Como conmemoración do 110º aniversario de que o noso himno se deixou oír por primeira vez na capital cubana e para tamén celebrar o medio século da creación da Enxebre Orde da Vieira, coa sé en Madrid, esta Asociación trasladouse ao Centro Galego da Habana para homenaxear a galegos e descendentes de galegos que alá levaron e defenderon a nosa galeguidade e que seguen a facelo nestes tempos. Foi o pasado 30 de Novembro onde se lembrou ao insigne estradense Jesús Barros, aquel avogado nacido en Rubín e que sempre tendeu os seus brazos a todo aquel galego que por alá andase; tamén se lembrou, entre outros ao ferrolán don Xosé Fontenla Leal, quen propiciara que o noso himno se estrease alá na galeguidade habaneira. Así mesmo pendurou a cuncha da vieira do descendente de estradenses e tan loitador e abandeirado do noso pobo estradense don Manuel Barros Del Valle. Don Manuel segue a ser un fondo activista cultural na activa asociación "Hijos del Ayuntamiento de A Estrada". E non quixese esquecer ao poeta con dúas patrias -Galiza e Cuba / Cuba e Galiza-, o "bardo da colectividade galega na Habana", don Manuel Álvarez Fuentes. Ese profesor de galego no Centro Ourensán da Habana, ese descendente de galegos que dende os setenta anos está a crear poesía no noso idioma na Habana, sen xamais pisar terra galega, mais levando sempre pendurada a nosa bandeira no seu peito e no seu sentimento. Autor de obras poéticas abondas como calquera pode ollar na súa páxina da Galipedia creada polo alumnado de Literatura do IES Manuel García Barros da Estrada e que acaba de publicar unha nova obra titulada Libro Martiniano e Fidelista e que está a piques de ver publicada a súa primeira obra nestoutra súa patria, Galiza, titulado Versos de amor, loita... e compromiso.

Conforme dicía José Martí que "honrar honra", pois os galegos teriamos que honrar a estes GALEGOS habaneiros como é debido porque seguen a manter a chama da galeguidade moi acesa naquela contorna cultural realmente envexábel. Coidamos que deberiamos deixar a un lado aquela hipocrisía que encubrimos con marabillosas palabras e realmente apoialos con feitos. Cantos marabillosos discursos (?) se deixan oír na diáspora e despois soamente permanecen nas memorias de quen os oíu. A galeguidade vai dentro da persoa e non nuns símbolos externos que moitos e moitas exhiben por acá nas lapelas e nas redes...

Parabéns á Enxebre Orde da Vieira por levar alén o Atlántico eses recoñecementos culturais a xentes que tamén necesitan doutros moitos recoñecementos en forma de apoios claros e non tan pouco diáfanos.