Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xosé Luis Méndez Ferrín.

O río non se esquece

A película de Ángeles Huerta nunca poderá ser esquencida por quen a viu cos ollos dos mortos propios. Trátase dun documental, aparentemente. O tema é o río que foi sepulto na Coruña pero que segue a fluír por baixo da superficie urbanizada. Trata da memoria e tamén da perda de memoria. Mesmo, dun punto de vista científico, o mal de Alzheimer está presente nunha lección clínica perfectamente articulada nun discurso impecábel en galego alto.

A carón, a altisonancia franquista en castelán de autoridades municipais responsábeis da ocultación do río amosan a súa inferioridade. O Lethes, o Oblidion, o río do Esquecemento. Esta película interpreta o río de Monelos, que foi encanado e cuberto polos poderes económicos e políticos pero que segue a latricar na alma.

Diciamos que esta é unha película sobre o Esquencemento e a Memoria. Falan os vellos e as vellas que viron derrubar as casas de Monelos, na Coruña. E que contan as reminiscencias do río das súas vidas. Unha voz feminina e narrativa vai recitando o discurso oral galego durante toda a duración do film. Isto acompásase coa linguaxe da edición ou montaxe, así de imaxes de arquivo coma recolleitas da realidade actual.

Existe unha perfecta harmonía; e un descenso ao Centro da Terra, ao Inferno. Será este o submundo do río que perdeu a luz e vai cego coma os fondos da ausencia de memoria.

O punto de vista dos axentes da ocultación do río é defensivo e fire. O das vítimas da violencia contra do río de Monelos é espléndido e luminoso. Doe lembrar, pero fai renacer. Os espectadores sentímonos implicados nese río que segue a fluír baixo Monelos e que vai parar ao mar en dúas gallas que fan un delta imposíbel. As mans dos redeiros, dos que fabrican as estachas. As das persoas anciás que debuxan as cores do río da nenez. Impresionan os xitanos que asocian a o soterramento do río coa pena negra da súa nación, e non saben que Lorca fixo dela poesía inmortal. Estamos a escribir sobre "Esquece Monelos", o documental, ou poema, de Ángeles Huerta sobre un río da Coruña que podería ser a Barbaña de Ourense.

Compartir el artículo

stats