Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ilustres

O primeiro enxeñeiro americano: Sebastián de Aparicio (I)

A vida do beato Sebastián de Aparicio nos é ben coñecida desde pouco despois do seu pasamento, porque a súa fama de santidade divulgouse tanto que chegou a oídos do propio monarca, Felipe III, que en 1603 escribe ao bispo de Tlaxcala, Diego Romano, para que lle informe da súa vida e milagres, cousa que fai enviándolle ao ano seguinte a biografía escrita por frei Juan de Torquemada, á que seguiron despois ao longo do século XVII e XVIII as de Bartolomé Sánchez Parejo, Frei Bartolomé de Letona, frei Diego de Leyva, Nicolaus Plubensis e outras dez máis, ata chegar ás máis recentes de Alejandro Torres, Calvo Moralejo, Matías Campazas e a de Meiriño e Isorna. Tamén temos as incluídas nas historias xerais da Orden Franciscana, como a de Frei Antonio Daza, a de Lucas Wadding ou Frei Agustín de Vetancourt. Incluso ten inspirado unha fermosa novela do noso (porque os escritores son nosos, dos lectores) Alfredo Conde titulada El Beato e publicada no ano pasado.

O beato Sebastián de Aparicio naceu na Gudiña (Ourense) o 20 de xaneiro de 1502, fillo de Juan Aparicio e Teresa Pardo, que tamén tiveron dúas fillas, e morreu en Puebla de los Ángeles (México) o 25 de febreiro de 1600. Tivo, pois, unha longa vida cronolóxica ó tempo que chea de aventuras incribles máis propia dunha imaxinaria e fantasiosa película de acción que da que se espera dun home santo que un pensa dedicado á oración e a devoción propia dos moradores dos claustros conventuais. Como veremos despois, nacer na Gudiña, na zoa montañosa oriental da provincia, onde a existencia hai que ganala en difíciles condicións, aprendendo desde neno pouca ilustración -nunca chegou a aprender a ler e escribir- pero moito das labores da agricultura e gandería e observando o tránsito peonil e mercantil desa porta de entrada e saída da Galicia sur, marcaríalle para sempre e forxaría unha personalidade dotada de determinadas habilidades e de forte carácter e tenacidade.

Desde pequeno a súa vida estivo marcada por ter dons, habilidades, fortuna e, para os crentes, ata protección divina. Nese tempo era bastante frecuente os anos de malas colleitas por chuvia e frío (como as que se sufriron en 1505, 1507 ou 1511) e de peste xeneralizada (como en 1507, 1515, 1517-1520, por non citar máis). E cóntase que, sendo rapaz o noso beato, en 1514, enfermou da peste bubónica e lle aplicaron o único remedio existente na época e que consistía no afastamento do pobo para evitar que puidera contaxiar a outros. Foi, pois, recluído nunha choza de pastores na serra pero, grazas as atencións da súa nai que lle abastecía de comida e os coidados dunha loba que lle lambía as feridas, (como si fora xa unha predición da súa futura e amigable relación cós animais salvaxes) o pequeno Sebastián curou e fíxose un mozo tan forte que aos quince anos entrou a traballar como carreteiro e criado agrícola na casa Grande de Fumaces.

Pero as súas ilusións e aspiracións eran máis ambiciosas que o cativo futuro que lle agardaba no seu curruncho natal. Polo camiño cara a Castela pasaban viaxeiros que falaban das novas terras atopadas alén do mar, e o noso protagonista decidiu que pagaba a pena de arriscarse nesa grandiosa e perigosa aventura. E así, en 1520, aos 18 da súa idade, inicia a súa andaina camiño de Sevilla, cidade que concentraba entón o tráfico e os trámites para viaxar ás Indias. O seu primeiro destino vai ser Salamanca, onde traballa de criado e carreteiro na casa dunha viúva xoven e rica, e da que marcha algo precipitadamente por mor de algunha circunstancia amorosa coa súa patroa. A segunda etapa pasouna en Zafra (Cáceres) traballando para D. Pedro de Figueroa nun batán no seu oficio de carreteiro, e tamén parece que ten que saír apresuradamente por algo relacionado coa filla do dono. O seu terceiro enderezo antes de embarcar sería Sanlúcar de Barrameda onde estivo tamén servindo durante sete anos nunha boa casa, cultivando as viñas primeiro e os eidos de labor despois, o que lle permitiu aforrar para as dotes matrimoniais das súas dúas irmáns, pero ¡vaia por Deus! tamén sería reincidente nesto das saias e tería algún problema coa filla do amo e cunha rapaza de Ayamonte. Debía ter algunha atracción especial este mozo galego coas mulleres, pero os seus biógrafos relixiosos o exculpan dicindo que eran consecuencia da súa defensa da castidade. O historiador pensa que, ó non ter probas fundadas dos sucesos e saber que o noso gudiñés era home alto, forte e ben parecido, debe manter nestas cuestións o seu xuízo en suspenso.

En 1533 pon pé na terra dese vasto e aínda descoñecido continente no porto de Veracruz, México, aos 12 anos de seren conquistado por Hernán Cortés (que aínda estaba a guerrear por California), e aos dous da sinatura da Célula Real pola que creábase o reino de Nova Galicia, Compostela e Guadalajara e a aparición da Virxe de Guadalupe ao indio Juan Diego. Os emigrantes colonizadores españois nestes primeiros anos non foron moitos, e deses o porcentaxe de galegos non chegaba ao 2%, polo que podemos conxecturar que Sebastián de Aparicio foi un desa ducia de galegos que atoparon ese ano a "terra prometida". Se lle outorga unha "encomenda" preto de Puebla de los Ángeles, pobo fundado dous anos antes por Fray Toribio de Benavente con 40 familias, e asiña comeza a por en práctica o seu enxeño, mestría e fortaleza construíndo trebellos e ferramentas para as labores do campo. Ao non existir no novo mundo nin as técnicas, nin os alimentos (trigo, centeo, legumes, viño,?) nin os animais para alimentarse e traballar propios do mundo europeo (porcos, galiñas, cordeiros, cabalos, vacas?), a súa primeira decisión foi ensinar aos indios que tiña "encomendados" a cultivar a terra (sementando sobre todo trigo e millo) e domesticar as bestas mostrencas (cabalos, xovencos e bois) que estaban soltas polo campo despois de cazalas có lazo.

Dotado dun enxeño pouco común, en 1535 pensa que hai cousas máis importantes que facer e convértese no primeiro empresario de transportes, construtor de carretas e "enxeñeiro de camiños". Aparicio, con outro galego chamado Miguel Casado, que era carpinteiro, foi o primeiro que construíu unha roda, despois unha carreta, fixo o primeiro camiño e principiou o tránsito rodado en América. A flota de Indias que salía de Sevilla y Sanlucar de Barrameda dirixíase primeiro a La Habana e desde aquí bifurcábase cara ó Río de la Plata, Cartagena de Indias e Veracruz. Desde este porto as mercancías e víveres que chegaban a México capital ían en mochilas a lombos dos indios. A importancia que para a economía, a comunicación, o correo, etc. tiña a construción dun camiño entre ambas as dúas cidades era evidente. E Sebastián deuse conta deso e, ca axuda dos seus indios, empezou a domesticar bois e construír carros, que ao principio non serían moi diferentes dos galegos, fortes para camiños malos, con rodas macizas e sen aro de ferro, con estadullos ou fungueiros para trasladar madeira ou con táboas ou ladras para a terra e as pedras, có chedeiro ou plataforma quizais máis grande e a cabezalla ou mástil tamén máis longa porque as veces tiraban catro bois. Deste xeito, en 1535 comeza a construír o camiño de Veracruz a México, pasando por Puebla, colocando firmes sólidos nas terras brandas, aplanando as fondonadas, elevando pontes, etc. ata que o rematou en 1542 e que, co seus máis de 400 quilómetros, vaise converter no primeiro camiño colonial de América, máis de douscentos anos antes que os recreados nos films do "far west".

En 1542 trasládase a México e, pola importancia que tiñan as minas de prata recén descubertas, solicita da Real Audiencia de México permiso para iniciar a construción dun novo camiño de rodadura de máis de 550 quilómetros que pasando por Querétaro, Guanajuato, San Luis de Potosí chegaba ata Zacatecas. O rematou dez anos máis tarde despois de construír pontes, aplanar os desniveis, rodear montes e superar con habilidade a oposición dos belicosos indios chichimecas, ben coñecidos pola súa ferocidade e canibalismo. A relación do Beato cos indios foi realmente especial, e inda é máis sobresaínte naquela época. Sebastián os respecta, lles trata ben, lles proporciona alimentos e outros produtos necesarios (roupa, ferramentas?) e iles traballan para el, enxéñalles o cultivo do campo, o defenden, ou permítenlle que transite polas súas terras e constrúa estradas. Durante dez anos transportará Aparicio viaxeiros e minerais de prata de Zacatecas á Casa da Moneda de México e por eses camiños circulará tamén por primeira vez en América o correo, a comunicación duns pobos con outros que irán nacendo ao longo do camiño (como Querétaro). A obra viaria realizada polo beato Aparicio aparece na súa enorme dimensión si temos en conta que cando México se independiza en 1820 só tiña 4 camiños que, partindo de México capital chegaban a Veracruz, o sur de Novo México (Zacatecas), Acapulco e Guatemala.

(*) Catedrático da Universidade de Vigo no Campus Ourense e director do centro da Uned.

Compartir el artículo

stats