Mentres a crecente tensión entre Cs e o PP ameaza a aprobación dos presupostos do Estado, o que fai barruntar unha posible crise política motivada polos resultados electorais do 21D (pola cuestión catalá), os xuíces do TS denegan a posta en liberdade do ex-vicepresidente da Generalitat e candidato electo de ERC por Barcelona ao Parlament. Probablemente os maxistrados son conscientes das consecuencias que se derivarán da súa decisión. Da que parece desprenderse que non se esforzaron moito en utilizar a capacidade de raciocinio no proceso deliberativo. Dicía o filósofo grego Aristóteles, na sociedade escravista do século IV a. C. en que viviu: "Os escravos teñen razón [capacidade de raciocinio], pero esta só lles debe servir para coñecer a razón dos seus amos". Igualmente, na España de hoxe, seguindo en exclusiva os criterios dunha Fiscalía cun alto grao de dependencia do Executivo, parece que a capacidade de raciocinio de determinados togados só lles serve para coñecer a razón do Goberno.

No libro El fuego invisible, de Javier Sierra, último premio Planeta, cóntase que os primeiros sabios gregos utilizaban unha técnica de alteración da conciencia, mantida en segredo, chamada "a incubación", que consistía en permanecer illados durante dous días, sen alimento ningún, nunha gruta ou estancia pechada, absolutamente inmóbiles, agardando que os deuses lles manifestasen as súas ensinanzas. Era unha forma de aplacar os sentidos, afastándoos do ruído da vida para desa forma alcanzar a voz dos deuses ou o camiño de acceso á orixe das ideas. Tendo isto en conta, cabe pensar que non viría mal que xuíces dos que dependan decisións de fondo calado social, como as que se están tomando en relación con políticos cataláns, pasasen por un proceso de "incubación" que, illados de ruídos mundanos confusos, lles posibilitase escoitar a voz dos deuses para alcanzar a verdade e as mellores ideas.

O ex-vicepresidente Junqueras, definíndose como un político de paz e diálogo, pediu a súa posta en liberdade, ao que a Fiscalía respondeu que a súa recente elección como deputado ou a súa posible candidatura á Presidencia do Govern non son un salvoconduto para libralo da prisión provisional. Cousa esta evidente, pero ademais aseguran que de deixalo libre inevitablemente volvería protagonizar mobilizacións cara á rebelión (cousa xa non tan evidente, nin tan sequera probable). Pola súa parte, os xuíces, sen maiores esforzos deliberativos, incapaces de poñerse por riba da construción acusatoria popular e da Fiscalía, seguen ao ditado as argumentacións desta sen poñer nada en cuestión, pero obviando a gran transcendencia política da decisión que terminan adoptando. Desta forma, a posta en marcha da nova lexislatura, que comeza como consecuencia da aplicación do 155, vivirá situacións inéditas e confusas, de grande incerteza, agravándose notablemente a posibilidade de encarreirar de forma rápida a cuestión catalá.

Sobre a acusación de rebelión que pesa sobre Junqueras será difícil demostrar a existencia de actos violentos e da súa vinculación con eles, xa que non consta que participase ou executase directamente accións deste tipo, ou que dese ordes neste sentido. Tampouco parece que promovese un alzamento tumultuario, tipificado como sedición. Pode haber malversación se se destinaron fondos públicos ao referendo ilegal; hai desobediencia por chamar a votar nun referendo declarado ilegal, e actuacións fora da lei. Coa anulación desas decisións e a aplicación do 155, cesándoo das súas funcións, desaparece a posibilidade de reiteración delituosa. Decretar prisión preventiva parece, por tanto, unha desmesura. Talvez a esixencia de defender as ideas políticas dentro da legalidade, incluso a independencia, sería o xeito máis oportuno para buscar un diálogo que trate de atopar unha rápida solución ao problema de Cataluña.

*Veciño da Estrada.