Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Independencia (939 votos)

O dereito dos pobos a exercer a súa autodeterminación

Despois de 'afouteza' votaron como "keyword" ou verba clave de Galicia 939 individuos galegos. A palabra eiquí parece non asustar. Proba diso é que acabo de dar unha volta pola Praza da Independencia de Vigo e, no curso do meu vagar, tiven ocasión de cerciorarme de que Abel Caballero non lle mudou o nome polo de Praza da Unidade de España. Sei que a Independencia de Vigo nada ten que ver co independentismo galego, e menos co catalán. Pero estou seguro de que os galegos e galegas que votaron pola palabra Independencia no portal da Academia e Fundación Barrié non tiñan nada que ver coas fábulas locais de Cachamuíña, Pablo Morillo e Carolo. Estaban a pensar, seguramente, que todos os pobos e nacións dependentes do mundo teñen dereito a exercer a súa autodeterminación política e a constituiren un estado soberano no concerto mundial. Sostemos nesta columna unha obviedade que vexo negada estes días por turbamulta de escritores, xornalistas e académicos obnubilados polo discurso hexemónico español. É hoxe dogma xeralmente aceptado que o nacionalismo independentista é un mal a que o mundo enteiro tende á unidade. Deixando a parte o feito da multilateralidade rampante e do fracaso do Imperio en Siria, eu faríalles a todos os meus lectores (salvo aos moi novos, se é que os tivese) unha pregunta. Cantos países independentes había na Terra o día que eles naceron e cantos hoxe gozan de tal condición. O meu pai viu nacer Irlanda e eu Islandia. Os máis novos dos posibeis lectores asistiron á ruina do campo socialista e a afloración das bandeiras nacionais, que Shakarov celebraba desde a sombra, na URSS e en Yugoslavia. Por que non Escocia, por que non Cataluña, por que non Galicia? Por que non o Sahara? Por que si Israel, constituido sobre todo dereito antigo o novo? Son preguntas que deben facerse despois de dar un paseo pola praza da Independencia de Vigo. Esquencíame: a Idade Contemporánea naceu en 1776 cunha Declaración de Independencia: a dos EE UU. Eu agora deséxoslle Boandanza e Saúde, como escribirá Eduardo Pondal, aos fillos de Breogán que somos nós nestes días iniciais do ano 2018. E digo Pondal porque as autoridades galegas esqueceron render os honores precisos ao autor da letra do Himno Galego no ano no que debería recibir honras polo seu pasamento. Na política e no protocolo non hai parvos nin inocentes. "Imbéciles e escuros" -canta o Himno Galego de Eduardo Pondal.

Compartir el artículo

stats