Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

Antigas tradicións

Ocorre nun fronte estabilizado da Grande Guerra ou Guerra Europea. Uns soldados escoceses viron extrañas luces na trincheira inimiga. Os "hunos", ou sexa os alemáns, cantaban lindas coplas arredor daquelas luces. Miraron os escoceses cos prismáticos e chamoulles a atención unha árbore moi adornada e con candeas prendidas. Era a primeira vez que vían unha árbore de Nadal, aqueles escoceses. Se esto que lin fose certo, constituiría a proba de que nas Illas Británicas e nos anos 1914-1918 a árbore de Nadal era cousa descoñecida.

O que si que lles podo asegurar é que no Ourense dos anos corenta do século XX a única árbore de Nadal de que eu tiña noticia era a que cada ano se montaba no establecemento do señor Schrek. Debo advertir que Ernst Schrek (espero escribir ben o apelido) era unha persoa respectábel e excelente fotógrafo de orixe alemá, cuxo negocio abría as portas na que aínda chamaban Rúa de Alba. Por aquel tempo, Schrek facíalle a competencia ao Pacheco ourensano.

Nas casas dos nenos de clase media, en Ourense non tiñamos árbore de Nadal nin farrapo de gaita. Faciamos, iso si, o nacemento con figuriñas que se vendían nunha tenda de xoguetes baratos (os caros eran os do Bazar Puga), que estaba situada so os soportais da Praza Maior. Iamos ao musgo, ou carriza, a lugares de nomes moi divertidos, como eran os de Salto do Can, Rabo de Galo ou Regueiro Fozado.

O Frente de Juventudes convocaba premios para o que eles chamaba "belenes". Nós nin diciamos "belén" nin iamos ao Frente de Juventudes. Tamén facían as igrexas nacementos enormes con figuras con pretensións artísticas e, se cadra, antigas e valiosas. En todo caso, o nacemento de Santa Eufemia tiña ríos polos que descorría auga da traída, que en Ourense chamabamos "do canal". Os ríos dos nosos nacementos eran de papeis de prata. De Santa Claus non se falaba, aínda que si, un pouco, e á francesa, de Papá Noel. A autoridade dos Reis Meigos non era discutida por ninguén de ningures. Moitas das consideradas como antigas tradicións chegáronnos moi recentemente dos EE UU.

Compartir el artículo

stats