Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A ruptura do pantano da Trigueira: 58 anos despois daquel suceso

O 5 de xaneiro de 1960 a Garda Civil de Forcarei daba conta de que na parroquia de Zobra as augas do río Trigueira romperan tres pontes e causaron danos en ata oito muíños

O Deza é un río rudo que semella pouco gustoso de que o home interfira na súa natureza. Poderíase dicir del que estamos ante un león que poucas veces esperta, máis cando ruxe, non avisa, faino de vez. A pesar de ser un sistema fluvial de pouco caudal, por veces, non moitas, ten arroiado repentinamente cunhas cheas de impresión. O muíño de Ameixedo tense visto medio superado polas augas do Grobas, e, a ponte inmediata, unha xoia pétrea da humilde arquitectura popular do rural, ficar totalmente mergullada. De feito o río é coñecido coma o "inchón", xa que "este río que vén do Candán desbordase enseguida. Con tal de que chova un pouco xa se nota na rápida subida da auga pero, ao parar de chover, tamén, baixa enseguida".

Pero hai un episodio pouco coñecido, ou nada, agás para a veciñanza da Cabana, Trigueira, Porto Martín, na parroquia de Zobra (Lalín), que espertou cun suceso que poido resultar fatal e que, finalmente, so tivo consecuencias de danos materiais. O 5 de xaneiro de 1960, na páxina de sucesos publicada polo "Diario de Pontevedra" citábase: " Danos en pontes e muíños. Deu conta a Garda Civil de Forcarei que na parroquia de Zobra as augas do río Trigueira romperon tres pontes e causaron danos en oito muíños. Debeuse o accidente á rotura do pantano das minas propiedade do Banco Popular Español dos Previsores do Porvenir. En sesenta mil pesetas valoráronse os danos". Dise que as tormentas que houbo neses días terían causado moitos danos, afectando tamén un raio á "casa das minas", onde vivía o encargado e que funcionaban coma oficinas.

O lugar coñecido coma "o pantano", na proximidade de A Cabana, é unha das paraxes naturais do Candán máis visitadas e alí atópanse os restos da antiga central eléctrica. O que rebentou foi unha parede superposta sobre o muro que hoxe se conserva. A obra aproveitaba o antigo muro existente e, o lugar, xa era coñecido con anterioridade coma o pantano, no que incluso a mocidade de a Cabana acudía a bañarse. Na fotografía aérea do ano 1956 apréciase un pantano de dous brazos, un polo Deza, cun fondo de case 1 km, e outro polo rego do Porto, de case 600 metros, para un sistema fluvial que nese punto so conta con 7 km.

Mergullándose na historia dese suceso, do que practicamente non existen referencias escritas, a información atopada permítenos ter unha clara perspectiva de como se comporta o Deza e, neste caso, dar cun récord histórico deste río (dende que se recollen series de datos de precipitacións e aforos de caudal para o Deza). Máis coa fortuna e privilexio de dar cunha foto inédita, do ano seguinte, do xeólogo holandés, Dick Hilgen, estudoso varias décadas da xeomorfoloxía do Candán, que retratou o que aínda quedaba da desfeita. A única imaxe que consta de tal suceso e que ben merece ser publicada.

A presa iniciara a súa construción polo ano 1945/1946, máis non fica claro se a parede que resistiu, e que chega aos nosos días, xa formaba parte dos muíños da zona, que traballaban para as concesións mineiras de estaño, ou foi levantada nese momento e despois ampliada con máis altura. Na foto aérea do 1946 so se aprecia movemento de terras no lugar ocupado pola central.

O pantano construíuse pola necesidade de modernizar as explotacións mineiras que, no 1944, foran adquiridas polo Banco Popular de los Previsores del Porvenir ao Sindicato Estannifero de Lalín (domiciliada en Barcelona), que viñan explotando as "pertenencias mineiras" da Trigueiras-Cabana-Coco-Bresoi dende o ano 1932. Non sería o único pantano do rego do Porto, xa que tamén se construiría o da Freixa na Graña (Forcarei), nun período próximo, do que partía unha liña ata o da Trigueira.

A chegada do Banco Popular viña a ser un novo intento por apostar nas boas expectativas postas sobre os filóns de estaño da Trigueira, pero que non acababan de dar os resultados soñados. A nova recollíase no anuario de "Estadística Minera do Instituto Geologico y Minero de España", ano 1944: "igualmente continua a explotación das concesións que na paraxe chamada Monte Coco, lugar da Trigueira, posúe o Banco Popular....., anteriormente propiedade do Sindicato Estannifero de Lalin. Constitúen un grupo mineiro con 7 concesións, cunha extensión de 579 pertenencias, produtoras de wolframio e estaño, traballadas xa de antigo, aínda que bastante anarquicamente, e cuxo laboreo parece tende agora a normalizarse".

No anuario do ano 1945 destácase as dificultades que entraña a falta de electricidade no laboreo das explotacións de Pontevedra e Ourense: "a falta de electricidade fai que non sexa económica a extracción sobre os filóns de seixo, xa que estes, pola necesidade de traballo a maza e barrena, transporte e consumo de explosivos en cantidade maior e non contar a maioría das concesións con enerxía eléctrica propia ou próxima, nin con facilidade para a adquisición de combustibles ou carburantes, con destino á mecanización das labores, fai que non resulte economicamente o traballo nos citados filóns."

Ata ese momento a explotación do estano na área de Cabana e Trigueira víñase facendo dende tempo atrás contando con poucos elementos de mecanización e tendo algúns muíños de apoio. As orixes de minería moderna na zona poden remontarse ao ano 1840. Así consta publicado, no ano 1851, no "El Eco de Galicia", nun artigo co título "Riqueza mineral de Galicia", na que se fai referencia aos "criadeiros de estaño" naquel momento, que serían 30 minas. A maioría delas situadas nos montes de Avión, Beariz, Boborás, e citándose tamén O Irixo, Aciveiro, ou Presqueiras. Delas menciónase a mina de Carballochao, en Carballeda de Lalín, no ano 1840, da que hoxe nada se sabe con certeza. Non se debe descartar que a referencia a Carballeda corresponda coa aldea da Parroquia de San Pedro de Espiñeira, hoxe no Concello do Irixo, máis nesa época pertencente a xurisdición de Deza e Lalín, un lugar na aba do Monte Testeiro, e dentro da zona de presencia deste mineral. Máis no monte Bresoi e Sabariz, dentro do complexo da Trigueira, coñecese un lugar chamado Carballochao que albergou antigas minas, e ben podería tratarse desta localización.

No 1906 xa se traballaba a mina Andorra "consta de 460 "pertenencias" de 10.000 metros cadrados", e a Andorra 2 de 159. Entre as dúas ocupaban un espazo de forma irregular de 3.000 metros, e envolvían por completo a outras dúas minas denominadas Regeneración e Sara, de 32 "pertenencias" a primeira e 55 a segunda. As aldeas de Porto Martín e a Trigueira, e a aldea da Cabana, atopábanse dentro da demarcación da mina Andorra". Na foto aérea do 1946 impresiona ver o elevadísimo impacto que soportaba o lugar, e a escasísima cobertura arbórea do val do Deza.

Deste xeito a concesionaria emprende a modernización, xa no mesmo ano 1944, construíndo un lavadoiro piloto. Despois virán as oficinas, lavadoiros, edificios de servizos. Destacase en comparación con outras explotacións galegas que o grupo A Trigueira, " nunha escala máis modesta, tamén instala un lavadoiro; pero a falta de enerxía eléctrica e a situación do criadeiro a grande distancia do ferrocarril, e, por tanto, cun custo de transporte moi elevado, fai temer sexa un dos que máis sofran as consecuencias da crise pola que actualmente pasa esta minería. Con este escenario inícianse as obras de construción da central hidroeléctrica e o seu pantano. O ano 1945 o arranque do mineral realizarase a man, calculándose que a produción vendible durante o 1946 fora dunhas 15 toneladas. No ano 1946 o complexo de A Trigueira será un dos poucos grupos que manteñen durante ese ano a actividade en Galicia. Cunha produción moi por debaixo das expectativas, de 1,737 toneladas e 72.954 pesetas. Nos anos seguintes a Compañía non cubriu as expectativas, e a situación mundial non era propicia, para un estaño moi dependente de contendas bélicas, e pouco a pouco a actividade foi declinando.

Decembro do ano 1959, récord de precipitacións rexistradas:

No mes de decembro de 1959 rexistrouse unha situación marcada por un elevada pluviosidade, a maior das que hai recollidas nas series existentes nas estacións máis próximas á Trigueira: Lalín con 599 mm, Bugarín (Cerdedo) con 1.251 mm e Seoane (O Carballiño) con 601 mm. Estas tres estacións forman unha triangulación moi precisa respecto do encoro de A Trigueira.

A serie pluviométrica de Lalín constata que durante o mes de decembro de 1959 rexistráronse precipitacións durante 26 días. Colocando de forma ordenada os rexistros existentes de toda a serie, o ano con maiores precipitacións para os meses de decembro foi 1959 (599 mm), seguido polo de 1978, con 564 mm, e a terceira posición foi no 1981 con 428,5 litros por metro cadrado.En Bugarín, en decembro de 1959 choveu durante 28 días, rexistrándose copiosas precipitacións o día 26, no que se acadaron 142,5 litros por metro cadrado. En varios días aparecen anotadas tormentas e sarabia, como sucedeu os días 23 e 27 de decembro.

A serie de Seoane rexistrará 601 litros por metro cadrado nese mes e ano, o valor máis alto dos datos existentes para esa estación.

Cerca da desembocadura do río Deza, en Ponte Cira, a empresa hidroeléctica Moncabril instalou unha estación de aforos no ano 1957. Na serie de datos que dispón pódese observar como o día 26 de decembro de 1959 rexistrouse o máximo caudal puntual coñecido, con 472,65 metros cúbicos por segundo. O nivel do río subiu, en Ponte Cira, cerca de cinco metros respecto do punto de base, provocando un desbordamento considerable sobre a chaira de inundación. Esta gran avenida estivo directamente relacionada coas copiosas precipitacións rexistradas nas estacións anteriormente indicadas. O caudal medio do río Deza viña sendo durante aqueles anos duns 17 m3 por segundo, polo que a gran avenida do 26 de decembro significou multiplicar o caudal base case unhas 28 veces.

Outros caudais relativamente elevados foron os 427 metros cúbicos/segundo o 31 de decembro de 1978 (2º máximo) e os 404,5 metros cúbicos segundo do 8 de decembro de 1974 (3º máximo).Deste modo dáse conta do suceso da ruptura acaecida no "pantano das minas da Trigueira", fai agora 58 anos, que moi probablemente tivo lugar cara o 26 de decembro, un día de récord de precipitacións, co mes de decembro máis chuvioso, e que aínda hoxe supón o maior rexistro de crecemento repentino de caudal coñecido para o río Deza, que viu multiplicado o seu caudal base en case 28 veces.

Compartir el artículo

stats