O 17 de decembro do ano 2012 o alcalde de Lalín, José Crespo, e mailo de Vila de Cruces, Jesús Otero, asinaron un "convenio de cesión temporal" do legado do xeólogo holandés Jan Dirk Hilgen, doado ao Concello de Lalín en 2008, uns catro anos despois da súa morte. Ese legado está composto por material de laboratorio, teses doutorais, instrumental para traballo de campo, fotografías, dispositivas, libros de xeoloxía e moitos outros materiais.

O legado de Hilgen estivera depositado no edificio da UNED no polígono industrial Lalín 2000 e no momento da cesión, non se aportou un inventario específico, senón un arquivo informático a base de fotografías de todo o material que compoñía o seu legado. O Concello de Vila de Cruces solicitara ao de Lalín a súa cesión temporal para incluilo no contido expositivo do Museo da Minería de Fontao.

Despois dunha serie de conversas e, posiblemente, algunha reunión, descoñecidas para o público, chegouse a un acordo de cesión temporal entre os dous concellos establecendo as seguintes obrigas para o concello receptor (Vila de Cruces):

1) A cesión do legado de Hilgen faise por un período de cinco anos, que poderán ser prorrogables por mutuo acordo.

2) O Concello de Vila de Cruces faise responsable da custodia dese legado, que se deposita nas instalacións do Museo da Minería de Fontao.

3) O concello receptor comprométese a realizar os traballos que sexan precisos para a conservación, promoción e posta en valor. Tamén relizará un inventario, que, xunto cos traballos realizados, será entregado ao Concello de Lalín ao remate do contrato.

4) O Museo da Minería de Fontao garantirá a protección da colección mediante un sistema de alarma e grabación de imaxe. O material custodiarase en vitrinas pechadas, agás o material bibliográfico, que estará custodiado no centro de documentación e arquivo do Museo. A colección estará asegurada nas mesmas condicións co resto do material expositivo do Museo por un valor global de 40.000 euros.

5) Tras a finalización desta cesión temporal, o Concello de Vila de Cruces terá preferencia sobre calquera outra administración, organismo, empresa e persoas física ou xurídica para a renovación da cesión temporal.

6) Establecerase unha comisión mixta formada por un representante de cada concello que se reunirá cantas veces o estimen necesario por mutuo acordo ou por petición individual de calquera das partes. En calquera caso esta comisión reunirase unha vez ao ano co fin de avaliar a evolución dos traballos de inventariado e posta en valor do legado Hilgen. A comisión tamén poderá propoñer melloras e cambios, que, no caso de non estaren contempladas no convenio, poderán adxuntarse ao mesmo mediante acordo das partes constituindo sucesivas disposicións adicionais. Finalmente, no convenio, establécese como lugar de reunión da comisión as instalacións do Museo da Minería de Fontao.