Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Que facer co arquivo Hilgen?

O material do xeólogo holandés podería retornar a Lalín, asinar un convenio con Vila de Cruces para que permaneza en Fontao ou depositalo en laboratorios ou universidades

A chegada do material do Departamento de Xeoloxía de Leiden a Lalín.

O material que tiña o xeólogo holandés Jan Dirk Hilgen no Departamento de Xeoloxía da Universidade de Leiden chegou a Lalín en setembro do ano 2008 por expreso deseo do propio investigador, falecido no ano 2004, e por decisión final da súa dona Greet, que faleceu nese ano (2008).

Debemos recoñecer que esas decisións tiveron uns precedentes de caracter vinculante, porque Hilgen era un xeólogo enamorado da Galicia Occidental e sobre todo da maxestuosa Serra do Candán, que tan ben coñecía, así como dunha familia lalinense, a familia de Perfecto Navaza, coa que mantiña unha relación de perpetua amizade. Sen eses precedentes sería case imposible que tanto Hilgen como Greet viñeran a integrarse anímica e materialmente á Nosa Terra, unha integración que se plasma indefinadamente desde que as súas cinzas foron esparexidas á carón punto máis elevado da Serra, alto de San Benito, (anos 2004 e 2008).

O traslado do material ao Museo da Minería de Fontao.

O que podemos considerar "propiedade intelectual" do mellor xeólogo europeo e incluso mundial, en relación co "ciclo oroxénico hercíniano", que abarca integramente a Galicia, témolo depositado, na actualidade, no Museo da Minería de Fontao como resultado dun convenio asinado no ano 2012 entre os concellos de Lalín e Vila de Cruces. Ese convenio, cunhas cláusulas e condicións descoñecidas para o público, asinouse por un período de cinco anos (2013-2017) despois de consultar coas persoas que participaran como intermediarios e enlaces, para que ese material viñera desde Holanda ao concello de Lalín (depositario final).

Agora remata esa primeira fase de cesión-depósito e deberán analizarse todos os puntos do acordo, non só para ver cal foi o seu grao de cumprimento (obxectivos, compromisos contraídos, obrigas establecidas, etc...), senón tamén, para comprobar o estado de conservación do material. Un aspecto moi importante de todo isto era a elaboración dun inventario-ficheiro ou catálogo de todo o material depositado no Museo da Minería, para que servira de referencia tanto informativa como testemuñal.

Así que a partires de mediados de decembro de 2017, haberá que empezar de novo ou tomar outras decisións, tendo en conta diversas variables. Chegou a hora da verdade e terase que decidir que se fai con todo isto, pero estamos preparados para iso?

Éxito ou fracaso dunha xestión sobreposta

No comezo de todo isto hai un punto de partida orixinal que empeza cando Hilgen chega a Galicia, alá polo ano 1957, e vaise enamorando, pouco a pouco, desta Terra, por unha serie de razóns que non procede analizar agora. As nosas xentes nunca entenderon que viña a facer Hilgen a esta terra, porque a recorría cunha estrana moto, porque rompía as pedras cun martelo e levaba os ancos, porque preguntaba de onde viñeran as pedras dalgúns valados, etc. Todo iso serviu para que o calificaroan como o "home das pedras" ou que, en outras ocasións, pensaran que era un ladrón de patacas. Entre os seus coñecementos xeolóxicos e o noso ambiente cultural había un profundísimo abismo. Un abismo infranqueable, porque en Galicia nin, tan siquera, tiñamos unha Universidade cunha Facultade de Xeoloxía. Eramos unha terra xeoloxicamente impresionante pero cunha "cultura xeolóxica" de valor cero.

En Galicia, salvo en contadas excepcións, non houbo unha concienciación científica á altura do que era un coñecemento xeolóxico claro do seu territorio, nin a houbo nin existe agora. Por iso, entendemos as reaccións das nosas xentes hai case 60 anos, que apreciaban a Hilgen, pero non entendían o que facía. Pois ben, aquela situación paradóxica non cambiou moito comparado co que sucede hoxe en día. Antes era Hilgen o incomprendido e, agora, sucede iso mesmo con todo o material que temos depositado no Museo da Minería de Fontao.

Entre os anos 2008-2012 o material do Departamento de Xeoloxía de Leiden estivo almacenado, tal e como chegara de Holanda, nunha despensa da UNED-Lalín sen saber que se podía facer con el. No ano 2102 chegou unha proposta do Concello de Vila de Cruces para cedelo, mediante convenio, ao Museo da Minería de Fontao e esa proposta pareceunos moi aceptable a varias persoas, porque servía para dar a coñecer e valorar todo ese material tan vinculado co noso territorio.

Entre 2012-2017, duración do convenio, o Museo da Minería de Fontao tivo a oportunidade de estudar, valorar, revalorizar, dar a coñecer, difundir, centrar a interese da xente, etc...., pero cales foron os resultados?, cales eran os obxectivos que se querían conseguir? En apariencia os resultados foron moi pobres, pero teremos que esperar a ler a "memoria explicativa" na que se detallen todos os traballos realizados, que inventarios se fixeron, como se conservou todo o material, etc. Unha cuestión, en certo modo, diferente é o funcionamento do "Museo da Minería" como tal, porque, tal responsabilidade, non lle corresponde ao concello prestamista.

Tan pronto como remate o convenio de cesión haberá que revisar os acordos asinados e sobre todo velar pola integridade e conservación do "gran legado Hilgen". Se o Museo da Minería non funcionou, se estivo cerrado a maior parte do ano, se non promoveu actividades para promocionarse, etc... todo iso é unha cuestión marxinal respecto do estado real do material alí depositado.

Outra cuestión a ter en conta é o "interese social" que desperta este valioso legado. Se as xentes da nosa Comarca non entenden nin lles interesa isto, polas causa que sexa (posiblemente polas mesmas razóns que se deron cando Hilgen estaba facendo traballo de campo nestes montes e aldeas), nin se vislumbran alicientes para despertar certo nivel de interese, entonces haberá que determinar que se debe facer co legado, porque non é xusto que o Concello de Lalín o almacene como "fosil". Este legado pode ir para outros lugares, para outras institucións ou para outros organismos, pero sen perder os dereitos de propiedade que lle corresponden ao Concello de Lalín.

Propostas para decidir o que se fai co material "Museo Hilgen":

Ao remate do convenio de cesión do "legado Hilgen" por parte do Concello de Lalín ao Vila de Cruces, haberá que tomar algunha decisión respecto do seu futuro inmediato e por iso se propoñen, a continuación, varias alternativas posibles.

1 . Continuidade no Museo da Minería de Fontao.

Esta é unha posibilidade a ter en conta, unha vez que remate o convenio actual, pero esta decisión deberá ser valorada en función do estado de conservación do material, do traballo realizado respecto do mesmo (segundo o establecido no convenio), e das intencións e propostas que faga o Concello de Vila de Cruces.

2 .Trasladalo ao seu lugar de destino orixinal (Lalín)

O Concello de Lalín, propietario do "legado Hilgen", poderá optar polo retorno do material a unha dependencia municipal para continuar como custodio do mesmo ou buscar algunha fórmula provisonal para revalorizalo, dalo a coñecer e convertelo en "colección visitable".

3.Depositalo no Laboratorio Xeolóxico de Laxe (Sada).

Hilgen estableceu os seus primeiros contactos co Laboratorio Xeolóxico de Laxe e, máis en concreto, con Isidro Parga Pondal e eses contactos tiveron unha longa duración, polo que a cesión do seu "legado" a este centro de investigación xeolóxica podería ser unha opción viable.

4 . Negociar a súa cesión ao IGME (instituto Geológico Mineiro de España).

Outra posibilidade é a de estabecer contactos co IGME e propoñerlles a cesión do "legado Hilgen", tendo en conta dous aspectos salientables: (1) que Hilgen foi un gran colaborador na elaboración de varios mapas e memorias da "serie MAGNA" e (2) que o seu legado é de gran importancia pola gran cantidade de meterial existente (instrumentos, memorias, bibliografía, etc).

5 . Levalo ao Departamento de Xeoloxía da Universidade de Oviedo.

Neste caso tratase de ubicalo na Universidade con Facultade de Xeoloxía máis cercana a Galicia. Varios investigadores desta Universidade teñen realizado traballos en Galicia ou participaron en actividades conxuntas co equipo de Hilgen, aínda que as súas metodoloxías foran diferentes.

6 . Establecer un acordo co Museo de Historia Natural da USC.

O Museo de Historia Natural da USC podería ser outro posible lugar de destino, sempre que estiveran dispostos a darlle un tratamento adecuado.

7 . Asinar un convenio de colaboración entre os concellos de Lalín e Vila de Cruces.

O Concello de Lalín, como propietario e o de Vila de Cruces, como depositario actual, poderían asinar un novo convenio de colaboración mutua mediante o que establecerían unha serie de obxectivos e obrigas comúns.

8 . Sacalo a Concurso Público.

E xa por último, outra posible opción sería a de sacar a concurso público a cesión deste "legado", cunhas bases convencionais, para que o adxudicatario realice a súa "posta en valor" segundo as condicións que marquen na oferta.

*Xeógrafo de Lalín.

Compartir el artículo

stats