O mago move a variña tentando coordinar este xenial e magnífico caos. Da chistera pode aparecer un coelliño, pero o que está a ocorrer no salón ateigado semella un prodixio. Hai, claro, pallasos, o leiv motiv escollido para o concerto que pecha o ano. 'Señoras e señores, en Silleda, o maior espectáculo do mundo' semella invitar o coidado escenario de Coas Mans Artesanía. Na carpa do Auditorio da Semana Verde van a actuar todas as músicas que soan como mimos, soan como maxia e malabares, como as risas, caídas e bromas dos pallasos. O circo ten as cores e as luces da música, caldo quente onde coce a cultura de Silleda.

Chega o Nadal e vai medrando a expectación ante cada novo agasallo creativo da Banda Municipal de Música, a Escola, o profesorado, rapazas e rapaces reinventándose en cada edición, implicando ás familias no vestuario e atrezzo, e ofrecendo o mellor de si mesmos.

O que pasou o sábado día 30 en Silleda foi un milagre: o da multiplicación de panes e peixes: espectáculos circenses e músicas. E se decimos música estamos a dicir Rafa Agulló Albors, o director da Banda, o mago que dirixíu con variña de ferro máxico este espectáculo de masas. Milagre é tamén, nestes tempos de présas, ruído e brocha gorda, encher as 630 prazas do Auditorio, e ter que programar no mesmo día unha segunda función, coas entradas esgotadas. Quen da máis?

A música é eterna pero en Silleda asistimos cada Nadal a unha posta de largo inédita, a unha reinvención da fantasía nunha caixa de Pandora chea de sorpresas. Claro que o espectáculo de apenas hora media ten infinitas horas e medias de ensaios, de 'sangue, suor e bágoas'. A música éche amante moi esixente polo que cómpre subliñar e aplaudir afervoadamente o enorme esforzo dos profesores, dos máis de douscentos rapaces, oitenta músicos, rapazas e nenos moi pequenos que entregaron nesta hora e media de colleita, meses de sementeiras e coidados. Esta Banda de Municipal de Música de Silleda suple con traballo, dedicación e a implicación de todo o pobo, o que só sería posible cun altísimo presuposto que non teñen.

Música de Circo para esta edición que foi o que parece: o maior espectáculo do mundo cunha coidada banda sonora ben sincronizada cos actores de Barafunda Animación, as Bandas de música de Silleda, os alumnos da Escola, Máisquedanza e Odaiko Krea. Todas e cada unha da 1.300 persoas que asistimos ás dúas funcións puidemos dicir: eu estiven alí e aínda teño a música clavada nos miolos. E aínda teño pintados no ollos as cores de circo. E aínda gardo nos faiados da memoria anacos de fantasía.

Por momentos pareceu excesivo o protagonismo dos pallasos ata que nos decatamos de que todo era un xogo ben acompañado polos músicos de 'Silleda Circus Band', invitándonos a facernos como nenos para entrar no Reino da Fantasía. E agatuñar ata o ceo na apoteose final subidos en xigantescos globos de cores que voaban polo Auditorio.O concerto de Nadal éche o redobre cultural de todo un ano de traballo. Silleda, este ano, foi o Circo das Músicas.

*Mestre e xornalista.