aquilo que interpretan desafectos, hostís e detractores. "Lapso? De eso, nada, monada! Puro e duro márketing, calculadísima estratexia! Que sodes vós os que vivides no parque xurásico, coitados!" -retrucan, mentres os seus parciais, lambespiñas. "Pois nin lapso, nin márketing nin farrapo de gaita!" -xulgan, finalmente, impíos, volterianos e revoltés-. "Esa andrómena...; do que se trata é de pura e dura ideoloxía. E punto e pelota!".

Branco, tinto ou clarete, xa que logo? Ou, acaso e como o de Asunción, nin aquel nin aqueloutro, todo auga da fonte, sen cheiro e sen color? En fin, non sei que cousa opinarán Vdes. -sempre moi amables lectores destas liñas semanais que hoxe retornan, logo da pequena paréntese de Nadal/Reis- mais o que é este cronista, un servidor entende que a ninguén debería abraiar, a estas alturas do show, que D. Mariano Rajoy Brey nos felicitase a tutti quanti cun sonoro e rotundo "¡Feliz 2016!", tal e como recolleron todos os medios acreditados, ao tempo que inauguraba os novos, lenes carrís, da sempre elegantísima ponte de Rande. E digo/escribo que a ninguén debería admirar que o presidente do Goberno das Españas nos cumprimentase de semellante xeito toda vez que D. Mariano non fixo, ao cabo, outra cousa máis que resultar fidelísimo a si mesmo: despois de todo, o Sr. Rajoy Brey, nacido a mediados da pasada centuria, resulta ser un político do século XIX que, toma carambola!, está a dirixir os destinos hispánicos nesta segunda década do XXI. Polo tanto, se algo de estrañeza ou singularidade poida causar a súa felicitación, tal reside en que, na vez de lles(nos) desexar a todos os habitantes desta tribo de tribos, arquipiélagos, prazas de soberanía e Perejil adxuntos un próspero 2016, non se decidise, mellor, por transmitir os seus agoiros para outra data máis recuada. Con certeza que, no xeito en que se está a conducir o acontecer cotián, ben pouco cabería obxectarmos. Mais, en calquera caso, pasen e vexan.

Por exemplo, D. Mariano podería ter auspiciado, sen maiores sobresaltos, un "¡feliz 1816!". Con outro Borbón no trono -concretamente, Fernando VII-, España enteira ía, o que se di, montada en moto e sen freos. Así, co emérito Carlos IV facendo deporte por Italia adiante a costa do erario público, o Tribunal Supremo, digo a Santa Inquisición!, non daba feito daquela para imputar, apoñer, responsabilizar... mandar a preventiva prisión a canto pecador, apóstata, herexe, xurafaz... como abrollaba, todos eles a inzaren as Españas coas súas mil e unha rapinadas, perversas maquinacións e doutrinas disolventes, mentres os liberais podemitas non paraban de conspirar, acusados arreo de connivencia co movemento que, do outro lado do Atlántico, pretendía encher de repúblicas bolivarianas o continente americano. Cuberto de neve o país enteiro, as dilixencias e demais quedaron atrapadas no medio e medio da nada. Moi lonxe de asumir calquera responsabilidade, o goberno aseverou que toda a culpa viña ser de xentes como os "siete niños de Écija" ou José María "el Trempranillo", os cales -a medias con Curro Jiménez- aproveitaban a ocasión para aumentar nun 4% as taxas de peaxe das autoestradas, digo dos camiños reais.

"¡Feliz 1816!" ou, igualmente, "¡feliz 1616!" Nesta última data, e como é ben coñecido, comandaba os destinos da Monarquía Hispánica outro Filipe:Filipe III, chamado "o Piadoso". Logo de tempos e tempos de combates e batallas mil en terras de Flandres, a igualdade de forzas entre os rebeldes, protestantes luteranos, e mais os católicos aliados da católica España levou a asinatura da denomimanda "Tregua dos Doce Anos": tan cansos andaban, daquela, os uns e mais os outros que nin sequera Alatriste/Pérez-Reverte se atreveu a cuestionar o Proceso. Iso si, non deixaron, con todo, de queixarse os señores soldados, membros dos terzos vellos, da escaseza e pouca consistencia do menú que lles foi ofrecido polo Nadal. Un prato de espaguetis con apenas un mexillón; catro croquetas e mais algo semellante a peixe rebozado; unha botella de auga mineral: velaí o que foron cear os defensores da legalidade mentres corría a noticia de que os independentistas neerlandeses -algúns deles no cárcere, onde afirmaban seren "crentes" e "homes de paz"- se poñían as botas, dálle que dálle ao marisco, ao xamón "pata negra", as "chuletillas" de cordeiro e veña outra botella de Rioja (reserva)! En fin, España, a trama Gürtel e mais o Duque de Lerma sonlle así, miña señora.

En fin, por máis que a saudade, D. Mariano e mariachis nos queiran poñer trampas, está claro que calquera xeira pasada non foi (necesariamente) mellor. Tendo en conta que "un vaso é un vaso e un prato é un prato" e, asemade, que "somos sentimentos e temos seres humanos", está ben claro que "España é un gran país que fai cousas importantes e que ten españois". Canto ao resto "canto peor para todos, mellor.." ou o que queira que nos quixese relatar de veras o señor presidente na súa impagable colección de frases célebres. A pesar de apesar el mesmo, malo será que non sobrevivamos ao 2018.