O noso magno patrimonio componse basicamente de monumentos materiais, pero tamén de monumentos que denominamos como inmateriais, dentro desta última categoría atópanse os topónimos e os microtopónimos. Concírnenlle a estes últimos os de Pinela en Pontevedra e en Poio e Labarcán unicamente a Poio.

A pedra Pinela, antigamente recoñecible no curso do río Lérez, hoxe desaparecida, segue a ser motivo de controversia, pola cuestión dos límites,entre os Concellos de Poio e Pontevedra. Esta "pedra" era referencia nunha chea de episodios da vida cotiá que transcorría nas augas do Lérez. Así o vemos en distintas novas nos xornais do século XIX.

O 17de xullo de 1888, o diario El Lucense, informa dos "festejos que tendrán lugar en Pontevedra los días 11 a 18 de agosto. Día 17, a las diez de la mañana se verificará el certamen de nadadores organizado por la Sociedad Coral Los Amigos, en la parte de la ría comprendida entre el puente del Burgo y el punto llamado La Pinela". Uns días despois, o 28 de agosto de 1888, a Gaceta de Galicia, recolle outra nova sobre unha "Gira al Lérez en honor al Sr. Echegaray, na que se di que "Los fuegos y cubos disparados desde la peña de la Pinela, anunciaron el fin de tan brillante fiesta"".

Non parece que estas notas de prensa contribúan a esclarecer o exacto emprazamento da Pedra Pinela, do que si estamos seguros é de que os que lían, naqueles días, estas novas non precisaban de máis datos para situar a Pedra Pinela.

Na enseada da Seca, en Poio, tamén temos o microtopónimo Pinela. Mais, neste caso vai asociado con outro microtopónimo como é Labarcán.

Desde que se puido ler no Boletín Oficial del Arzobispado de Santiago do 10 de febreiro de 1868, o seguinte texto: "Combarro, san Roque, parroquia de nueva creación, desmembrada de Poyo, que se habrá de componer de las aldeas siguientes, Cidrás, Juviño, Pereiro de abajo, Pereiro de arriba, Esperón, Vilar, Armada, Casalvite, Rial y Sanchín, que componen 1450 almas; de entrada y de Real patronato". Coa creación desta nova parroquia tamén se establece unha nova liña divisoria entre, a parroquia de San Xoán de Poio Grande e a recén constituída parroquia de Combarro. Esta liña situábase na Pinela, ou nuns pasos máis adiante, cara a Pontevedra, no Río da Serpe. Hoxe a controversia só aparece cando se fala do deslinde dos montes comunais de ámbalas dúas parroquias; seguramente esta discordia basease no incumprimento do publicado, no Boletín citado anteriormente.

A Pinela ten, por outra banda, unha lembranza moi particular para toda a veciñanza de Combarro, pois era esta posta desde onde se largaban, aínda na década dos sesenta, as pesqueiras, semellantes ao tipo das "entalladas", pero máis pequenas. Na Enseada da Seca os combarreses/as que máis as empregaron foron os da saga de mariñeiros chamados "os de Ucha", contando con que cada un tiña a súa pesqueira; tiña pesqueira a nai de Eladio Ucha, que era viúva, así mesmo o chamado Sr. Manuel, e tamén a tiña Agustín o fillo de Sra. Emilia de Balbina. Nas redes das pesqueiras quedaban enmallados os muxes e as sollas, que se desmallaban delas cando a marea baixaba. Logo, cunha vara ao lombo, os mariñeiros levaban ensartados os peixes recollidos. Deste mesmo xeito portaban tamén o pano catalán, de cor marrón con cadriños pequeniños en branco, que empregaban para levar nun vurullo a roupa para o barco.

Nun texto descritivo da entallada, atribuído a Casto Sampedro, que se titula "En la Ría de Pontevedra, Galicia. Escena de Pesca. La Entallada de Combarro", publicada en Buenos Aires no Almanaque Gallego en 1918, e con fotografías de J. Pintos, pódese ler: "El atajo o Entallada se forma entre dos puntos que se hallan a 750 metros de distancia; y arranca de unos árboles, junto a la cruz de piedra de Labarcán, y termina cruzando la Isla das Ratas, en unos árboles o peñas de Campelo, a orilla del mar".

Os mariñeiros que acadaron máis sona, polo bo facer con este aparello chamado entallada, foron os "Panderetas" da Moureira de Pontevedra.

Esa Cruz de Labarcán a que alude Sampedro está emprazada enriba das pequenas cristas das pedras da Punta Pinela,. Esta cruz está erguida sobre unha plataforma cadrada(1,04m x 1,04m x 0,14m), e sobre esta, un pedestal cúbico (0,47cm x 0,47cm x 0,45cm) coas arestas descanteadas, no que podemos ler unha inscrición que di: HIZO ESTA O // BRA PIA SIM // OM CARETA // AÑO DE 1586. Enriba deste pedestal, álzase unha cruz latina de 2,33m de altura e de 0,72m de envergadura, de sección prismática rectangular (0,17cm x 0,12cm) coas arestas descanteadas, e cos extremos dos brazos ancheados en pequenas potenzas. Na intersección dos brazos que miran cara o mar, ten labrado un relevo cunha coroa da paixón.

Non sabemos exactamente quen foi aquel Simón Careta. No entanto, si temos constancia de que había un Simón Careta que tiña casa en Combarro, segundo un foro do Mosteiro de San Xoán de Poio, no que se le que en la "Calle de Lanzada [?] sita al poniente de la calle que pasa a la Pera Porta con quien testa con su corral y entrada y confina con parral de Simón Careta por la parte del norte".

Tamén temos novas de que entre o ano 1669 e 1673, outro veciño de Combarro leva o apelido Careta, pois así o constatamos nun foro do referido Mosteiro de Poio onde lemos o seguinte: "Calle de Lanzada [?] y está entre casas de Joseph Careta y Matheo Ribadulla". Noutro documento do 18 de xuño de 1618, indícase que se lle fai foro do lugar do Bao a: "Sebastián Careta, carpintero, vecino de la Villa de Pontevedra y a Ana Rodríguez vuestra mujer, y vuestra hixa María Careta de Lugo". O 7 de xuño de 1702, a súa vez, fáiselle un foro a: "Juan Careta, mareante, vecino del puerto de Combarro".

Do mesmo xeito que recollen o apelido Careta, o microtopónimo Labarcán é citado con certa frecuencia na relación foral do Mosteiro de San Xoán coa veciñanza do seu señorío en Poio. Nos seus foros refírense á "heredad de Labarcán en Casalvito" (1538); á "chousa de Labarcán" (1545); á viña de Labarcán (1558); á "fraga de Labarcán" (1584); ao "agro de Labarcán" (1668). A secuencia cronolóxica achéganos ao día de hoxe en que aínda este nome é usado polos veciños que teñen leiras na contorna da Cruz de Labarcán.

Agardamos que este primeiro estadio de coñecemento, dunha parte do noso patrimonio, sexa o alicerce sobre o que se erga o amor, imprescindible, para querer conservalo, e consecuentemente para, se é preciso, defendelo.

* Historiador