Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

ao pe do farelo

O rosario da Aurora

Quen non escoitou algunha vez o famoso dito; isto vai rematar coma o rosario da Aurora? Voulles confesar que eu durante moito tempo pensei que a Aurora, tiña que ser unha mulleriña dalgunha das nosas aldeas esquecidas, boa beata de traxe negro betume e loito rigoroso que ía rezar á igrexa nos tempos escuros de mexan por nos e si señor que chove, nos que se respiraba por doquier o cheirume de sotana e sacristía e a xente tiña máis medo ó demo e á parella da Garda Civil, cá fame que pasaban mesma vida, por aquilo de botar a eternidade entre os tormentos do lume nas caldeiras de Pedro Botero, ou levar unha boa malleira por se acaso como non lles caeras ben ós da autoridade de tricornio e mosquetón, nos tempos nos que todo era pecado mortal e estaba prohibido mesmo a risa.

Pero non, anos máis tarde puiden chegar a coñecer en persoa nunha madrugada dun pequeno pobo de Andalucía, nos que quedaramos a pasar a noite, entre o respecto da xente e o ruído atronador das miles de motos que por causalidade estábanse a concentrar nun destes encontros de moteros que nunca entenderei para que se fan salvo para queimar gasolina e presumir de motazo e nena de paquete, e que me perdoen os amigos moteros pero é que eu estou chapado a antiga, sonche así de vulgar e mediocre, e non entendo que máis fan nestas macro concentracións de ruído e chupa.

Resulta logo que o rosario que como todos sabemos trátase dun rezo no que se repiten oracións e ladaíñas nunha orde monótona de mantras e santa santórum, é da aurora, porque o costume é rezalo no lusco fusco do día, cando está a piques de amañecer. E a verdade é que ten moitos seguidores nas pequenas vilas e pobos de casas brancas da Serranía de Málaga e Cádiz, entre outros.

O de rematar como o rosario da Aurora, ten alo que parece connotacións e diferentes versións, todas elas apuntando o xeito de que entre uns e outros remataran a paos e malamente. Os uns serían participantes no rezo do rosario, e os outros, e aquí é onde atopamos diferentes versións, serían para uns rapaces novos que ían de farra rachada é se atoparon cos confrades da confraría do rosario en plena faena, comezando as burlas, risas e liorta inevitablemente. En tanto que para outros, a cousa foi que as autoridades prohibirían os rezos dos confrades desta confraría do rosario, polo ruído que facían na madrugada silenciosa das rúas dun pobo de Cádiz, onde se localiza a orixe desa expresión popular e estes non quixeron acatar a orde e continuaron cos rezos e desfile, ata que houbo o lío de turno, e remataron co conto en liortas e pelexas. Outra versión con máis ou menos crédito localiza a orixe da expresión en Madrid, a finais do século XIX. Segundo conta a historia, era costume dunha confraría localizada nos arredores da parroquia de San Francisco El Grande, realizar os rezos polos seus devotos e practicantes deste xeito noctámbulo, ata que nunha ocasión se deron de fuciños cos fieis doutra confraría que viña en sentido contrario, e alí armouse a da San Quintín, voando os farois e caxatos por riba das cabezas e costas de uns e outros e rematando todos entre as reixas da cárcere municipal.

Sexa como sexa, quen sabe con total certeza como nace a expresión, o único certo é que polo medio andaban confrades e practicantes católicos en rezos de madrugada polas rúas dalgunha pequena vila nas terras de Andalucía, e algo pasou para que aquilo rematara pois así; coma o rosario da Aurora.

Compartir el artículo

stats